16/12/2022
O Ano de Florencio Delgado remata con cine
Hoxe estréase en libre acceso a través da plataforma You Tube o documental que ven a incluír contido no tramo final desde ano de homenaxe ao autor valdeorrés ao que lle dedicou o Día das Letras Galegas. "Florencio Delgado Gurriarán do A ao Z" é o título deste audiovisual escrito e dirixido por Aser Álvarez, de Arraianos Producións. Malia que a produción xa puido verse no Festival Internacional de Cine de Ourense e no festival Cineuropa de Santiago, hoxe preséntase ante o gran público a través desta plataforma ao mesmo tempo que se proxecta no Centro Cultural Avenida da Rúa (Ourense) ante máis de douscentos estudantes da vila. Cunha duración de case unha hora, o documental ofrece un percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual, a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares, veciños e amigos. Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, coas musicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo. E antes de que remate a fin de semana tamén terá lugar a estrea doutra peza documental que ven engadir coñecemento sobre o autor. En concreto o domingo, día 18 no mesmo lugar, o Centro Cultural Avenida da Rúa, terá lugar a pre-estrea da longametraxe documental 'Florencio na Terra' dirixida por Domingo Díaz Docampo e producida por SocialDocs. A película, gravada en Valdeorras e México e con secuencias de animación que recrean episodios da vida de Florencio, é un achegamento persoal e creativo á figura do poeta. A súa estrea oficial será durante o 2023..
Amplía a nova>>
14/12/2022
Nace Pipocas, o catálogo web de contidos audiovisuais en galego
Un catálogo na rede que aspira a recoller todos os filmes e series que están dobrados ou lexendados ao galego. Esta é a proposta de
Pipocas, o web que presentou este 14 de decembro A Mesa pola Normalización Lingüística e que arrinca cun cento de referencias..
Amplía a nova>>
13/12/2022
Ames terá un organismo para acelerar a produción audiovisual
O Concello de Ames, na comarca de Santiago, porá en marcha un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais cos obxectivos de impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o cada vez máis importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio. O 'Ames AudioVisual LAB' xurde dun convenio entre o propio concello e a Deputación Provincial da Coruña, que achega o 80% do orzamento de 200.000 euros co que se creará. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, asinaron onte o convenio de colaboración para este fin. 'Ames AV LAB' conta coa colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais e de empresas do sector con base no concello amiense, en concreto no polígono Novo Milladoiro, como Ficción Producións, Cinemar Films, Zenit Tv, Setemedia, Alfonsín DIgital Lab. Nese polígono tamén será onde se sitúe este novo proxecto, nas instalacións do
Coworking 'A Proa' da rede provincial de espazos de traballo colaborativo..
Amplía a nova>>
12/12/2022
O festival Novos Cinemas comeza a súa VII edición
O festival internacional Novos Cinemas de Pontevedra prepárase para inaugurar mañá martes a súa sétima edición que ofrecerá un programa de proxeccións, obradoiros, encontros e un laboratorio de proxectos ata o vindeiro día 18 de decembro. A Sección Oficial do festival acolle esta vez nove longametraxes inéditas en Galicia -seis delas inéditas en España- que intentan ilustrar algúns dos posibles estadios do cinema contemporáneo desenvolvido polos cineastas Sorayos Prapapan, Miryam Charles, Agustina Pérez Rial, Tyler Taormina, Helena Wittmann, Bianca Lucas, Brent Chesanek, Brent Chesanek, Cyril Schäublin e Leonardo Mouramateus. O evento comezará, como cada ano, coa proxección das pezas do obradoiro que o festival leva en colaboración coa Universidade de Vigo, impartido nesta edición polos cineastas Helena Girón e Samuel Delgado. As obras resultantes poderán verse no Teatro Principal de Pontevedra ás 16h30..
Amplía a nova>>
09/12/2022
'O corpo aberto' chega este venres aos cines
Este venres chega ás salas de cine de todo o Estado a longametraxe "O corpo aberto", protagonizada por Tamar Novas e dirixida e escrita por Ángeles Huerta, a partires do relato "Lobosandaus", escrito por Xosé Luis Méndez Ferrín no seu libro "Arraianos"(Xerais, 1991). É a primeira adaptación cinematográfica dunha obra do autor ourensán. O filme é unha coprodución hispanolusa entre as compañías OlloVivo (Galicia), Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal). Presentada como "terror folk" ou "western de ambientación gótica", narra a historia de Miguel, un mestre novo, que no ano 1909 chega a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea de tradicións ancestrais dominada pola superstición, na que ocorren cousas que poñen en cuestión os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos. A película rodouse integramente na rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense. A banda sonora está asinada por Mercedes Peón..
