02/10/2023
A Cuncha de Ouro para 'O Corno' marca un novo fito para o audiovisual galego
A longametraxe 'O Corno' ven de marcar un novo fito para o audiovisual galego, por partida dupla. Tras resultar seleccionada para competición oficial do 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián agora o filme ven de resultar vencedor, obtendo a Cuncha de Ouro, a máis alta distinción a un filme deste certame de máxima categoría entre os eventos cinematográficos internacionais. O feito de que unha película feita en Galicia e rodada en galego entrase na competición oficial do festival era xa un momento histórico, pero coa consecución do galardón acádase un fito novo e unha proxección internacional de dimensións considerables que conseguen para o cine feito en Galicia unha enorme visibilidade. A directora do filme, a directora e guionista Jaione Camborda (Donostia, 1983), donostiarra afincada en Santiago de Compostela, asinaba en 'O Corno' a súa segunda longametraxe. Na recollida do galardón da man da presidenta do xurado, a cineasta Claire Denis, Camborda quixo compartir o premio con Andrea Vázquez (Miramemira) e María Zamora (Elastica Films), produtoras canda ela do filme. E reivindicou a diversidade "que non fai máis que enriquecernos e facernos máis libres"..
Amplía a nova>>
29/09/2023
Falece Lhosca Arias, pioneiro da animación en Galicia
O cineasta e desenvolvedor web Lhosca Arias, creador da primeira curtametraxe de animación feita en Galicia, faleceu esta semana. A Academia Galega do Audiovisual recollía nas súas redes sociais este 28 de setembro a nova da desaparición de Arias, orixinario de Monforte de Lemos. .
Amplía a nova>>
27/09/2023
Unhas xornadas abordan as conexións literarias de Santiago
Explorar a conexión entre a literatura e a cidade a través de tres obras senlleiras. Este é o obxectivo co que nacen as xornadas
Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela, que se desenvolven na capital do país entre o 29 de setembro e o de 1 outubro vindeiros.
Trece badaladas de Suso de Toro,
Doentes de Roberto Vidal Bolaño e os
Seis poemas galegos de Federico García Lorca serán os eixes deste programa que inclúe concertos, rutas, conferencias ou obradoiros..
Amplía a nova>>
27/09/2023
Curtocircuíto presenta o programa completo da súa XXª edición
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto presentou en rolda de prensa o programa completo da edición na que celebra o seu vixésimo aniversario. Entre o 3 e o 8 de outubro, os amantes do cine poderán gozar dunha ampla selección de películas procedentes de máis de 16 países, así como dun cartel con destacados shows AV e actividades especiais, que amosa de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcenda a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección. Ao longo dos seis días do festival, exhibiranse un total de 49 filmes a competición procedentes de 16 países, que foron seleccionados entre as máis de 2.000 películas que se presentaron a esta última edición para competir na Sección Oficial Cosmos, en Planeta GZ e Supernova. En total, máis do 50% destes filmes contan cunha muller na dirección, unha mostra do auxe paulatino da muller no cine e do compromiso coa igualdade do equipo de Curtocircuíto, que aposta por reivindicar a capacidade de liderado da muller e por dar visibilidade ás producións lideradas por mulleres..
Amplía a nova>>
26/09/2023
Ábrese un espazo para o audiovisual galego no London Spanish Film Festival
"Letters from Galicia" é o nome da sección que, dentro do London Spanish Film Festival, acollerá mostras do audiovisual contemporáneo galego estes días. Este evento que estes días está a celebrar a súa 19ª edición na capital británica creouse en 2005 para levar ao panorama cultural londiniense o cinema contemporáneo español e xa contaba con tres seccións ou "ventás" dedicadas aos cinemas catalán, vasco e andaluz. Este ano inaugura esta sección dedicada ao cinema galego que se fai en colaboración co Galician Film Forum e a Mostra International de Cine Etnográfico Museo do Pobo Galego (MICE). Xustamente do palmarés deste certame santiagués xorden dúas das produción que se poden ver en Londres: "Al otro lado del mar", a correspodencia fílmica entre Eloy Domínguez e Samuel Moreno, que recibiu o premio a Mellor filme Galego da MICE, e a curtametraxe de Diana Toucedo "Tatuado nos ollos levamos o pouso" que levou o Premio CREA do certame. Ademais outras catro curtametraxes da realizadora redondelá formarán `parte do programa que se poderá ver mañá, mércores 27 de setembro, no festival londiniense: Prekasno (2021); Borders (2021); Homes ("016) e 'Imágenes secretas' (2013). .
