Novas | 2721 a 2730 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

20/07/2009
Sae á venda a BSO composta por Sergio Moure para “Un bo home”

A banda sonora orixinal composta polo coruñés Sergio Moure de Oteyza para a longametraxe "Un bo home", ven de saír á venda en CD, editada por JMB/Karonte. A música foi gravada na Coruña coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Moure ten unha importante traxectoria como compositor para o audiovisual conseguindo candidaturas aso premios Goya e Mestre Mateo par algúns dos seus traballos. Moure tamén fai labores como profesor participando nos Master de Produción Audiovisual da Universidade da Coruña e dirixiu os Seminarios de composición de música de cine da Coruña 2006-2007, organizados pola Deputación provincial e a Fundación Paideia. O pasado 13 de marzo foi a estrea absoluta do seu Concerto nº 1 Admónitum, pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Víctor Pablo Pérez no Palacio da Opera da Coruña. “Un bo home” é unha produción audiovisual con participación galega a través de Milou Films, dirixido por Juan Martínez Moreno o filme estreouse a finais de abril. O compositor está traballando arestora na longametraxe "Retornos", dirixida por Luis Avilés. . Amplía a nova>>

20/07/2009
Miguel Gomes e Nuno Beato fanse cos premios do festival de cinema Filminho

A segunda edición do festival de cinema galego e portugués xa ten gañadores. A longametraxe de Miguel Gomes Aquele Querido Mês de Agosto e a curta de animación A miña vida nas túas mans de Nuno Beato son os títulos recoñecidos con Grande Premio Filminho. Canda estes, Diana Gonçalves recibiu o Grande Premio Minhoto polo seu documental Mulleres da Raia.. Amplía a nova>>

17/07/2009
Desaparece o programa Banda Curta da TVG

Despois de oito meses en antena con 27 programas emitidos, “Banda Curta”, o programa de música en directo que se viña emitindo todos os sábados na TVG, non terá continuidade despois do verán. Así o fixo saber hoxe o director do programa, Alfonso Pato, por medio dun comunicado. Músicos como Iván Ferreiro, Coque Malla, Silvia Superstar, Dr. Explosion, Lamatumbá, Christina Ronsenvinge, The Homens, Josele Santiago, Def con Dos, David Fonseca, Ruxe-Ruxe, Ectoplasma, Sugar Mountain, Som do Galpom, Cornelius, Moon Cresta e ata 45 bandas pasaron en directo pola discoteca LP45 de Ordes onde se gravava o programa. Banda Curta era o único formato dedicado en exclusiva á música pop e rock da televisión pública galega.. Amplía a nova>>

16/07/2009
A segunda edición de Filminho conta con 49 filmes

Filminho, a Festa do Cinema Galego e Portugués, iniciaba onte a súa segunda edición en Tomiño. Desta volta, o festival proxectará un total de 49 títulos, seleccionados entre 250 candidatos. As proxeccións repártense entre o auditorio de Goián e mais o de Vila Nova da Cerveira, en Portugal. Entre as obras que se poderán ver destaca un filme sobre o 25 de abril de Edgar Pêra ou Ruínas de Manuel Mozos, que resultou premiada no festival de cine de Marsella.. Amplía a nova>>

09/07/2009
A Coordinadora do Audiovisual protesta contra a Lei do Audiovisual

A Delegación do Goberno na Coruña recibirá hoxe a misiva que a Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego lle envían ao presidente do Goberno, José Luís rodríguez Zapatedro. Nela, os traballadores destes sector manifestan a súa total oposición ao anteproxecto da Lei Xeral do Audiovisual, ao considerar que tenta "desvirtuar a lexislación europea relativa á obriga das televisións de dedicar o 5 por cento ás producións cinematográficas de empresas independentes". Na carta, o colectivo tamén se opón a que esa porcentaxe se destine á produción de series. A ministra e o conselleiro de Cultura, o Instituto de de Cinematografía, os grupos parlamentarios galegos e españois e os colectivos estatais do sector tamén recibirán copias desta carta.. Amplía a nova>>

08/07/2009
Realidades de mentira

Se hai alguén que pensa que O curioso caso de Benjamin Button é unha película de imaxe real, recomendamos que non siga lendo esta reportaxe. E que tampouco se achegue por calquera dos escenarios de Mundos Dixitais, o festival de infoarquitectura, animación, videoxogos e gráficos computerizados que abre hoxe as súas portas na súa Coruña. . Amplía a nova>>

30/06/2009
O CGAC centra o seu ciclo de cine de verán na profesión xornalística

“Os xornalistas teñen nas súas mans o poder de contaren os feitos obxectivamente ou de os manipularen até que se adapten ás súas necesidades”. E estas dúas visións, que explica a coordinadora do programa no seu folleto, Ana González, son as que se recollen no ciclo “Xornalismo en 35 mm”. É o acontecemento que organiza o Centro Galego de Arte Contemporánea dentro da súa programación de verán no contorno do edificio (se o tempo o permite). As sesións terán lugar todos os mércores ás 22:30 horas e proxectarán filmes de Billy Wilder, Elia Kazan, Sydney Pollack, Sidney Lumet ou Costa-Gavras.. Amplía a nova>>

30/06/2009
O sector audiovisual crea unha coordinadora para defender os seus intereses

A paralización das institucións competentes en materia audiovisual e a indefinición da política a seguir por parte da Xunta despois de producirse o cambio de goberno son os motivos polos que actores, directores, técnicos, realizadores e guionistas acaban de crear unha Coordinadora para defender os seus intereses. A entidade, que ten como voceiro a Vicente Montoto, acaba de emitir un comunicado no que propoñen un dialogo regularizado coas administracións, convocar as comisións das axudas que han de estar formadas por especialistas e a coordinación coa TVG das axudas concedidas pola Consellaría de Cultura. A entidade solicitou unha entrevista co director xeral de Promoción da Cultura o pasado 11 de xuño sen que, polo momento, teñan recibido unha resposta.. Amplía a nova>>

29/06/2009
As series compartirán cos filmes o investimento obrigado do 5%

A actual Lei Xeral das Telecomunicacións establece que as televisións deberán investir un 5% dos seus ingresos no cine. Unha porcentaxe que nunca satisfixo os intereses das televisións e foi obxecto de conflito co goberno en numerosas ocasións. Agora, no anteproxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual que foi aprobado no último Consello de Ministros (e inicia así o seu trámite parlamentario) nese 5% tamén se poden incluír series de televisión. Iso sí, cunha limitación: o 60% desa porcentaxe obrigada ha de ser para financiar longametraxes. Ademais, a lei establece outro mecanismo corrector, o que obriga a TVE a dedicar un 1% máis que as cadeas privadas dos seus ingresos (un 6% en total). O control e o seguimento dos investimentos estará en mans do Consello Estatal de Medios Audiovisuais (entidade independente cuxos membros serán elixidos polo Parlamento con marioría de dous terzos), outra das grandes novidades do novo texto xurídico.. Amplía a nova>>

25/06/2009
Un foro analiza as posibilidades dos contidos dixitais para os novos medios

A televisión dixital (TDT), o novo marco regulador do sector audiovisual, os contidos multiplataforma, a animación dixital e os videoxogos e a rendibilidade do negocio audiovisual son os contidos do foro Novos Medios e Contidos Audiovisuais-NovoMed 09 que organiza Agapi. O encontro terá lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación e reunirán a expertos e profesionais que están a traballar no desenvolvemento de proxectos innovadores. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org