Alberto Vázquez estrea 'Unicorn Wars' en Annecy

A coprodución con participación galega 'Os demos de barro' tamén está no evento francés

A coprodución con participación galega 'Os demos de barro' tamén está no evento francés
Fotograma de 'Unicorn wars'
O festival de cine de animación de Annecy, en Francia, acollerá a estrea mundial da nova longametraxe de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), 'Univ¡corn Wars'. O realizador e ilustrador presenta neste evento de alcance mundial o traballo ao que leva dedicado os pasados seis anos, e cuxo proxecto xa avanzou en Francia en 2018, no Cartoon Movie de Burdeos. O tres veces gañador dun Premio Goya nas categorías de animación, estrea este filme de 90 minutos dentro da sección oficial de longametraxes do certame francés, que se inicia este luns. 'Unicorn Wars' está producido en colaboración por catro empresas entre as que está Abano Producións, a produtora de Chelo Loureiro co que xa fixeran a produción de 'Decorado', que tamén lles valera un Premio Mestre Mateo. En 'Unicorn Wars' Alberto Vázquez coloca unha historia de amor fraternal nun escenario dun conflito bélico brutal e interminable entre dúas especies: os osiños e os unicornios no que é unha crítica antibelicista, moi axeitada ao momento na súa estrea.



Ademais desta estrea, en Annecy estará tamén presente na sección " Long métrage contrechamp" a coprodución hispano-franco-portuguesa 'Os demos de barro' na que participan Caretos Films A.I.E. (Galicia), entre outros e que conta coa participación de TVG e Xunta de Galicia. esta produción está dirixida polo cineasta portugués Nuno Beato, e realizouse entre as cidades de Lisboa, A Coruña, Bilbao e Bordeus. Ademais a longametraxe conta coas voces de intérpretes galegos como Isabel Navieira, Monti Castiñeiras, Ledicia Soa ou Celso Bugallo. A película, inspirada visualmente na cerámica tradicional portuguesa, conta a historia de Rosa e do retorno ás súas raíces e á vida natural de campo e a súa aldea natal. 'Os demos de barro' trata temas como a destrución da natureza, o abandono do campo, a superficialidade das relacións humanas na vida moderna, así como a procura de novas formas de vida en equilibrio coa contorna.