23/06/2022
Compostela presenta un mapa dos seus cinematógrafos
Santiago de Compostela foi a última das cidades galegas ás que chegou o cinematógrafo e, porén, contou ao longo da súa historia con 21 locales de proxección, partindo desde a chegada do cine en 1900 ata as últimas salas abertas na cidade, como NUMAX ou Cinesa As Cancelas. Onte o concello presentou o mapa destes cinematógrafos, levado a cabo pola cooperativa MAOS Innovación Social e que representa sobre a cartografía a localización destas salas canda unha información básica sobre as máis relevantes. O proxecto é parte da iniciativa "Compostela filmada", un espazo "no que se recolle a intensa relación de Santiago co cinema". .
Amplía a nova>>
13/06/2022
Alberto Vázquez estrea 'Unicorn Wars' en Annecy
O festival de cine de animación de Annecy, en Francia, acollerá a estrea mundial da nova longametraxe de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), 'Univ¡corn Wars'. O realizador e ilustrador presenta neste evento de alcance mundial o traballo ao que leva dedicado os pasados seis anos, e cuxo proxecto xa avanzou en Francia en 2018, no Cartoon Movie de Burdeos. O tres veces gañador dun Premio Goya nas categorías de animación, estrea este filme de 90 minutos dentro da sección oficial de longametraxes do certame francés, que se inicia este luns. 'Unicorn Wars' está producido en colaboración por catro empresas entre as que está Abano Producións, a produtora de Chelo Loureiro co que xa fixeran a produción de 'Decorado', que tamén lles valera un Premio Mestre Mateo. En 'Unicorn Wars' Alberto Vázquez coloca unha historia de amor fraternal nun escenario dun conflito bélico brutal e interminable entre dúas especies: os osiños e os unicornios no que é unha crítica antibelicista, moi axeitada ao momento na súa estrea..
Amplía a nova>>
10/06/2022
A serie 'Corpo do vento' explica a historia da organería galega
A serie documental 'Corpo de vento: viaxe ao corazón dos órganos galegos', realizado pola produtora Sirgo Torcendo ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube de Política Lingüística. 'Corpo de vento' consta de catro capítulos sobre o mundo dos órganos, que ten como obxectivo achegar un amplo público ás paisaxes organísticas e á historia da organería en Galicia ao tempo que contribúe a facer do galego unha lingua asociada a ámbitos que tocan a ciencia, a historia, a técnica e a arte. Os catro capítulos, de 20 minutos cada un aproximadamente, abordan diferentes aspectos relacionados con estes instrumentos: desde o contexto xeral do órgano en Galicia até os principais instrumentos que podemos atopar na nosa terra, facendo tamén referencia aos organistas que traballaron en Galicia e aos organeiros e a industria organeira galega ao longo da Historia..
Amplía a nova>>
10/06/2022
'Ons' recibe o premio de mellor longametraxe no Celtic Media Festival
O audiovisual galego sae do encontro internacional Celtic Media Festival na Bretaña francesa con dous galardóns. No evento celebrado na localidade de Quimper outorgouse a distinción de mellor longametraxe (Single Drama –over 30 mins-), á longametraxe 'Ons', de Alfonso Zarauza e que tamén ten no seu palmarés ata nove premios Mestre Mateo do audiovisual galego en 2021. Ademais diso o programa da TVG 'Malicia Noticias' resultou premiado na categoría de Comedia. O Celtic Media Festival que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 43 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Nunca se celebrou aínda en territorio galego..
Amplía a nova>>
01/06/2022
Youtubeiras recupera a presencialidade na súa sexta edición
Coa chegada de xuño arrincan tamén dous dos principais certames audiovisuais en rede do país. Youtubeiras presentaba na mañá deste día 1 a súa sexta xeira, que co lema
Para rede, a nosa quere alargar a comunidade creadora galega en Internet. Para isto, o certame recupera a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas, ao tempo que reestrutura as súas categorías e achega outras novidades..
