11/08/2009
Curtocircuíto volve ás rúas para exhibir as mellores curtametraxes
A nova edición de Curtocircuíto, o festival da curtametraxe de Santiago, quenta motores. A antesala do encontro o que exhibe nas rúas e prazas de Compostela as mellores curtametraxes galegas, europeas, do mundo e o palmarés da última edición chegan a partir da vindeira semana. A sección deste encontro comezará o martes 18 de agosto no Toural proxectando os traballos gañadores da V edición do certame, e sucederanse ata o 27 de agosto. A programación, que se pode descargar no web, remata o venres 28 cun concerto na Quintana do Dj Chris Vogando aka Zero dB acompañado de VJ Paradigma e o Colectivo Oruga..
Amplía a nova>>
10/08/2009
As produtoras buscan apoio da TVG e do IGAPE ante a crise do sector audiovisual
A crise económica global e o atraso na resolución das axudas da Axencia Galega das Industrias culturais están a pasar factura ao sector audiovisual. Alomenos así o defende Pancho Casal, vicepresidente do Clúster Audiovisual Galego, ao asegura no
Faro de Vigo que a crise é “moi grave” e afecta principalmente á longametraxes de ficción. Ademais, o responsable de Continental afirma que a produtora coruñesa está reorientando a súa estratexia en función da crise para centrarse nas liñas de animación e videoxogos e aparcando a produción de ficción. Non é o único caso, outras empresas como Milou Films cuestionan a adxudicación das axudas, con contías elevadas entre poucos beneficiarios. As produtoras esperan agora un maior apoio por parte da TVG e a ampliación da liña de crédito que facilita o IGAPE para poder facer fronte á situación..
Amplía a nova>>
05/08/2009
Padre Casares terá versión cinematográfica con axuda de Agadic
A web de Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) publica hoxe as resolucións das convocatorias de axuda para producións, coproducións, desenvolvemento e promocion do talento do audiovisual galego. En total repartirán preto de cinco millón de euros en catro anualidades entre unhas oitenta producións. Entre os títulos destaca, a versión cinematográfica de
Padre Casares, a popular serie producida por Voz Audiovisual que emite cada luns a TVG. As historias de Eduardo Barreiros (o Henry Ford Galego), Emilia Pardo Bazán (a condesa rebelde) son outras dos traballos que o audiovisual levará á pequena e á gran pantalla. .
Amplía a nova>>
04/08/2009
A crise de Dygra impídelle estrear Noite de ¿paz? este Nadal
Ía ser a gran estrea do audiovisual galego deste Nadal, pensada para competir na carteleira con outras producións de animación.
Noite de ¿paz?, a primeira película de animación realizada en 3D estereoscópico do audiovisual galego, non chegará ás salas de cinema cando estaba previsto. A crise financeira que atravesa a compañía (a metade do plantel que quedou na empresa logo dun ERE temporal acaba de facer público un comunicado no que aseguran levar oito meses sen cobrar) afecta directamente a todos os proxectos que tiña previsto a empresa. Desde o gabinete de prensa de Dygra, ademais de recoñecer a delicada situación, apuntan que está en proceso unha operación financeira na que está implicado o IGAPE e unha entidade financeira galega, que confían lle permita a Dygra retomar en breve a súa actividade..
Amplía a nova>>
03/08/2009
Mario Iglesias presentará o seu último filme nunha sección non competitiva de San Sebastian
O director Mario Iglesias presentará o seu último filme
Relatos, no Festival de Cine de San Sebastián. Vaino facer no marco da sección
Made in Spain, que proxecta filmes recentes realizados en todo o Estado.
Relatos conta a historia dunha escritora ama de casa que ten que visitar a un psicoterapeuta porque sufre de episodios de pánico nocturno.
Relatos é o cuarto filme deste autor pontevedrés. .
