O guión 'Acotío', escrito por Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín, é o gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego, organizado pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio de Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia. Os outros finalistas foron 'Abellón' de Fon Cortizo e 'Resurrection' de Ángela Andrada e Fernando Tato. O xurado formado por Sara Gómez, Ángel Manzano e Víctor Grande, integrantes da Xunta Directiva de AGAG, decidiron por maioría conceder o premio a Acotío "pola súa sensibilidade á hora de abordar temas tan delicados como a perda e a súa construción de personaxes que zumega verdade." Lúa García, Mª Inés Cuadrado e Alberto Guntín recibirán o premio de 2.000 euros amais dunha subscrición gratuíta ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. Os finalistas Fernando Tato, Ángela Andrada e Fon Cortizo terán tamén o accésit da subscrición a Filmarket Hub.