A Cuncha de Ouro para 'O Corno' marca un novo fito para o audiovisual galego

A película de Jaione Camborda fai historia por partida dupla entrando na competición oficial e gañándoa

A longametraxe 'O Corno' ven de marcar un novo fito para o audiovisual galego, por partida dupla. Tras resultar seleccionada para competición oficial do 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián agora o filme ven de resultar vencedor, obtendo a Cuncha de Ouro, a máis alta distinción a un filme deste certame de máxima categoría entre os eventos cinematográficos internacionais. O feito de que unha película feita en Galicia e rodada en galego entrase na competición oficial do festival era xa un momento histórico, pero coa consecución do galardón acádase un fito novo e unha proxección internacional de dimensións considerables que conseguen para o cine feito en Galicia unha enorme visibilidade. A directora do filme, a directora e guionista Jaione Camborda (Donostia, 1983), donostiarra afincada en Santiago de Compostela, asinaba en 'O Corno' a súa segunda longametraxe. Na recollida do galardón da man da presidenta do xurado, a cineasta Claire Denis, Camborda quixo compartir o premio con Andrea Vázquez (Miramemira) e María Zamora (Elastica Films), produtoras canda ela do filme. E reivindicou a diversidade "que non fai máis que enriquecernos e facernos máis libres".



A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás, no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros. 'O Corno' está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas. Segundo as crónicas xornalísticas de san Sebastián, durante a súa proxección causou fondo impacto e, no caso dalgunhas escenas correspondentes a un parto, ata algún desmaio. 'O Corno' tivo a súa estrea mundial este mes de setembro dentro da sección Platform do Festival de Toronto, e será o filme coa que abra a xornada inaugural o festival Curtocircuíto de Santiago este martes, 3 de outubro, no Auditoriod e Galicia da capital galega na que será a súa estrea na nosa comundiade. Chegará as salas de cinema en distribución comercial o vindeiro 11 de outubro.