Amplía a nova>>
31/07/2009
Dúas películas e un telefilme incorpóranse ás rodaxes de verán
Alacante, Negueira de Muñiz, Santiago... son algúns dos escenarios nos que estes días se están a rodar novas producións galegas. Ignacio Vilar rodará entre A Fonsagrada e Asturias, a súa nova produción
Vilamor, que conta os conflictos dun escritor que regresa á súa localidade natal. Canda este, entre Santiago, Tui, Razo e Vedra estase a rodar
O bonito crime do carabineiro, unha comedia negra protagonizada por Manquiña, Toño Casais e César Cambeiro que adapta un conto de Camilo José Cela. Pecha este repaso polas rodaxes das producións galegas,
O diario de Carlota, un filme xuvenil que conta as desventuras dunha adolescente de 17 anos. A película, que coproduce Milou Films, estase a rodar en Alacante..
Amplía a nova>>
28/07/2009
Dúas producións ródanse en Galicia no medio do parón do sector audiovisual
Se no verán pasado se rodaron preto dunha vintena de producións audiovisuais (entre longametraxes, documentais e curtametraxes), nesta ocasión o panorama é ben diferente. Nestes momentos estase a rodar en Galicia dous traballos: un deles en Gondomar e será o primeiro “western” galego. Chámase
Naipe de sangue, está dirixido por José Ballesta e Miguel Anxo Fernández e protagonizado por Eladio Santos e Silvia Superestar. O outro título é
As imaxes perdidas, a outra mirada, a última longametraxe de Juan Pinzás que se está a rodar en Vigo, Baiona e Santiago. Nesta ocasión, Pinzás conta coa participación de Paul Naschy e Javier Gurrachaga. .
Amplía a nova>>
27/07/2009
O Festival Celta de Lorient estreará un documental sobre a estadía de Castelao na Bretaña
Castelao estivo catro meses na Bretaña (Francia) estudando os cruceiros desa terra. Daquela viaxe sairía o libro
As cruces de pedra na Bretaña, un estudo histórico, descritivo e a antesala doutra publicación moi coñecida de Castelao,
As cruces de pedra da Galicia. Esa estadía é a que percorre un documental dirixido por Alain Pennec con imaxes da Cinemateca da Bretaña e o Centro Galego de Artes da Imaxe que se estreará no marco do Festival Celta de Lorient. É unha das citas destacadas dun encontro que terá lugar do 31 de xullo ata o 8 de agosto. O festival contará con abondosa presenza galega nesta edición, xa que teñen confirmada a súa asistencia desde Carlos Núñez ata Crema de Gaita, pasando por Moxenas Musical Galego, Berrogüetto, Son de Seu ou Xacarandaina..
Amplía a nova>>
24/07/2009
Os concellos non custearán a transición á Televisión Dixital Terrestre
“Liberaremos aos concellos de calquera tipo de investimento e garantiremos tamén que se verá a televisión a través da nova tecnoloxía cun incremento da calidade da imaxe” explicou o presidente Núñez Feijoo ao anunciar o Plan Específico de Encendido Dixital. Un proxecto que se presentará e concretará “concello a concello” en setembro e que se insire no plan de transición a televisión dixital. Para o desenvolvemento dese plan conta cun orzamento de 9 millóns de euros, que achegan entre a Xunta e o Ministerio de Industria. .
Amplía a nova>>
21/07/2009
Antón Reixa é o presidente da Plataforma Tecnolóxica do Audiovisual
Seis meses despois de se presentar ao público a Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega (I+dea), os seus integrantes acaban de elixir ao seu Comité Xestor. Trátase do grupo que pretende liderar a actividade da plataforma, definindo os seus obxectivos e propondo iniciativas para dinamizar a innovación tecnolóxica no sector (desde a parte máis técnica á produción de contidos). O comité está presidido por Antón Reixa, o vicepresidente é Antonio Pose, mentres que Antonio Rodríguez del Corral, Carlos Carballo e Noemí Varela son vogais. .
Amplía a nova>>