24/10/2022
Seis galardóns para a longametraxe "O home e o can" en Madrid
A nova longametraxe do cineasta Ángel de la Cruz, "O home e o can" estreada recentemente no OUFF ven de acadar ata seis premios no Festival de Cine de Madrid, que organiza a Plataforma de Nuevos Realizadores. A película producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes, proxectouse no idioma galego orixinal na 31ª edición do festival madrileño e foi galardoada cos premios ás mellores interpretacións masculina e feminina para Manuel Manquiña e Paula Chaves, o Premio da Crítica á mellor película e os galardóns á Mellor Montaxe, Mellor Dirección de Casting e Mellor Guión. .
Amplía a nova>>
24/10/2022
Alberte Pagán gaña dous premios do INTERSECCIÓN da Coruña
O cineasta Alberte Pagán (O Carballiño, 1965) coa súa curtametraxe "Elefante" foi un dos grandes recoñecidos do festival INTERSECCIÓN de Arte Audiovisual Contemporánea que pechou este domingo a súa quinta edición na Coruña. O traballo de Pagán acadou o premio do xurado da Sección Galicia así como o Premio A Colectiva da mesma sección. O filme de Pagán recibiu recentemente unha mención especial no festival Curtocircuíto de Santiago. Outro dos títulos laureados no palmarés deste INTERSECCIÓN foi o filme portugués "Super Natural" Jorge Jácome, que recibiu o premio do xurado da Sección Internacional, así como o Premio NUMAX. Dentro da Sección Galicia a peza "XotaManeoMuiñeiraPasodobleRumba" de Juan López, recibiu o Premio Contemporánea, que inclúe a exposición da obra seleccionada en galerías da asociación Contemporánea. Ademais "The Softboy" de Laura Tabarés acadou unha mención especial do xurado da sección galega, igual quer na sección oficial conseguiu o filme "Fe" da donostiarra Maider Fernández. O público que pasou por esta edición do festival con máis duin cento de obras proxectadas decantouse no seu voto pola peza "La piel de Marte", de Maite Redondo..
Amplía a nova>>
21/10/2022
O Cebreiro acolle a preestrea do documental sobre Elías Valiña
A igrexa de Santa María do Cebreiro acolle na tarde deste 21 de outubro a preestrea do documental
Elías Valiña. O inventor das frechas amarelas. Dirixido por Aser Álvarez e desenvolvido pola asociación Acude Rural e a produtora Arraianos Producións, este proxecto repasa a traxectoria do crego que impulsou as peregrinacións modernas..
Amplía a nova>>
20/10/2022
O Curtas do Imaxinario viaxa no tempo polo seu 50 aniversario
O 21 de outubro, este vindeiro venres, dará comezo en Vilagarcía de Arousa a 50ª edición do Curtas Festival do Imaxinario, o festival cinematográfico decano de Galicia celebrará ata o día 30 o seu medio século de existencia cunha referencia ás viaxes no tempo, ao coincidir a súa data de inicio (21 de outubro) con aquela á que chegaba Marty McFly, personaxe protagonista da saga "Regreso ao futuro" na segunda entrega da triloxía. Por tal motivo as tres películas desa coñecida saga dirixidas por Robert Zemeckis proxectaranse durante o evento e ademais haberá unha exposición que reunirá unha das maiores coleccións da saga de Europa e a maior de España. Unha gran colección, que inclúe máis de 400 obxectos, roupa dos personaxes,
merchandising, autógrafos, produtos "screen accurate" (idénticos aos vistos en pantalla) e por suposto, algunhas pezas orixinais da saga e rarezas. Mesmo un coche Delorean similar ao das películas poderá verse en Vilagarcía estes días..
Amplía a nova>>
19/10/2022
'Unicorn Wars' de Alberto Vázquez estréase este venres en 29 salas de toda España
'Unicorn Wars', a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, chegará este venres as salas comerciais de cine en toda España. Case trinta salas de todo o Estado proxectarán o filme nesta fin de semana, dez delas en Galicia, onde ademáis poderá verse na versión orixinal en galego en Lugo, Santiago e Ferrol, canda menos. En total serán 25 as localidades de toda España onde se poderá ver este filme que ven de pasar polo festival internacional de Sitges con gran acollida. Con 'Unicorn Wars', o creador coruñés consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos obtidos con 'Psiconautas, los niños olvidados', filme co que gañou o Goya á mellor longametraxe de animación, e coas súas aclamadas curtas Birdboy e Decorado -premios Goya á mellor curta de animación en 2012 e 2017, respectivamente− ou 'Homeless Home', esta última galardoada hai dous anos en Annecy co premio especial do xurado. A nova longametraxe está coproducida pola empresa galega Abano Producións xunto coa vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit e Schmuby..
