04/12/2024
O celuloide volve iluminarse no Sellier Film Festival
O cine en celuloide é o protagonista do Sellier Film Festival da Coruña, un evento singular que mantén o amor polas proxeccións cinematográficas non dixitais. Entre este xoves, 5 de decembro, e o vindeiro domingo, día 8, o festival celebra a que será a súa oitava edición. O Circo de Artesáns, na céntrica rúa de San Andrés, acollerá as actividades e proxeccións deste festival que se presenta como "excepcional, único en España", polo seu apego ao formato mecánico-químico do celuloide no que foi inventada orixinalmente a maxia do cine, unha oportunidade de sentir unha experiencia diferente para aqueles espectadores que xa foron nativos da imaxe dixital. .
Amplía a nova>>
02/12/2024
Nace Bibopalula, a primeira serie musical de animación galega
A última xornada da Culturgal acolleu este 1 de decembro a presentación de
Bibopalula, primeira serie musical de animación feita en Galicia. A produción de Undodez, que xa se pode seguir no web Xabarin.gal, espazo infantil na rede da CRTVG, está composta por 20 capítulos de arredor de cinco minutos de duración..
Amplía a nova>>
02/12/2024
Premio José Sellier para a asociación profesional CIMA
A Academia Galega do Audiovisual outorgou e entregou o XIIIº Premio José Sellier a CIMA, Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, en recoñecemento pola súa "fundamentada denuncia da desigualdade de xénero, discriminación e falta de oportunidades para as mulleres no sector audiovisual e o seu incesante labor a prol do incremento e visibilización do papel das profesionais da industria, favorecendo unha maior representación das mulleres tanto nas pantallas como nos equipos." O Premio José Sellier, promovido pola AGA co apoio do Concello da Coruña, recoñece o labor de iniciativas relevantes para o sector audiovisual galego. .
Amplía a nova>>
02/12/2024
Culturgal fecha a súa XVII edición con 12.700 visitantes
A XVII edición da Culturgal fechaba este 1 de decembro as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Feira das Culturas Galegas reuniu ao longo dos seus tres días de actividades un total de 12.700 visitantes. A cifra supón un incremento destacado sobre os 10.000 que recibira en 2023..
Amplía a nova>>
27/11/2024
Jaime Pena é o novo director da Filmoteca de Galicia
Tras cinco anos coa vacante da dirección da Filmoteca de Galicia (anteriormente CGAI) sen cubrir, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de poñer á fronte desta institución a Jaime Pena (Miño, A Coruña, 1965), un profesional da propia casa que viña ocupando o posto de programador da cinemateca da Xunta durante máis de tres décadas. Resolve así a situación de baleiro do posto mantida desde a xubilación de Guillermo Escrigas en 2019 durante a que a Filmoteca foi dirixida directamente desde a dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais á que pertence organicamente. Entre os labores que pasará a desenvolver Pena figuran a dirección no deseño da configuración da carteleira de cine que se exhibe na sala de proxeccións José Sellier da sede da Filmoteca na Coruña e das súas extensións noutros espazos colaboradores, a da actividade pedagóxica, centrada sobre todo nos programas didácticos Cinema en curso e Fotografía en curso, así como as accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Tamén lle corresponde a relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais como arquivo e mediateca membro da International Federation of Film Archives, así como a xestión ordinaria da entidade. A entidade cubrirá o posto de programador que queda vacante seguindo o procedemento e prazos ordinarios marcados por Función Pública da Xunta de Galicia e tan axiña como sexa posible, segundo manifestaron a este medio..
