Novas | 591 a 600 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

06/10/2021
O Hub Audiovisual concede a súa primeira axuda para a rodaxe da serie 'Rapa'

O comezo da rodaxe da serie 'Rapa', producida por Movistar + xunto á empresa galega Portocabo, coincide coa resolución por parte da Xunta da concesión dunha axuda de 300.000 euros a este proxecto, que se converte así no primeiro adxudicatario da liña para a atracción de rodaxes do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural. A presentación de inicio da rodaxe, que se levará a cabo nas zonas de Cedeira, Ferrol e a Serra da Capelada contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, así como do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. 'Rapa' é unha trama creada por Pepe Coira e Fran Araújo e dirixida por Jorge Coira, con Alfonso Blanco na produción executiva, os actores Javier Cámara e Mónica López encabezan o reparto desta intriga de seis episodios de 50 minutos con estrea prevista en 2022.. Amplía a nova>>

04/10/2021
'Matria' pasa de curta a longa

Nos anos 2017 e 2018 Álvaro Gago sorprendía coa súa curtametraxe 'Matria', coa que gañou o premio do Xurado do Festival de Cinema de Sundance, o galardón á mellor curtametraxe española da Semana Internacional de Cine (Seminci) de Valladolid e outros sesenta galardóns por todo o mundo. Agora o realizador ven de comezar a rodaxe en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra da que será a súa primeira longametraxe, para a que colle como base xustamente a historia de 'Matria' levando a cabo unha pouco habitual evolución de formato sobre a mesma sinopse. . Amplía a nova>>

01/10/2021
O filme belga Playground érguese como vencedor no OUFF

O Festival de Cine de Ourense, OUFF, deu coñecer este 30 de setembro o seu palmarés, que encabeza o filme belgaPlayground, dirixido por Laura Wandel. A longametraxe que aborda a problemática do acoso escolar a través de dúas crianzas alzouse coa Calpurnia á mellor película e a súa directora recibiu ademais o premio Cima da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais. O Premio Especial do Xurado levouno Cima de Pepe Valle, e o Premio Xacobeo ao mellor filme galego, dotado con 12.000 euros, repartiuse entre Malencolía de Alfonso Zarauza e Eles transportan a morte de Helena Girón e Samuel M. Delgado.. Amplía a nova>>

30/09/2021
Gonzalo Suárez cede á Fundación Blanco Amor correspondencia co escritor

A pesares de que a documentación epistolar persoal está xa en proceso de total desaparición, hai aínda anacos do pasado que poden ser recuperados grazas a eses escritos. A Fundación Eduardo Blanco Amor vén de aumentar os seus fondos documentais coa cesión das cartas que o director, guionista e escritor Gonzalo Suárez recibiu do escritor ourensán con motivo da rodaxe da película 'Parranda' (1977), baseada na novela 'A Esmorga'. As tres misivas cedidas forman parte da correspondencia persoal que mantiveron o director e o autor, "pero só estás refírense directamente á rodaxe dunha película que ten a Ourense, á Auria Blancoamoriana, como protagonista", destacou Manuel Baltar, presidente da Deputación e da fundación. O cineasta ven de ser recoñecido polo Ourense Film Festival co seu galardón honorífico Calpurnia de Honra.. Amplía a nova>>

29/09/2021
Un documental en liña recolle a historia do festival Cantos na Maré

A evolución do festival Cantos na Maré desde a súa xestación en 2003 en Pontevedra ata a súa primeira edición compostelá. Este é o contido de Cantos na maré, 2003-2020, que se presentou o pasado 22 de setembro a coincidir coa última xeira do evento e que chega agora ás redes. O web da Secretaría Xeral de Política Lingüística recolle o audiovisual íntegro, que participou do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.. Amplía a nova>>

28/09/2021
'Eles transportan a morte' acada unha mención especial en San Sebastián

O paso da longametraxe 'Eles transportan a morte' pola 69ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián trouxo un novo recoñecemento para o palmarés que vai acumulando esta produción. O filme de Helena Girón e Samuel Delgado acadou unha mención especial do xurado da sección oficial Zabaltegui-Tabakalera, a sección competitiva máis aberta e sen limitación de formatos do veterano festival, que dá cabida ao cine que busca novas miradas e formas. os realizaadores e outros membros do equipo participaron nun coloquio no primeiro dos pases do filme no festival, no que supuxo a súa estrea en España. A estrea da película en Galicia tivo lugar a pasada semana dentro da programación do Ourense Film Festival. Amplía a nova>>

27/09/2021
O Play-Doc premia á arxentina Natalia Garayalde e na sección Galicia a Eloy Domínguez

A 17ª edición do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, rematou e deixou o seu palmarés oficial. O filme Esquirlas, da directora e guionista arxentina Natalia Garayalde, proclámouse triunfador do certame logo de obter o Premio Play-Doc 2021 do concurso internacional. Esquirlas parte da destrución da industria emblema da cidade da autora, a Fábrica Militar de Río Terceiro, en Córdoba. Miles de proxectís disparáronse contra o pobo que os producía. Con 12 anos, mentres tentaba escapar das explosións, Garayalde rexistrou a destrución da súa cidade cunha cámara de vídeo. Vinte anos despois atópase novamente con eses arquivos, nun momento no que a ameaza do polo industrial e militar aínda persiste no presente.. Amplía a nova>>

24/09/2021
O documental 'Negro Púrpura' chega ás salas de cine

Tras da súa proxección onte na xornada inaugural do Play-Doc de Tui, o filme documental "Negro púrpura", de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda), comeza hoxe a súa distribución en salas de cine comerciais e cine clubes. A película chegará inicialmente a oito localidades neste primeiro período de proxeccións, sumando sete salas de cine en Galicia, unha en Barcelona e o Cine Clube de Cangas. . Amplía a nova>>

24/09/2021
Premio ' Mulleres no Foco' para Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez

Nunha gran gala retransmitida en streaming e ao máis puro estilo cinematográfico no Auditorio Centro Social Afundación de Vigo, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) fixeron entrega dos I Premios "Mulleres no Foco", que naceron para poñer en valor o traballo feminino no sector que aínda permanece invisibilizado. As cineastas Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada convertéronse nas tres primeiras galardoadas por un xurado profesional de entre un total de 14 profesionais nomeadas. As premiadas recibiron de mans de Carmela Silva, a actriz Uxía Blanco e a produtora Chelo Loureiro, respectivamente, o premio deseñado pola artista Pilar Alonso. . Amplía a nova>>

23/09/2021
A Xunta lanzará un bono con descontos para o consumo cultural

A Xunta de Galicia porá en marcha este outono o Bono Cultura, un novo programa de descontos na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais, con que se ofrecerán descontos do 50 % para os clientes, cun alcance limitado a 39.000 beneficiarios. Segundo a intención do goberno autonómico trátase dunha medida cun dobre obxectivo: incentivar a demanda cultural e dinamizar o consumo de xeito seguro, así como favorecer o fortalecemento do sector axudándoo a reducir o impacto económico derivado da COVID-19. Os cálculos do executivo son que grazas a este bono -que conta cun orzamento de 1,95 millóns de euros- se mobilizarán ata catro millóns de euros nos establecementos e entidades culturais da Comunidade. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org