'O corpo aberto' chega este venres aos cines

O filme que adapta un relato de Méndez Ferrín será obxecto de presentacións en salas por parte do equipo artístico e de produción

Este venres chega ás salas de cine de todo o Estado a longametraxe "O corpo aberto", protagonizada por Tamar Novas e dirixida e escrita por Ángeles Huerta, a partires do relato "Lobosandaus", escrito por Xosé Luis Méndez Ferrín no seu libro "Arraianos"(Xerais, 1991). É a primeira adaptación cinematográfica dunha obra do autor ourensán. O filme é unha coprodución hispanolusa entre as compañías OlloVivo (Galicia), Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal). Presentada como "terror folk" ou "western de ambientación gótica", narra a historia de Miguel, un mestre novo, que no ano 1909 chega a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea de tradicións ancestrais dominada pola superstición, na que ocorren cousas que poñen en cuestión os límites entre o mundo dos vivos e o dos mortos. A película rodouse integramente na rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense. A banda sonora está asinada por Mercedes Peón.

A película poderase ver desde hoxe en 16 salas de 9 localidades galegas: A Coruña (Cantones, Marineda, Espacio, Rosales) ; Ferrol (Duplex); Xinzo (Gesma); Lugo (Códex, Termas); Narón (Odeón); Santiago de Compostelá (NÚMAX, Compostela, As Cancelas); Vigo, (Gran Vía, Norte, Yelmo); A Estrada (Central). Ademais esta fin de semana moitas das proxeccións estarán apoiadas con presentacións por parte do equipo de produción e artístico da película nalgúns destes lugares e noutros fóra de Galicia, como nos Cines Renoir Princesa de Madrid, onde se proxectará ás 20:40 hoxe con presentación a cargo da actriz María Vázquez e sábado e domingo no mesmo horario contando coa inte4rvención do protagonista, Tamar Novas, ambos días. O actor estará hoxe ás 19:30 horas en Santiago, en NÚMAX presentando o filme con coloquio xunto coa directora Ángeles Huerta e o produtor Gaspar Broullón. A realizadora estará mañá no Dúplex de Ferrol ás 17:30 facendo tamén un coloquio de introdución ao filme co actor Mique Insua e o mesmo día, ás 20:10 na Coruña apoiarase a proxección en Cantones tamén por ambos. O actor Federico Pérez xuntarase co produtor Gaspar Broullón o domingo na Estrada ás 19 horas, para facer un coloquio previo á proxección e o mesmo día, en Vigo, a directora xunto ao actor Nicolás Otero estarán nos Multicines Norte ás 20:00 horas para presentar tamén o filme. O vindeiro xoves, 15 de decembro, na proxección en Lugo no cine Códex ás 20:30 horas serán Pepe e Jorge Coira os que fagan unha introdución en vivo á película.