Novas | 11 a 20 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

22/01/2025
Falece o comunicador Xosé Manuel Piñeiro

Na noite deste 21 de xaneiro falecía en Santiago de Compostela, aos 68 anos de idade, Xosé Manuel Piñeiro. O que se fixo coñecido como Superpiñeiro a partir do seu traballo no programa Supermartes da TVG, fora un dos rostros máis icónicos da canle autonómica desde o seu debut en 1992. Piñeiro anunciara en 2018 que sufría un mieloma múltiple do que fora dado de alta no ano a seguir.. Amplía a nova>>

13/01/2025
Agadic convoca as axudas a para laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais, a través das que destina 180.000 euros (20.000 menos que o pasado ano) á organización deste tipo de iniciativas de formación e asesoramento na creación ou desenvolvemento de novos proxectos. Estas axudas convócanse por segundo ano consecutivo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais coa finalidade de favorecer a solvencia e a calidade na posta en marcha de novas propostas para cinema e televisión no camiño cara á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira. O prazo de solicitude destas axudas estará aberto na sede electrónica da Xunta de Galicia entre o 11 de xaneiro e o 10 de febreiro para empresas ou asociacións que organicen este tipo de eventos no período comprendido desde a convocatoria ata o 1 de xullo de 2026. A concesión máxima sitúase no 80% do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros.. Amplía a nova>>

07/01/2025
Lois Patiño e Iván Castiñeiras estrearán filmes no festival de Rotterdam

O International Film Festival de Rotterdam incluirá no seu programa deste ano dous filmes galegos que farán a lí a súa estrea mundial. Será o caso do filme 'Ariel', novo traballo de Lois Patiño, unha reinterpretación inmersiva da Tempestade de Shakespeare ambientada nas illas Azores. 'Ariel' é unha obra de teatro dentro dunha película, sobre unha actriz arxentina que desembarca nunha estraña e encantadora illa onde os seus habitantes transcenderon a personaxes shakespearianos. Lois Patiño adorna a súa última función con paisaxes acuáticas relucentes e terreos encantadores que aparentemente están posuídos por enerxías do outro mundo, difuminando a liña entre a realidade e a fantasía, forzando o paso do tempo a seguir sendo ambiguo. O filme incluirase na sección "Harbour" na que se dá acubillo a toda a gama de cine contemporáno que defende este encontro.. Amplía a nova>>

26/12/2024
Tres medallas das Belas Artes para tres mulleres

O Consello de Ministros do día de Noiteboa deixou en Galicia tres das 38 Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes do ano 2024. Aprobada a proposta feita polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, son tres mulleres galegas as que reciben este ano estas distincións pola súa destacada labor nos seus respectivos traballos. A xestora cultural e xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago ve recoñecido con esta medalla o seu traballo nesta institución "caracterizado polo impulso de proxectos de inclusión, accesibilidade e participación comunitaria no ámbito museístico", explica o ministerio. No eido das artes escénicas e audiovisuais as medallas con selo galego recoñecen a duas ferrolás. A dramaturga, directora de escena, bailarina, actriz e poeta visual Ana Vallés, cofundadora de Matarile Teatro é recoñecida polo seu labor pioneiro na creación de espazos "fundamentais para a difusión das artes escénicas contemporáneas en Galicia" como a Sala Galán ou o Festival en Pé de Pedra. O intenso e premiado traballo como produtora audiovisual de Chelo Loureiro tamén é recoñecido cunha Medalla de Ouro das Belas Artes polo ministerio. A produtora e directora cinematográfica ferrolá especializada en cine de animación. Fundou a produtora Abano Producións en 2007 e acadou catro premios Goya e seis premio Mestre Mateo na súa traxectoria. O ministerio sinala a súa faceta tamén como activista polo recoñecemento das mulleres dentro do campo audiovisual.. Amplía a nova>>

19/12/2024
Catro nomes do audiovisual galego optan aos 39 Premios Goya

A Academia de Cine española daba a coñecer este 18 de decembro a listaxe de propostas que optan a se facer cun dos galardóns na 39 xeira dos Premios Goya. Entre estas, catro nomes do audiovisual galego compiten en diferentes categorías nos principais recoñecementos do sector a nivel estatal.. Amplía a nova>>

