Convocan a praza de dirección do Museo de Pontevedra

A Deputación provincial abre un proceso de selección por concurso de méritos

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe a resolución pola cal se convoca o posto de dirección do Museo Provincial de Pontevedra, dependente da Deputación. A apertura deste proceso levará a cubrir dun xeito estable esta praza que leva agora dous anos ocupada por Ángeles Tilve, conservadora xeral de fondos do Museo ata ese momento, desde a destitución de José Manuel Rey, que accedeu ao posto por medio dun concurso catro anos antes. A destitución de Rey e nomeamento directo de Tilve, por parte do goberno da Deputación, levou á dimisión de todos os membros do Consello Asesor do Museo, un órgano creado e designado desde a anterior etapa política da deputación.

As bases da convocatoria para cubrir este posto de alta dirección especifican como requisito da persoa aspirante ter a condición de funcionario/a de carreira ou laboral fixo/a das administracións públicas do subgrupo A1 e posuír o título de licenciatura ou grao en Xeografía e Historia, Historia da Arte, Belas Artes ou calquera outra disciplina análoga relacionada coas humanidades ou ben ter unha experiencia profesional acreditada de exercicio profesional de cinco anos nas administracións públicas coa categoría correspondente á titulación requirida de Licenciatura ou Grao nas referidas disciplinas. Segundo estas bases, a selección por parte dun órgano técnico de valoración levarase a cabo en atención aos principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, competencia profesional e experiencia. O órgano técnico, que inspeccionará o cumprimiento dos requisitos e valorará os méritos estará composto por persoal do ente provincial: o secretario da Deputación Provincial de Pontevedra; o xefe de Servizo de Cultura e a xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación. A dirección do Museo terá unha retribución bruta anual de 68.919,89 euros. Desde hoxe as persoas interesadas terán quince días para presentarse ao proceso.