Rapa e 'O corpo aberto' destacan entre as producións finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo

As longametraxes de animación volven estar presentes nos galardóns tras oito anos grazas a 'Valentina' e 'Unicorn Wars'

As longametraxes de animación volven estar presentes nos galardóns tras oito anos grazas a 'Valentina' e 'Unicorn Wars'
Foto de rodaxe de 'Rapa' (Temporada 2) Foto: Jaime Olmedo
A Academia Galega do Audiovisual fixo públicas onte as candidaturas finalistas da XXI edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. Os académicos Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán foron os encargados de dar a coñecer os nomes dos proxectos e profesionais finalistas, desde o museo MEGA Estrella Galicia. A primeira rolda de votacións sitúa á serie "Rapa", de Movistar Plus+ e Portocabo, como a produción máis votada entre as 194 que se presentaron este ano, con 19 candidaturas finalistas, seguida polos filmes "O corpo aberto", con 16, "Código Emperador", con 8 e "Unicorn Wars", con 6. Entre todos os profesionais finalistas da presente edición hai dous que contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de "Unicorn Wars" e Jorge Coira, pola montaxe de "Rapa" e a dirección de "Código Emperador" e tamén de "Rapa". Despois de oito edicións sen presenza de longametraxes de animación, este ano hai dous filmes que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e "Unicorn Wars". As premiadas e premiados daranse a coñecer na gala de entrega de premios que se celebrará o sábado 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense por primeira vez na historia dos galardóns.

As dúas grandes favoritas nesta quiniela final, "Rapa", dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, e a longametraxe de Ángeles Huerta "O corpo aberto", acaparan as candidaturas das categorías de interpretación e competirán por alzarse co trofeo a mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario. En "Rapa", Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de Mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de Mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista. No caso de "O corpo aberto", Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación os traballos de Denís Gómez (reparto) e Luis Tosar (protagonista) en "Código Emperador" e Manuel Manquiña (protagonista) en "O home e o can". "O corpo aberto" é tamén finalista a Mellor longametraxe xunto con "Código Emperador", "Live is Life" e "O home e o can". As finalistas a Mellor documental son A foreign song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe.

Entre as candidatas a ser recoñecidas como Mellor serie de TV hai dúas producións emitidas por TVG e rodadas en galego, "A lei de Santos" e "Saudade de ti"; xunto con outras dúas emitidas por plataformas de streaming rodadas en castelán: "Operación Marea Negra", de Amazon Prime Video e "Rapa", de Movistar +. Na categoría de Mellor serie web compiten "Delicias amargas", "Historias vageniales", "Prigandas" e "Terapia de". As candidatas a Mellor videoclip son "A quincena do Apóstol" de Boyanka Kostova, "Cobiza" de A banda da loba, "Noa" de Guadi Galego e "Pano Corado" de Tanxugueiras. Na categoría de Mellor comunicador os integrantes da academia quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo. No caso dos tres primeiros, tamén foron recoñecidos os programas polos que compiten na categoría de Mellor programa: "Dígocho Eu", Cinephilia e "Catro Gatos", ademais de Clac. Na categoría de Mellor realización son finalistas Rubén Veiga ("Malo Será!"), Simón Casal de Miguel ("Artificial Justice"), Simone Saibene (Cinephilia) e Jairo Iglesias ("Catro Gatos").

CANDIDATURAS FINALISTAS XXI PREMIOS MESTRE MATEO.