O fin da verdade obtén o Premio Daniel Domínguez de guión

A Asociación de Guionistas renomeou o galardón en homenaxe ao autor, recentemente falecido

A Asociación Sindical Galega de Guionistas daba a coñecer na mañá deste 21 de decembro o fallo do seu II Premio de Guión. O xurado recoñeceu o texto O fin da verdade, escrito por Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras "pola súa valentía á hora de percorrer camiños pouco transitados no audiovisual galego, apostando polo xénero". A obra "desenvolve con intelixencia e solidez unha premisa de ciencia ficción que atrapa desde o primeiro momento, mantendo a tensión ata o final da historia", segundo sinala o fallo. Os gañadores recibirán 2.500 euros en metálico e unha subscrición de seis meses ao mercado online Filmarket Hub. Tamén recibirán esta segunda recompensa os traballos finalistas, A flote, de Jose Veiga e mais (Os) Anxos, de Marcos Méndez Moreira.

O xurado estivo composto polos guionistas Enrique Lojo, Lidia Fraga, Ángel Manzano e Víctor Grande, da Xunta Directiva de AGAG). O premio recibe desde este ano o nome de Daniel Domínguez en homenaxe a este creador, recentemente falecido.