Novas | 301 a 310 de 4138

<< Anterior Siguiente >>

17/01/2023
Tareixa navaza é recoñecida co II Premio de Honra Dolores Ben

"Unha imprescindíbel do xornalismo, o primeiro rostro da televisión en galego", así define a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a Tareixa Navaza, a quen acaba de recoñecer do II Premio de Honra Dolores Ben. O galardón valora o traballo de persoas e institucións "que encarnan os valores de loita e defensa do ben común" da que foi presidenta da entidade entre os anos 2007 e 2019.. Amplía a nova>>

17/01/2023
O audiovisual protagoniza as III Xornadas de Normalización

As posibilidades do audiovisual como medio normalizador, particularmente no ensino, centran as III Xornadas de Normalización Lingüística. A Mesa pola Normalización, o sindicato CIG-Ensino e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organizan o encontro que se desenvolverá este 21 de xaneiro en Santiago de Compostela.. Amplía a nova>>

13/01/2023
A Xunta aumenta as axudas aos festivais audiovisuais galegos

A Axencia Galega de Industrias Culturais publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria de subvencións a festivais galegos do sector audiovisual, que veñen sumarse así ás liñas de axuda audiovisual publicadas onte mesmo polo ente autonómico. Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, esta liña diríxense a persoas físicas, xurídicas e a entidades locais organizadoras de festivais que teñan lugar entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. Entre os requisitos exixidos, establécese unha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como contar con tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debe conter un 5% de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas. A nova convocatoria mantén a tendencia de crecemento orzamentario que xa viña experimentando desde 2015 e marca unha nova cifra máxima cunha dotación de 225.000 euros, aumentando en 15.000 euros a dotación pasado ano. Esta diferenza vai directa á modalidade de axudas dirixidas a entidades locais promotoras destes eventos, mentres que no pasado ano aumentárase considerablemente a parte destinada a asociacións, a máis cuantiosa en todo caso. Deste xeito o reparto do orzamento queda repartido do seguinte xeito entre o tipo de entidades promotoras de festivais: 35.000 euros para entidades locais; 20.000 euros para empresas; 170.000 euros para asociacións. . Amplía a nova>>

12/01/2023
Os videoxogos galegos terán axudas para acudir a foros profesionais

A nova convocatoria das axudas da Axencia galega de Industrias Culturais (AGADIC) á comercialización e difusión de contidos audiovisuais para apoiar a súa presenza en foros de negocio especializados e eventos fóra de Galicia ven de incorporar tamén a categoría de videoxogos, de xeito acorde ao tratamento que estes produtos teñen no HUB Audiovisual da Xunta de Galicia. Hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a resolución coas bases destas axudas, que engaden estes produtos ao resto dos contidos audiovisuais susceptibles de recibir axuda autonómica para acudir aos foros especializados internacionais e do resto de España. O orzamento non varía respecto á anterior convocatoria, mantendo os 50.000 euros. A máxima subvención á que pode aspirar unha produción audiovisual galega, segundo as bases é de 20.000 euros, no caso de acudir á entrega dos premios Oscar da academia cinematográfica estadounidense cunha longametraxe de produción galega como finalista a mellor filme de fala non inglesa. As concesións de axuda fanse en réxime de concorrencia non competitiva.. Amplía a nova>>

04/01/2023
Os Premios Mestre Mateo baten marcas de participación

A Academia Galega do Audiovisual abriu o prazo de votación para seleccionar os proxectos finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo. A entidade destacou que a convocatoria conseguiu unha marca de participación ao sumar 194 proxectos a competición para as súas 26 categorías, un 19,7% máis respecto á pasada edición. Destes, un 67,3% teñen a súa versión orixinal en galego.. Amplía a nova>>

02/01/2023
Dispoñible en liña o documental sobre o naufraxio do 'City of Agra'

A produtora Vizuals Lab acaba de publicar o documental completo do naufraxio do 'City of Agra', un mercante británico que naufragou en 1897 diante das costas de Arou e Camelle. O barco partira de Glasgow e ía destino a Calcuta. O documental permite a súa visualización completa, un modo con subtítulos ou tamén o acceso por temáticas concretas, xunto coa descarga de fichas e material documental. O proxecto foi elaborado coa colaboración da Deputación da Coruña. Amplía a nova>>

27/12/2022
Xosé Antón Cascudo gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

A obra A mística da feminidade en Mad Men, de Xosé Antón Cascudo, foi seleccionada polo xurado do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio como vencedora da edición deste 2022. O galardón, dotado con 3.000 euros, está organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais a Editorial Galaxia, que publicará a obra, co patrocinio de Caixa Rural Galega.. Amplía a nova>>

22/12/2022
A CRTVG abre tres novas canles na rede para o público máis novo

Cos títulos de Pequerrech@s, Cativ@s e Mociñ@s, a CRTVG presentaba este 21 de decembro as súas tres novas canles específicas para público infantil por Internet. As emisións acumulan un total de 46 títulos e máis de 2.600 episodios e poden seguirse mediante transmisións en streaming no web e na app da corporación.. Amplía a nova>>

20/12/2022
A Costa da Morte chega á Berlinale co filme 'Sica'

Xente real da Costa da Morte e falando en galego protagoniza 'Sica', a longametraxe da directora catalá Carla Subirana que ven de ser seleccionada para participar na Berlinale o vindeiro mes de febreiro, na sección Generation. A longametraxe, rodada integramente nesta comarca galega e participada na produción por Miramemira, está en parte protagonizada por actores non profesionais, veciños da zona, como Thais García Blanco, unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños que dá vida á personaxe principal. Tamén participan dela Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras, como non profesionais debutantes nestas labores da interpretación dando vida a algunhas das personaxes. A parte profesional virá dos actores Lois Soaxe e a catalá Núria Prims. O filme narra a historia dunha moza de catorce anos cuxo pai afogou nun dos moitos naufraxios desta parte da costa e que, obsesionada con recuperar o corpo vai investigando as circunstancias do accidente e atopando que as cousas co seu pai e coa súa comunidade non son o que semellaban. Ademais das personaxes, a propia Costa da Morte coa súa natureza é unha das presenzas importantes do filme, que conta na dirección de fotografía con Mauro Hercé, (director de fotografía de "O que arde"). A proxección na Berlinale suporá a estrea mundial da película dirixida por Carla Subirana, quen tamén asina o guión xunto con Júlia Parés. . Amplía a nova>>

16/12/2022
Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín gañan Premio Daniel Domínguez de guión en galego

O guión 'Acotío', escrito por Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín, é o gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio de Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia. Os outros finalistas foron 'Abellón' de Fon Cortizo e 'Resurrection' de Ángela Andrada e Fernando Tato. O xurado formado por Sara Gómez, Ángel Manzano e Víctor Grande, integrantes da Xunta Directiva de AGAG, decidiron por maioría conceder o premio a Acotío "pola súa sensibilidade á hora de abordar temas tan delicados como a perda e a súa construción de personaxes que zumega verdade." Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín recibirán o premio de 2.000 euros amais dunha subscrición gratuíta ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Os finalistas Fernando Tato, Ángela Andrada e Fon Cortizo terán tamén o accésit da subscrición a Filmarket Hub. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org