Novas | 211 a 220 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

11/10/2023
O ciclo Galicia é Cine leva cinco producións galegas ao exterior

O Centro Cultural España de Río Gallegos acolle este 12 de outubro a proxección do filme Cuñados. A actividade abre o novo programa Galicia é Cine, que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Fundación Araguaney, que pretende achegar o cine galego de maior éxito aos centros galegos do mundo.. Amplía a nova>>

11/10/2023
'O Corno' Chega hoxe a 24 salas de Galicia e 82 en toda España

Tras o seu paso triunfal polos festivais de San Sebastián e Ourense, o público galego e español poderá ver hoxe a longametraxe 'O Corno' nos cines. Un total de 82 salas comerciais en todo o territorio español, 24 delas en Galicia acollen hoxe a estrea do filme. Trátase da maior estrea en salas dun filme en versión orixinal galega da historia. A segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, foi obxecto onte dun pase especial de pre-estrea nos Cantones Cines da Coruña, onde estivo presente o equipo da película incluíndo ás actrices Janet Novás, Carla Rivas, María Lado, Belén Merino e o actor Felipe G. Pariente. Elastica Films distribuirá o filme nos cinemas do territorio español. As vendas internacionais corren a cargo de Films Boutique.. Amplía a nova>>

09/10/2023
Curtocircuíto premia as producións galegas de Xacio Baño e Uxía Gayoso

A vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto chega ao seu final cun acto de clausura no que se deron a coñecer os integrantes do palmarés desta 20ª edición. Xacio Baño, coa súa peza 'Non te vexo' recibiu o Premio CREA á mellor dirección galega e o Premio Galiza á mellor produción do noso país no certame. O Premio Supernova foi para ): "Noitevella 1999" de Uxía Gayoso e o galardón #OutraCompostela (patrocinado por Turismo de Galicia e Santiago de Compostela Film Commission) foi recaer en "Doddies" de Elena Vázquez, Irene Tobío e Beatriz Real. . Amplía a nova>>

09/10/2023
Nós Televisión pon na rede o documental Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos

Este sábado 7 de outubro Nós Televisión estreaba na súa canle de Youtube o documental Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos. Con esta produción, a cadea súmase ás celebracións do centenario desta institución a presentar "unha viaxe ao longo do territorio e da historia para divulgar unha historia aínda descoñecida para a meirande parte das galegas e dos galegos".. Amplía a nova>>

09/10/2023
Premio dobre para Jaione Camborda por 'O Corno' no OUFF

A 28ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) pechouse coa entrega dos galardóns das seccións competitivas no Auditorio Municipal de Ourense despois de 10 días cunha programación chea de cinema e a presenza de grandes figuras homenaxeadas cos diversos premios de honra. A directora vasca afincada en Galicia, Jaione Camborda, lograría unha por 'O Corno' o premio Calpurnia Xacobeo á Mellor Película e o Premio á Mellor Dirección. A comedia negra Honeymoon, de Enrique Otero, recolleu dous premios. O primeiro foi o Premio do Público, que patenta o éxito do filme das salas, onde o 88% dos espectadores participaron co seu voto. Ademais Nathalie Poza, actriz protagonista do filme, alzouse co Premio á Mellor Interpretación da sección Panorama Galicia. O Premio ao Mellor Guión foi para Xavier Villaverde, por 'María Casares: a muller que viviu mil vidas'.. Amplía a nova>>

06/10/2023
O impacto da lingua galega na economía supón como mínimo 1440 millóns de euros

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou hoxe 'O valor económico do galego' un documento de traballo que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. Segundo os resultados deste informe o galego ten un impacto directo no conxunto da nosa economía de 1.440 millóns de euros de valor engadido (VEB) e 27.702 postos de traballo, cifras que aumentan se consideramos tamén os impactos indirectos e inducido. O Observatorio da Cultura Galega do CCG en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) elaboraron un estudio de datos que agora se reflicte neste documento de traballo pioneiro para a lingua galega, pero homologable aos realizados noutras linguas como o castelán, o portugués, o éuscaro ou o catalán na Comunidade Valenciana. O documento xa está dispoñible para a descarga e consulta. . Amplía a nova>>

06/10/2023
A Academia do Audiovisual falla os VII Premios María Luz Morales

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollía este 5 de outubro o anuncio do fallo da VII edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. A Academia Galega do Audiovisual concedeu estes galardóns, dotados con cadanseus 1.200 euros, a Iván Villarmea, Juan Ares, Manuel Iglesias e Miguel Casaseca, mentres Víctor López obtivo un accésit.. Amplía a nova>>

03/10/2023
A aldea ourensá de Facós distinguida como Lugar de Interese Cinematográfico da península

Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron no marco do VIIº Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, que se celebra estes días en Ourense coincidindo co OUFF o novo distintivo 'Lugares de Interese Cinematográfico – LIC' e revelaron os oito espazos designados nesta primeira edición, un deles en terras galegas. A distinción LIC recoñece espazos de especial relevancia para a industria audiovisual, xa sexa polo seu valor na produción fílmica, a súa importancia histórica ou o seu significado simbólico. No caso do enclave galego, o primeiro LIC da nosa terra corresponde á aldea de Facós, en Lobeira (Ourense), lugar onde en 1940 tivo lugar a rodaxe da película documental do cineasta ourensán Antonio Fernández-Román con guión e produción de Xaquín Lorenzo 'Xocas', 'O carro e o home', que tivo dúas versións, unha delas a orixinal en castelán como "El hombre y el carro". . Amplía a nova>>

03/10/2023
Os realizadores galegos dan o seu Premio CREA de Honra a tres festivais audiovisuais

CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización ven de outorgar o seu Premio de Honra engadindo un carácter conmemorativo ao galardón que supón un recoñecemento de achegas e traxectorias. Deste xeito o premio, meramente honorífico, repartese este ano ex aequo entre tres festivais que fai 20 anos celebraron a súa primeira edición e hoxe seguen con puxanza manténdose en actividade e como referentes do mundo audiovisual: o Festival de Cans, o Play Doc de Tui e o Curtocircuíto - International Film Festival de Santiago de Compostela. Esta é a primeira ocasión que este premio dos realizadores galegos recae en festivais. Co galardón, CREA recoñece "o enorme traballo ao longo de 20 anos, apoiando sempre aos cineastas de Galicia e converténdose en citas de referencia para o audiovisual galego" destes tres eventos.. Amplía a nova>>

02/10/2023
A CRTVG apoiará o desenvolvemento de nove producións cinematográficas

No marco das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual de Galicia, a CRTVG daba a coñecer este 27 de setembro as producións cinematográficas que recibirán fondos da compañía para o seu desenvolvemento. Segundo anunciou a corporación, trátase de catro longametraxes de ficción, outros tantos documentais e un filme de animación os que conseguiron estes apoios en 2023.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org