09/11/2022
Preséntanse tres vídeos complementarios ao estudo sobre a muller no audiovisual galego
O informe " A representatividade e a representación das Mulleres no Audiovisual Galego. Ficción 2020" da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuais (CIMA) servirá de base para un acto hoxe no que tomará parte a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres-Romay e a directora de Igualdade da Uvigo, Águeda Gómez. O evento, que poderá seguirse en directo hoxe ás 17:00 horas pola canle de YouTube da deputación incluirá a presentación dos vídeos "Análise de Planos con perspectiva de xénero", "A representatividade das Mulleres no sector" e "desenvolvemento da proposta didáctica", para comezar logo un debate/conversa ao que se sumarán a actriz Mariana Carballal e a socióloga Amada Trabada. .
Amplía a nova>>
09/11/2022
Falece o documentalista valenciano LLorenç Soler
O cineasta valenciano Llorenç Soler falecía este martes 8 de novembro en Barcelona aos 86 anos de idade. Soler fixérase moi coñecido en Galicia polo seus traballos de documental nos que abordou importantes conflitos sociais que se deron no noso país nos últimos anos 70. Deste xeito, títulos como
Autopista, unha navallada á nosa terra (1977) e
O monte é noso (1978) amosaron unha perspectiva do país pouco vista ata entón e marcaron a historia do xénero no audiovisual galego..
Amplía a nova>>
08/11/2022
O Dúplex de Ferrol representará a España no Mes do Cine Europeo
A Academia do Cine Español seleccionou a sala ferrolá Dúplex como única representante do estado no Mes do Cine Europeo. O espazo galego será un dos 35 que representen outros tantos estados integrados neste programa a actuar como embaixadores das diferentes filmografías continentais..
Amplía a nova>>
07/11/2022
A XXXI Semana de Cine Submarino ofrecerá documentais de autor
A XXXIª Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, arranca este martes e achegará durante tres días ao público asistente destacadas producións audiovisuais, tanto locais, como internacionais, ás que seguirá cada unha das xornadas un debate no que participarán realizadores, persoal investigador e divulgadores mariños. A programación comprende seis documentais e unha conferencia nunha edición na que o fío condutor serán os documentais de autor españois. Ao longo das tres xornadas proxectaranse varios traballos con selo español, xunto con algún convidado internacional, cos que as e os espectadores percorreran dende os fondos da ría de Vigo, ata o río Douro, pasando polo mar de Sudán ou a fosa das Marianas en Java. A Semana ofrecerá durante a primeira xornada os audiovisuais "Mar limpo, mar vivo", da Confraría de Pescadores de Vigo; "One breathe around the world", protagonizado por Guillaume Néry, campión do mundo en apnea, e "Durienses: los endemismos del Douro", a proposta de augas doces da Semana na que o biólogo Carlos Rodríguez analiza durante tres anos de observación as especies na conca do Douro. .
Amplía a nova>>
03/11/2022
Premios para as realizadoras Diana Toucedo e Paula Cons
O filme "Tatuado nos ollos levamos o pouso", da realizadora Diana Toucedo alzouse co premio á mellor película da sección competitiva da Vª Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Ordes, Mares da Fin do Mundo. O xurado oficial acordou outorgar este premio ao filme de Toucedo, galega residente en Barcelona, co que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón. O xurado fixo tamén unha mención especial ao documental "Atalaia/Piueiro", de Xisela Franco, sobre as redeiras e sobre a carpintería de ribeira, para o que contou coa colaboración das Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e a de Embarcacións Tradicionais O Piueiro. O Premio do Público foi para o filme "Last of Us", de Andrea Marcovicchio..
Amplía a nova>>
02/11/2022
A RAG convida a usar o galego da man das Superheroínas
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago acollía na mañá deste 2 de novembro a presentación de
Superheroínas. A nova serie de producións audiovisuais da Real Academia Galega, que continúa o proxecto
Novas voces para a lingua, conta con mulleres que son referentes en distintos ámbitos para convidar a mocidade do país a empregar o galego..