Amplía a nova>>
09/12/2022
As curtametraxes protagonizan a sexta xeira de Animacción
Desde este 9 de decembro e ata o vindeiro día 17 a sexta xeira do Festival Animacción achega á Coruña unha selección das máis recentes producións de cinema animado internacional. As actividades botan a andar coa proxección do filme
Buñuel en el laberinto de las tortugas e cun encontro con Fermín Solís, autor da banda deseñada na que se basea o mesmo..
Amplía a nova>>
05/12/2022
A Coruña disporá dun gran estudo virtual de produción audiovisual
A Deputación da Coruña anunciou a creación dun "estudo virtual de produción audiovisual" na "cidade das TIC" da Coruña co obxectivo de ofrecer servizos para produtoras que permitan a filmación de 'contidos inmersivos de ficción' no interior de plató. Para o proxecto destinaranse 6'7 millóns de euros, dos que cinco millóns estarán financiados con cargo aos fondos Next Generation e 1'7 proceden de fondos propios da Deputación coruñesa. O estudo inclúe o que se coñece como 'plató Mandalorian', unha pantalla LED de enorme definición que permite gravar a personaxes fóra de espazos naturais. Este tipo de instalacións permiten reducir moito os custes de produción e postprodución, e empréganse moito para a simulación de exteriores. .
Amplía a nova>>
05/12/2022
A Filmoteca de Galicia apura con novas ofertas a celebración sobre María Casares
A Filmoteca de Galicia manterá o protagonismo de María Casares, no ano do seu centenario, a través da súa programación deste decembro e no mes de xaneiro. Tres filmes, unha gravación dunha das súas obras teatrais, e a presentación dun libro traerán de novo a memoria da actriz coruñesa ante o público neste derradeiro mes do ano. O ciclo María Casares no seu centenario ofrece o documental 'Las dos memorias', de Jorge Semprún, e as longametraxes de ficción 'La lectora', de Michel Deville, o día 7 e 'Monte bajo', de Julián Esteban, o día 9. Para o día 22 está programada na cinemateca autonómica a proxección dunha gravación en directo da produción teatral Macbeth, de 1959, na que a actriz galega lle daba vida a Lady Macbeth baixo a dirección artística de Claude Barma. Neste sentido a Filmoteca está a traballar en recompilar unha escolma co fin de ofrecer unha serie de material televisivo pouco coñecido sobre a gran intérprete. Xa a partir de xaneiro, poderá verse na Sala José Sellier da Coruña parte desta recompilación, que incluirá tamén a proxección da posta en escena de Hamlet e un par de telefilmes, así como varias intervencións de María Casares e noticias sobre ela na televisión francesa. Ademais fóra xa do estritamente audiovisual, a sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acollerá o martes 13 a presentación do libro 'A única. María Casares' a cargo da súa autora, a escritora e tradutora francesa Anne Platagenet..
Amplía a nova>>
01/12/2022
Zahera, Anido, Tosar, Barros e Vázquez finalistas a un Goya
A película "As bestas" de Rodrigo Sorogoyen, rodada en Galicia e tomando como base un suceso real ocorrido tamén na nosa comunidade, ven de obter 17 candidaturas finalistas nos Premios Goya do cine español. Entre elas, dúas recaen directamente en dous dos intérpretes galegos do filme: Luis Zahera e Diego Anido. Ambos actores dan vida a dúas personaxes principais da historia, e optan polo seu traballo ao premio a Mellor actor de reparto, competindo entre si e con outros tres intérpretes. Ademais deles o lucense Luis Tosar entra tamén no listado de finalistas a Mellor actor protagonista pola súa interpretación en "En los márgenes". Outra importante presenza galega nesta recta final cara os premios da academia española é a do filme "Unicorn Wars" de Alberto Vázquez, que é candidato ao galardón a mellor película de animación. Ademais deles a academia tamén seleccionou como finalista na categoría de curtametraxe documental o filme "Memoria" de Nerea Barros, que supón o debut na dirección da actriz compostelá. A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España deu a coñecer esta mañá a lista completa de finalistas. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 11 de febreiro en Sevilla..
Amplía a nova>>
30/11/2022
O Chanfaina Lab recibe o XI Premio José Sellier
O proxecto de creación audiovisual colectiva Chanfaina Lab, que se celebra anualmente no Concello de San Sadurniño, foi recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual co XI Premio Especial José Sellier. A Academia destaca desta iniciativa "que fomenta a liberdade creativa e favorece a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica"..
Amplía a nova>>