Amplía a nova>>
27/05/2022
A Xunta incrementa nun 140 por cento as axudas aos cines grazas aos fondos Next Generation
O Consello da Xunta deu luz verde a un novo programa de axudas ás salas de cine que grazas ao Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos Next Generation EU ve incrementada a súa partida en máis dun 140% respecto a anteriores liñas similares. Se no ano 2021 as axudas da Xunta ás salas cinematográficas chegou a 21 negocios de 13 localidades grazas a un orzamento de 350.000 euros, nesta ocasión están sobre a mesa case 850.000 euros que, segundo a Xunta, "Permitirán sufragar o 80% do custo destas accións ata un máximo de 21.600 euros no caso dos espazos cunha soa pantalla ata os 55.300 euros para os que teñan ata un máximo de 15". As contías adxudicadas destinaranse a proxectos que se leven a cabo ata o 20 de abril de 2023 en relación con un ou con varios dos tres eixes preestablecidos: dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías, medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, captación e fidelización de públicos, así como innovación tanto na programación como na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España..
Amplía a nova>>
23/05/2022
Dúas historias da costa vencen no XIX Festival de Cans
O Festival de Cans baixou o pano este sábado coa Gala Final de Entrega dos Premios da súa XIX edición, celebrada como unha volta á normalidade do evento. As películas 'Rompente', de Eloy Domínguez, en ficción, 'Tatuado nos ollos levamos o pouso', de Diana Toucedo, na sección Furacáns e 'As pétalas murmuran', de Arantxa Ramos, en Novas Camadas, fixéronse co Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe. O xurado outorgou o premio á Mellor Dirección a Lois Patiño e Matías Piñeiro por 'Sycorax', que fixo dobrete e tamén acadou o Premio á Mellor Fotografía desta XIX edición para Mauro Herce. O actor de Vigo, Santi Prego fíxose co galardón ao Mellor Actor pola súa actuación en 'Devoradora de nenos'. O premio á Mellor Actriz foi para Violeta Gil, de quen resaltaron a súa capacidade para dar solidez e soster a película a partir do monólogo que desenvolve como Andrea en 'Así vendrá la noche'. Outros dos galardóns desta noite foron para a banda sonora orixinal de 'Sauerdogs', composta pola gañadora dun Goya Zeltia Montes e o Mellor Guión levouno o realizador de Marín Ángel Santos por 'Así vendrá la noche'. O xurado dos veciños outorgou o seu premio ao western 'Sauerdogs', do director vigués Guillermo de Oliveira e 'La entrega' valeulle a Pedro Díaz o Premio do Público desta XIX edición do Festival de Cans..
Amplía a nova>>
20/05/2022
Morre nun accidente de tráfico o actor Chete Lera
O actor Chete Lera morreu esta mañá nun accidente de tráfico en Málaga, ao caer por un barranco de 50 metros de altura. Lera, nacido na Estrada en 1949, tiña 72 anos. O actor, dunha dilatada traxectoria en cine, teatro e televisión, estivo moi vinculado ao cine galego e español dos anos 90, participando en numerosas producións galegas como
A noite que deixou de chover (2008), de Afonso Zarauza,
Os mortos van á presa (2006) de Ángel de la Cruz,
O neno de barro (2007) de Jorge Algora ou
Ilegal (2003) de Ignacio Vilar, xunto con películas con Fernando León de Aranoa, Alejandro Amenábar, Icíar Bollaín ou Montxo Armendáriz. .
Amplía a nova>>
20/05/2022
O Hub audiovisual convoca as axudas para o desenvolvemento de videoxogos
Apoiar novas producións de videoxogos en todo o seu proceso de creación, deseño e programación, así como de comercialización, distribución e difusión, na fase de prototipo. Este é o obxectivo da convocatoria de axudas que publica o Diario Oficial de Galicia deste 20 de xuño. A liña, dotada con 500.000 euros nace ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural e como parte das medidas do apoio ao sector do ocio interactivo no marco do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE..
Amplía a nova>>
13/05/2022
'Eles transportan a morte' chega hoxe aos cines comerciais
A longametraxe 'Eles transportan a morte', dirixida como 'ópera prima' polo tándem formado pola cineasta santiaguesa Helena Girón (1988) e o tinerfeño Samuel M. Delgado (1987), chega hoxe ás salas comerciais de cine en toda España. O filme poderá ser visto agora en máis de vinte cines para os vindeiros días tras do seu paso por diferentes festivais desde o pasado ano. A película pasou pola Viennale de Austria ; pola 36ª Semana da Crítica de Venecia, onde foi premiada a nivel técnico polo seu son; polo Festival de Cine de San Sebastián, onde acadou unha mención especial; polo festival Cinespaña de Toulouse, que lle deu o premio á mellor realización e mellor son e música; o OUFF, no que recibiu o Premio Xacobeo; e polo festival Novos Cinemas de Pontevedra, onde venceu na sección oficial. .
Amplía a nova>>