Amplía a nova>>
18/10/2022
INTERSECCIÓN ofrecerá vintedúas estreas mundiais da vangarda audiovisual
Hoxe comeza na Coruña a quinta edición de INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, que ata o vindeiro 23 de outubro reunirá na cidade a máis de 120 cineastas, artistas e outros profesionais do cinema de vangarda e a arte contemporánea. Máis de 100 de obras producidas en máis de 20 países distintos poderán verse nas proxeccións do encontró. Serán obras seleccionadas e laureadas en festivais e museos tan relevantes como Cannes, Berlinale, Rotterdam, Nueva York, a Bienal de Venecia, o MoMA, a Tate ou o Museo Reina Sofía. Vintedous son estreas mundiais e outras vinteseis están por primeira vez en España. O Cine París e a Filmoteca de Galicia acollerán as proxeccións das sesións competitivas. Ademais, o Cine París, reaberto ao público con este festival, albergará tamén unha zona con oferta gastronómica e unha das seccións máis novidosas deste ano: unha instalación de Realidade Virtual (RV)..
Amplía a nova>>
17/10/2022
O ciclo 'Cinema Mulleres' conectará Galicia con Arxentina
O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo volverá a acoller desde o 28 de outubro e ata o 24 de novembro a segunda edición de "Cinema Mulleres", iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e o Consulado da Arxentina para reivindicar e visibilizar o papel da muller na produción audiovisual nos dous lados do Atlántico. Este segundo ciclo de cinema feminista volve aínda con máis forza, xa que aumenta os días de proxeccións que, amais, dan o salto cruzando o charco ata Arxentina, para chegar ao Centro Cultural 25 de Mayo en Bos Aires. Cinema Mulleres ofrecerá este ano a proxección de ata sete curtas e longametraxes asinados por mulleres galegas e arxentinas, que serán abertas ao público. Son a longametraxe galega "Onde máis doe" e a curta arxentina "La cuarta ola", que se proxectarán no MARCO o 8 de novembro; a longametraxe arxentina "Las motitos" e a curta galega ""Benvidas ao club" o 17 de novembro; e finalizará en Arxentina o 24 de novembro no Centro Cultural 25 de Mayo de Bos Aires coa proxección das curtas galegas "Feminazi" e "As mulleres salvaxes", e da longametraxe, tamén galega, "A poeta analfabeta"..
Amplía a nova>>
14/10/2022
AMAL cumpre vinte anos amosando en Galicia a cultura árabe
Vinte anos leva a Semana de Cinema Euroárabe AMAL construíndo unha ligazón especial entre a cultura árabe e a galega. Entre os días 24 e 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago terá lugar a realización desa vixésima edición que traerá de novo mostras da expresión audiovisual das terras do oriente próximoe as súas sensibilidades e problemáticas, neste caso con cinco proxeccións, tres películas de ficción e dúas documentais, que se poderán ver en pases únicos por día. A primeira sesión de cinema de AMAL 2022 será o martes 25, coa longametraxe de ficción "1982"; o mércores 26 o documental "The Captains of Zaatari"; o xoves 27 a película "Farha"; o venres 28 o documental "Mayor"; e o sábado 29 a ficción "You resemble me". .
Amplía a nova>>
10/10/2022
Nerea Barros triunfa no XIX Curtocircuíto coa súa estrea na dirección
A actriz santiaguesa gañadora dun Premio Goya, produtora e tamén realizadora Nerea Barros ven de obter un duplo éxito na propia casa con 'Memoria' a curtametraxe documental coa que se estrea no traballo de dirección. O festival Curtocircuíto, no palmarés da 19ª edición que ven de rematar tras 9 días de proxeccións, recoñece o seu traballo co Premio Galiza ó mellor filme galego do certame e ademais co Premio CREA á Mellor dirección galega. O xurado da sección Planeta GZ, de curtametraxes galegas, tamén tivo unha mención especial para a peza 'Elefante', de Alberte Pagán. No relativo a audiovisuais galegos compre mencionar tamén o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Santiago Turismo e Santiago de Compostela Film Commission, que foi para 'Ollada noutra Compostela', de Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas e Diana Iglesias..
Amplía a nova>>
07/10/2022
A Xunta reedita os Bonos Cultura
O Consello da Xunta informou favorablemente da posta en marcha este outono dunha nova edición do Bono Cultura, o programa de descontos na compra de produtos ou na utilización de servizos culturais. A nova edición deste programa contará cun orzamento dun millón de euros e emitirá 20.000 bonos con descontos do 50% nos servizos ou produtos das empresas que se adhiran á campaña autonómica. As cifras son menores que as da campaña anterior, que chegou aos 1.950.000 euros e emitiu ata 39.000 bonos de 50 euros cada un. O s obxectivos tampouco son os mesmos, segundo asegurou o titualr do goberno autonómico, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello: “Se na primeira edición o obxectivo foi volver a reactivar o consumo nos comercios de proximidade tras a pandemia, agora cómpre botar unha man ao sector e os consumidores nesta nova crise de suba de prezos”, indicou Rueda. .
Amplía a nova>>