O audiovisual en loito polo repentino falecemento do guionista e docente Daniel Domínguez

Foi un referente como mestre e guionista para toda unha xeración

Foi un referente como mestre e guionista para toda unha xeración
Daniel Domínguez Foto: EIS no Facebook
O sector do audiovisual lamenta hoxe a perda de Daniel Domínguez (Tui, 1955) que falecía de xeito repentino na madrugada do domingo. Director, guionista e docente, traballo este último que exerceu durante máis de 25 anos, formou parte do equipo fundacional da escola de Imaxe e Son da Coruña entre 1991 e 1998, que hoxe o despedía con tristura lembrando o seu grande carisma e o inesquecible da súa figura como mestre e amante do cinema. “As súas clases de Historia do Cine e Guión serán sempre lembradas como exemplo de paixón e entrega”, lembran desde a EIS. Na súa traxectoria na produción audiovisual o seu traballo coma guionista foi premiado no ano 202 co Premio Mestre Mateo por Terra de Miranda e está relacionado tamén con títulos tan coñecidos coma Mareas Vivas, As leis de Celavella, Padre Casares, Miña sogra máis eu, A vida por diante e a longametraxe Blanca Madison(Carlos Amil, 2000). Coma director fixo Río de sombras e O segredo. Durante gran parte da súa carreira estivo vencellado ao Grupo Voz Audiovisual e escribía no suplemento Fugas do xornal La Voz de Galicia. O pasado venres daba a que sería a súa insospeitada derradeira clase no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A Academia Galega do Audiovisual tamén quixo sumar o seu pesar ao da familia, amigos e do conxunto do sector por esta desaparición recordando que Domínguez foi “un referente para moitos de nós” e que deixou pegada en varias xeracións de profesionais que asistiron ás súas clases, conferencias e obradoiros.