17/12/2024
As axudas á creación escénica da Agadic medran ata os 870.000 euros

O Diario Oficial de Galicia deste 17 de decembro publica a convocatoria de axudas á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais. Esta liña incrementa a súa contía en 70.000 euros respecto aos últimos anos e chega deste xeito aos 870.000, que se distribuirán en tres anualidades. En paralelo, a Agadic convocou tamén as subvencións para a realización de festivais do sector audiovisual, un ámbito no que inviste 300.000 euros.. Amplía a nova>>

16/12/2024
O filme Eastern Anthems faise co premio do festival Novos Cinemas

O festival Novos Cinemas fechaba este 15 de decembro a novena xeira en Pontevedra dando a coñecer o seu palmarés deste ano. O filme Eastern Anthems, de Matthew Wolkow e Jean-Jacques Martinod levou o premio que leva o nome do evento. A produción fíxose tamén co Premio á Mellor Dirección da Sección Oficial, concedido polo Xurado Novo.. Amplía a nova>>

11/12/2024
Tuto Vázquez entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, a colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos na nosa historia, ven de incorporar unha entrada sobre Tuto Vázquez (Ribeira, 1947- A Coruña, 2010), un dos actores de televisión máis recoñecidos e populares da nosa terra. Como explica Ana Abad de Larriva no álbum, Xosé Manuel Vázquez Martínez coñecido como Tuto Vázquez, foi un actor pioneiro de teatro, audiovisual e dobraxe. Participou en numerosas montaxes de compañías teatrais amadoras, profesionais e tamén do Centro Dramático Galego. Ademais, formou parte do grupo de persoas que elaboraron o proxecto fundacional da Escola Dramática Galega. No ano 2000 deixou os escenarios para dedicarse unicamente ao audiovisual onde acadou popularidade grazas ás series da TVG como 'Os outros feirantes', 'Pratos combinados', 'Mareas vivas', 'As leis de Celavella', ou 'Padre Casares', serie que tivo que deixar por motivos de saúde. Participou en longametraxes como 'Blanca Madison', 'O lapis do carpinteiro', ou 'Camiño de Santiago: A orixe'. Finou na Coruña en 2010. A súa ficha no Álbum inclúe numeroso material gráfico da súa traxectoria e outra documentación.. Amplía a nova>>

09/12/2024
Cármen Méndez segue aumentado o palmarés de 'Pura'

A realizadora e actriz Cármen Méndez (Neira de Rei, 1979), segue a recoller recoñecementos á súa primeira curtametraxe como directora, 'Pura'. A 36ª edición do Festival Internacional de Cortometrajes de Aguilar de Campoo, Aguilar Film Fest, ven de engadir ao palmarés desta produción tres galardóns. A cinta acadou o favor dos asistentes alzándose co Premio Águila de Oro do Público, ao que suma o Premio do Xurado Oficial a Mellor Montaxe e o Premio da Asociación "Tejiendo Cambios" á Mellor curta nacional dirixida por unha muller. Neste traballo, Carmen Méndez estréase na dirección facendo unha viaxe ás súas orixes, na que acompaña a súa nai e a súa aboa nun percorrido polos recordos que serve de reconciliación coas súas raíces . . Amplía a nova>>

05/12/2024
Novos Cinemas amosa a forza da súa proposta en Pontevedra

A novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas desenvolverase entre o 10 e o 15 de decembro. Centrado nas primeiras e segundas películas de novos directores e directoras, 39 filmes procedentes de países como Canadá, Portugal, Chile, Francia, Suecia, Venezuela ou Honduras, dos que nove son estreas mundiais, foron seleccionados para as tres seccións competitivas dun festival que abrangue outra serie de iniciativas, como obradoiros, mesas de debate ou a presentación das curtametraxes realizadas polo estudantes do campus nun taller impartido por Álvaro Gago. Así mesmo, Novos Cinemas suma neste 2024 ás súas seccións Oficial e Latexos un novo apartado, Ceres, dedicado os proxectos xurdidos dos centros de formación audiovisual de España e Portugal. O festival conta co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org