17/02/2023
O catálogo Films from Galicia comeza a súa andaina na Berlinale
A coincidir coa presenza histórica de tres filmes galegos na edición 2023 do festival Berlinale, a Axencia Galega das Industrias Culturais presentará neste festival a nova edición do catálogo
Films from Galicia. Esta guía, que fai un repaso da actualidade do noso audiovisual de cara á súa proxección exterior, porase a disposición de distribuidoras e profesionais do sector que estarán presentes no evento que se desenvolve na capital alemá ata o vindeiro 26 de febreiro..
Amplía a nova>>
16/02/2023
O pioneiro do cinema José Gil protagoniza un programa divulgativo
Co título
José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema é o programa co que a Deputación de Pontevedra, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, queren dar a coñecer o traballo deste pioneiro galego da sétima arte. Presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e outras actividades percorrerán unha trintena de concellos da provincia entre este mes de febreiro e o vindeiro decembro..
Amplía a nova>>
15/02/2023
Lugo presenta o seu programa como capital da cultura do Eixo Atlántico
Un concerto de Abraham Cupeiro coa Orquestra Filarmónica de Braga abrirá, o vindeiro 23 de febreiro, a programación de Lugo como sétima Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2023. O concello presentaba este 14 de febreiro a súa proposta de actividades para a ocasión, un total de trinta programas que abranguen as máis diversas manifestacións artísticas a través dun cento de actividades que reúnen creatividade galega e portuguesa..
Amplía a nova>>
13/02/2023
Luís Zahera, Alberto Vázquez e Chelo Loureiro amplían o seu andel de Premios Goya
Esta foi a cuarta vez que o coruñés Alberto Vázquez, ilustrador e director de animación, levantou un Premio Goya das Artes Cinematográficas. Nesta ocasión foi grazas á longametraxe "Unicorn Wars", na que tamén asina o guión. A produción correu a cargo de Iván Miñambres, Nicolás Schmerkin e Chelo Loureiro, quen tamén sumaba con este, un novo Goya tras recoller o pasado ano outro na mesma categoría pola película "Valentina". Para Vázquez este era o cuarto, xa que noutras edicións recolleu os premios Goya do xénero da animación por "Psiconautas" en 2015, tamén a mellor longametraxe, e por "Decorado" en 2016, como mellor curtametraxe e na que Loureiro tamén estaba na produción, a curtametraxe de animación 'Birdboy' foi coa que gañou a sùa primeira estatua en 2012. A Gala, celebrada en Sevilla tamén trouxo boas novas para a interpretación galega, aumentando o número destes galardóns do actor compostelán Luís Zahera, que recollía o Goya a mellor actor de reparto, disputado entre outros, co seu compañeiro de reparto en "As bestas", o tamén santiagués Diego Anido. Finalmente Zahera engade este premio ao que recolleu na mesma categoría en 2019, polo seu traballo no filme "El Reino", co mesmo director, Rodrígo Sorogoyen. Este premio para "As bestas" foi un dos nove premios que recibiu a película rodada en Galicia e con parte do seu equipo conformado por profesionais galegos, A presenza da cinematografía galega no reparto desta 37ª edición dos galardóns da cinematografía estatal engadiu tamén un premio a Fran Araujo, como parte do equipo de guionistas da película " Por Un año, una noche", que recibiu o galardón ao mellor guión adaptado. Araujo é coñecido tamén polos seus traballos nas series "Hierro" e "Rapa" , da produtora Portocabo..
Amplía a nova>>
08/02/2023
Rapa e 'O corpo aberto' destacan entre as producións finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo
A Academia Galega do Audiovisual fixo públicas onte as candidaturas finalistas da XXI edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. Os académicos Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán foron os encargados de dar a coñecer os nomes dos proxectos e profesionais finalistas, desde o museo MEGA Estrella Galicia. A primeira rolda de votacións sitúa á serie "Rapa", de Movistar Plus+ e Portocabo, como a produción máis votada entre as 194 que se presentaron este ano, con 19 candidaturas finalistas, seguida polos filmes "O corpo aberto", con 16, "Código Emperador", con 8 e "Unicorn Wars", con 6. Entre todos os profesionais finalistas da presente edición hai dous que contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de "Unicorn Wars" e Jorge Coira, pola montaxe de "Rapa" e a dirección de "Código Emperador" e tamén de "Rapa". Despois de oito edicións sen presenza de longametraxes de animación, este ano hai dous filmes que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e "Unicorn Wars". As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense por primeira vez na historia dos galardóns..
Amplía a nova>>
31/01/2023
O catálogo Shorts from Galicia preséntase en Clermont-Ferrand
O 45 Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, en Francia, acolle desde este 30 de xaneiro a presentación do novo catálogo
Shorts from Galicia. Con esta publicación a Axencia Galega das Industrias Culturais promociona a nivel internacional as producións máis breves do audiovisual galego. Logo da súa estadía neste evento, o catálogo presentarase noutros festivais cinematográficos..
Amplía a nova>>
30/01/2023
Toxío, Neeumatiko e Histéricas Histórikas triunfan nos Premios Youtuberias
O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na noite deste sábado 28 de xaneiro a gala de entrega dos premios Youtubeiras. O proxecto
Toxío levou o galardón á mellor canles, mentres Neeumatiko foi recoñecido como Youtubeira/o do Ano e Histéricas Histórikas fíxose co premio a Youtubeira/o Revelación..
Amplía a nova>>
25/01/2023
Chega a Compostela o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño
Nove funcións no Salón Teatro permitirán coñecer en Compostela
A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño. Esta obra, escrita en 1671 por Gabriel Feixóo de Arauxo chega ás táboas como unha coprodución entre o Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga baixo a dirección de Fran Núñez con dramaturxia de Javier Alonso de Castilla..
Amplía a nova>>
24/01/2023
Lois Patiño súmase á representación galega na Berlinale
A Berlinale acollerá a estrea mundial da última longametraxe do director galego Lois Patiño.
Samsara chegará por vez primeira ás pantallas no marco da sección Encounters do recoñecido festival alemán. O filme parte do
Libro dos Mortos tibetano para seguir o proceso de reencarnación dunha anciá de Laos como unha cabra nun pobo costeiro de Zanzíbar..
Amplía a nova>>
19/01/2023
Álvaro Gago estreará 'Matria' na Berlinale
'Matria', a primeira longametraxe de Álvaro Gago (Vigo, 1986), participará na Berlinale, un dos festivais de cine máis importantes do mundo, que se celebra en Berlín do 16 ao 26 de febreiro. Alí a película terá a súa estrea mundial o día 17 de febreiro, a competición dentro da sección Panorama. 'Matria' parte da personaxe principal da curtametraxe homónima realizada en 2017 que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019. Con 'Matria' serán dúas as producións que levan historias galegas ao festival Internacional de Berlín, xa que tamén se presentará alí a película 'Sica', longametraxe da directora catalá Carla Subirana que foi seleccionada para participar na sección Generation. A longametraxe, rodada integramente na Costa da Morte e en galego está participada na produción por Miramemira.
Amplía a nova>>