Tuto Vázquez entra no Álbum de Galicia

Lémbranse os seus inicios como pioneiro do teatro e o audiovisual e a súa grande popularidade televisiva

Tuto Vázquez caracterizado como Don Crisanto na serie Padre Casares
Tuto Vázquez caracterizado como Don Crisanto na serie Padre Casares
O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, a colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos na nosa historia, ven de incorporar unha entrada sobre Tuto Vázquez (Ribeira, 1947- A Coruña, 2010), un dos actores de televisión máis recoñecidos e populares da nosa terra. Como explica Ana Abad de Larriva no álbum, Xosé Manuel Vázquez Martínez coñecido como Tuto Vázquez, foi un actor pioneiro de teatro, audiovisual e dobraxe. Participou en numerosas montaxes de compañías teatrais amadoras, profesionais e tamén do Centro Dramático Galego. Ademais, formou parte do grupo de persoas que elaboraron o proxecto fundacional da Escola Dramática Galega. No ano 2000 deixou os escenarios para dedicarse unicamente ao audiovisual onde acadou popularidade grazas ás series da TVG como 'Os outros feirantes', 'Pratos combinados', 'Mareas vivas', 'As leis de Celavella', ou 'Padre Casares', serie que tivo que deixar por motivos de saúde. Participou en longametraxes como 'Blanca Madison', 'O lapis do carpinteiro', ou 'Camiño de Santiago: A orixe'. Finou na Coruña en 2010. A súa ficha no Álbum inclúe numeroso material gráfico da súa traxectoria e outra documentación.