As restricións sanitarias e as medidas de afastamento social levaron á organización do Carballo Interplay a plantear unha realización completamente virtual deste evento que, xustamente pon o foco sobre as realizacións feitas para as redes dixitais. Todo o programa de actividades, encontros e mostra de producións que este ano se presentan neste evento desde a localidade de Carballo entre os días 18 e 21 de novembro terán Internet como punto de encontro exclusivo. Mentres outros festivais audiovisuais propuxeron formatos mixtos entre o presencial e o virtual, Carballo Interplay ten na rede o seu punto de partida natural e úsao de base fundamental ausente de riscos neste momento. O programa a través das tres diferentes seccións competitivas (VO Galego, Internacional e Estatal) ofrece en total máis de trinta producións con participación chegada de ata 14 países. Sete series en galego poderán verse este xoves 19 dentro da súa competición, Ademais haberá diversos encontros virtuais dentro do programa que tratarán, entre outros, temas como a presenza da muller no mundo dos videxogos, as etapas e xeracións dentro das creacións para YouTube en Galicia, o uso e consumo de podcasts en galego e mesmo a propia circunstancia da virtualidade dos eventos será obxecto dun encontro, Os festivais en tempos de distancia social e multipantalla no que participarán Ana Domínguez (S8), Ángel Sánchez (Play Doc) e Sonia Méndez (Carballo Interplay). Cada actividade e proxección ten asignado un horario e unha dirección no programa, que se pode consultar na web do festival.