Concerto na Sala Malatesta
Santiago de Compostela perde un dos seus espazos culturais de referencia na que era a súa segunda oportunidade. Tras albergar desde 1992 e ata 2011 unha parte importante da actividade cultural máis alternativa de Galicia, sendo espazo de residencia da compañía Chévere durante 25 anos e unha referencia en toda a comunidade cultural, o espazo mantívose pechado varios anos ata que unha nova iniciativa volveu darlle vida en 2015 baixo o nome Sala Malatesta acollendo actos, concertos e outras actividades culturais neste espazo situado na Rúa San Lourenzo. Agora, tras un ano inactiva por diversos conflitos con veciños e Concello, que levaron ao peche da sala por sanción administrativa durante 9 meses e tras un novo intento de programar actividades de cara ao final do ano, a empresa ven de anunciar o peche definitivo por novas accións do departamento de Urbanismo do Concellode Santiago contra a súa actividade, negándolles ademais por falta de resposta aos seus recursos o amparo legal preciso para a actividade.