Amplía a nova>>
26/09/2023
O OUFF estrea sección competitiva para o cinema galego na súa 28 edición
Panorama Galicia é o título da nova sección competitiva que se incorpora ao Ourense Film Festival (OUFF) na súa vixésimo oitava xeira. A organización do evento presentaba este 25 de setembro a programación completa da cita, que inclúe máis dun cento de proxeccións e actividades entre o 29 de setembro e o 8 de outubro..
Amplía a nova>>
22/09/2023
Chega aos cines 'Amigos hasta la muerte' de Javier Veiga
María, Nacho e Suso son tres amigos de toda a vida que no pasado teñen conformado un triángulo amoroso con consecuencias entre eles. De súpeto vense na situación de que Nacho vai morrer pero aínda non o sabe, pero os outros dous si e teñen que manexarse con ese secreto e descubrir como comportarse co seu amigo nos seus derradeiros meses. A situación é dramática e crea un contexto cómico ao tempo ante a dificultade de superar reproches e lembranzas do triángulo formado. Ese é o argumento da comedia "Amigos hasta la muerte" que hoxe chega aos cines de toda España. O actor Javier Veiga (O Grove, 1973) estréase na dirección, asina o guión e protagoniza este filme xunto coa súa parella na vida real, a actriz Marta Hazas, e o actor mexicano Mauricio Ochmann. O filme está rodado en Galicia, nas localidades de O Grove, Ourense e Santiago de Compostela e conta entre o elenco coas participacións de Xose Antonio Touriñán, David Amor, Ledicia Sola e Mela Casal. A banda sonora orixinal corre a cargo de Xoel López. Veiga acadou o premio a mellor dirección por estra película no Festival de cine internacional de Alicante. O filme pode verse, segundo a web FilmAffinity desde este venres en 95 salas de cine do estado, oito delas en Galicia. .
Amplía a nova>>
21/09/2023
Luisa Merelas recibirá o premio AISGE do OUFF
A actriz Luisa Merelas (A Coruña, 1958) recibirá o Premio da Fundación AISGE no 28º Ourense Film Festival (OUFF). Galardoada nos María Casares de Teatro en dúas ocasións, Luisa Merelas leva corenta anos de profesión ás costas. Merelas encarnou na ficción a mulleres de gran dureza, inesquecibles para a audiencia; entre elas, a matriarca Dona Carme Matalobos da serie Matalobos, a Amalia da familia Charlín en Fariña ou, na gran pantalla, a nai Anta da multipremiada 'As bestas' de Rodrigo Sorogoyen. Actriz de teatro, cinema, televisión e, tamén de dobraxe, Merelas, unha das actrices máis queridas polo público galego, recibiu este mesmo mes o Premio Cinema Galego do festival FIC Bueu pola súa traxectoria. A intérprete recollerá o Premio AISGE na gala inaugural do festival ourensán o 29 de setembro. .
Amplía a nova>>
21/09/2023
O impacto da IA nas industrias creativas a debate hoxe na Coruña
A plataforma Coruña Gráfica, que agrupa a máis de 60 autores do sector da ilustración, xunto coa asociación xunto coa Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA) organizan hoxe unha xornada aberta ao público sobre o impacto das ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) nas diferentes industrias creativas. Este debate de plena actualidade e interese a medida que vanse sucedendo novidades nas aplicacións que se dá a esta tecnoloxía nos eidos da industria cultural serán obxecto de debate hoxe, xoves 21 de setembro, ás 19:30 horas na sede de Ascega na Coruña (Rúa Antón Vilar Ponte, 11). Baixo o título "Intelixencias Artificiais versus Industrias Creativas" o autor e produtor Manel Craneo moderará unha mesa na que tomarán parte o escritor Xavier Alcalá, o debuxante Santy Gutiérrez, e o produtor e animador Tomás Conde, da produtora cinematográfica Algarabía Animación..
Amplía a nova>>
21/09/2023
A Asociación Senunpeso cesa a súa actividade
Cun comunicado na súas redes sociais, a actual directiva da Asociación Senunpeso anunciaba este 20 de setembro o final da súa actividade. Segundo explica este texto "na última asemblea xeral (decembro de 2022) eramos catro gat@s (literalmente) e iso, unido ao desgaste propio do paso do tempo e as ocupacións varias que nos impiden dedicarlle esforzos á asociación, levounos a abrir un proceso de debate interno sobre o futuro. A conclusión á que chegamos é que non vemos viable seguir adiante"..
Amplía a nova>>