Amplía a nova>>
31/10/2022
O festival CURTAS reparte os premios da súa 50ª edición
A curtametraxe "Compañeiros", de Fernando Tato e protagonizada polo desaparecido Pedro Brandariz, fíxose co premio a Mellor Curtametraxe Galega desta 50 edición do CURTAS Festival do Imaxinario de Vilagarcía. Ademais, pola peza "Teratoma", Jano Pita recibiu o recoñecemento como mellor director galego do certame. No palmarés de curtametraxes tamén levou premio á Mellor Curta de animación a obra "The Monkey" do director coruñés Xosé Zapata, que asina xunto con Lorenzo Degl’innocenti. O premio a Mellor Curta Fantástico foi para "Dispensary of Death" de Simon O’Neill (Irlanda, 2022), mentres que o público decantouse por "Operación Frankenstein",de José María Fernández de Vega (España, 2022). Na competición de longametraxes compre destacar o éxito da película italiana "Piove", que acadou ata catro galardóns: a Mellor Longametraxe; Mellor Director para Paolo Strippoli; Mellor Fotografía para Cristiano di Nicola; Mellores efectos especiais para Paolo Galliano e Chiara Bartoli. Ademis deste premios e do resto do palmarés desta edición, o festival fixo entrega dos seus premios honoríficos que, xunto aos nomes das figuras internacionais convidadas este ano (Mick Garris, Dave McKean e Lone Fleming) puxeron o do recentemente falecido Rafael Sabugueiro Gestal, un dos impulsores do certame de cine e vídeo en Vilagarcía..
Amplía a nova>>
28/10/2022
Cineuropa baila baixo a choiva
Celebrando a efeméride do musical "Cantando baixo a choiva", que se estreou fai 70 anos en 1952, o festival Cineuropa de Santiago de Compostela terá como eixo temático principal o ciclo 'Cancións para despois dunha guerra', unha ampla homenaxe ao cinema musical. A imaxe deste ano de Cineuropa está inspirada neste filme, con choiva de Santiago, un farol da Alameda e o paraugas morado e o vestido amarelo de Coralia, unha das dúas irmás Fandiño coñecidas como "As Marías". Hoxe mesmo o director do evento, José Luís Losa, presentou o programa da que será a 36ª edición deste evento, que terá comezo o vindeiro 4 de novembro e que suporá a proxección de ata 126 películas nas que estarán representados 30 países. No caso do ciclo sobre cine musical serán 23 os títulos que ofrecerá, películas que abranguen desde o musical clásico de Hollywood ata o
revival que o xénero coñeceu a finais da década dos sesenta. O festival dará os seus Premios Cineuropa de honra ao cineasta galego Lois Patiño, ás actrices Ana Belén e Charo López e ao realizador lisboeta João Pedro Rodrigues. Como primicias, proxectaranse no Cineuropa a película española "Mantícora" de Carlos Vermut, e a arxentino- alemá "Trenque Lauquen" de Laura Citarella..
Amplía a nova>>
28/10/2022
O festival Mares da Fin do Mundo achega unha vintena de filmes a Outes
O filme
Luzzu de Álex Camilleri, sobre un mariñeiro tradicional de Malta, abre ás cinco e media da tarde deste 28 de outubro
Mares da Fin do Mundo a V Mostra Internacional de Cinema Documental do Concello de Outes. O programa, que se desenvolve ata o vindeiro 1 de novembro, achegará unha vintena de filmes chegados dunha ducia de países..
Amplía a nova>>
25/10/2022
Un encontro internacional de mulleres da escena reúne a 30 creadoras en Vigo
A Casa das Artes en Vigo acolle entre os día 25 e 27 de outubro
MEI 2022. I Encontro Internacional de mulleres da escena en igualdade. A asociación Clásicas e Modernas coordina esta iniciativa que, baixo o lema
Creando redes por unhas artes escénicas en igualdade reúne unha trintena de creadoras, directoras, produtoras, xestoras e dramaturgas..
Amplía a nova>>