Amplía a nova>>
26/11/2024
'Pura' de Carmen Méndez gaña o premio de curtametraxes galegas das Xociviga
O festival Internacional de curtametraxes Xociviga, do Carballiño, herdeiro das históricas Xornadas de Cine e Vídeo puxo o remate da súa edición número 41, presentada como a de reinicio e enfocada directamente no formato curto. O palmarés deixa sete filmes destacados de entre os corenta títulos de máis de trinta países que pasaron polo festival. O premio á mellor peza galega. Premio XENTE DE AQUÍ. foi para 'Pura' da realizadora e actriz Carmen Méndez (Neira de Rei, 1979), "por construír a través do diálogo entre a cámara e o suxeito un espazo de intimidade que afonda nas relacións interxeracionais cunha ollada feminina", segundo o xurado. O Premio XENTES do festival foi para a curtametraxe chinesa 'A summer's end poem' do realizador Lam Can-Zhao, por, en palabras do xurado "retratar a tensión entre imposición e vontade a través dunha proposta formal e narrativa orixinal e desenfadada". Neste apartado houbo tamén unha mención de honra para o filme holandés 'Beutiful men'..
Amplía a nova>>
25/11/2024
O filme noruegués 'Armand' gaña no 38º CIneuropa
Cineuropa pechou a súa 38ª edición e deu a coñecer este sábado os mellores traballos do certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa. O máis votado polo público foi a miniserie 'La ciudad de los Muchachos' de Elías León Siminiani..
Amplía a nova>>
22/11/2024
Estréase en cines 'Prefiro condenarme' de Margarita Ledo
Despois de facerse cunha mención do xurado da sección Las Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, o filme 'Prefiro Condenarme', de Margarita Ledo Andión, chega ás salas comerciais este venres 22 de novembro, en datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra da Muller (25N). O filme, que ademais da súa estrea mundial en Sevilla xa tivo outras dúas pre-estreas na Coruña e no marco festival Cineuropa, estrearase en cines cun pase especial onde estará a directora e parte do elenco, que terá lugar nos cines Duplex de Ferrol, localidade escollida xa que a maioría do filme foi rodado na comarca de Ferrolterra. A película poderá verse tamén en salas da Coruña, A Estrada, Barcelona, Bilbao, Caldas de Reis, Lleida, Lugo, Madrid, Pamplona, Sant Feliu, Santiago de Compostela, Tenerife, Valencia, Valladolid e Vigo. Melania Cruz, Iria Piñeiro, Mónica Caamaño e Mónica de Nut encabezan un elenco que reúne os diversos formatos audiovisuais de docu-dramatización, sinal de identidade da directora lucense..
Amplía a nova>>
21/11/2024
O Álbum de Galicia inclúe a Toñito Blanco
O Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de introducir unha nova entrada dedicada ao intérprete, creador cultural, director e produtor Antonio, Toñito Blanco (A Coruña, 1964 - 1994), "un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa", segundo o describe o guionista Nico Campos, autor do texto do álbum ao que titula ' O creador a cabalo entre Lloyd Kaufman e Ana Kiro que encandeou a Rubalcaba'. Toñito Blanco foi actor, produtor, director e creador do carismático filme 'A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos' que formaría parte da súa traxectoria, á que se lle sumarían participacións en series humorísticas como Composteláns, da TVE en Galicia, unha produción dirixida polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, coa participación de Antón Losada e Serafín Cordeiro, na que tres estudantes compartían piso en Santiago de Compostela, ou o programa da TVG sobre cultura alternativa 'A tumba aberta', no que Blanco tiña unha sección dedicada ao mundo do cómic, rechamante polo recurso visual de presentar a obra "mentres ía saltando de viñeta en viñeta". Foi na TVG onde "tamén pasou polo departamento de promocións, onde creou un estilo propio e recoñecible". .
Amplía a nova>>
19/11/2024
As Xociviga reinvéntanse e levan cincuenta curtas ao Carballiño
Co nome
Xociviga. Ano 0 as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia achegarán ao Carballiño cincuenta proxeccións de curtametraxes entre o 20 e 23 de novembro. O histórico encontro do audiovisual galego reinvéntase cando fai catro décadas e reoriéntase cara ao formato breve. .
Amplía a nova>>