Novos Cinemas amosa a forza da súa proposta en Pontevedra

O festival no que conflúen formación e novos realizadores ofrecerá 39 filmes e varios obradoiros

A novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas desenvolverase entre o 10 e o 15 de decembro. Centrado nas primeiras e segundas películas de novos directores e directoras, 39 filmes procedentes de países como Canadá, Portugal, Chile, Francia, Suecia, Venezuela ou Honduras, dos que nove son estreas mundiais, foron seleccionados para as tres seccións competitivas dun festival que abrangue outra serie de iniciativas, como obradoiros, mesas de debate ou a presentación das curtametraxes realizadas polo estudantes do campus nun taller impartido por Álvaro Gago. Así mesmo, Novos Cinemas suma neste 2024 ás súas seccións Oficial e Latexos un novo apartado, Ceres, dedicado os proxectos xurdidos dos centros de formación audiovisual de España e Portugal. O festival conta co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales.

Esta novena edición arrancará o vindeiro día 10 cunha sesión inaugural protagonizada polo filme 'La Parra', do ferrolán Alberto Gracia e producida por Filmika Galaika. Comezará así unha programación que aposta polo cinema emerxente e as estreas internacionais, ao tempo que sirve de plataforma de difusión ao cinema galego. Ademais, o guionista, montador e realizador francés Maxime Martinot será obxecto da súa primeira retrospectiva internacional nun festival. Para rematar, a ourensá Paula Veleiro será a encargada de pechar esta Novos Cinemas coa estrea de 'Sepáraste moito', un filme fondamente persoal que desenvolveu no laboratorio da sexta edición do certame pontevedrés. En canto aos apartados competitivos, Novos Cinemas proxectará 39 pezas, das cales nove serán estreas mundiais, dúas internacionais, 10 en España e 12 en Galicia.



Peso do formativo
Este ano refórzase o peso que ten a oferta formativa neste evento. Catro proxectos de primeira longametraxe foron seleccionados por Novos Cinemas para participar no seu laboratorio de desenvolvemento, #LAB. Este laboratorio está dirixido pola cineasta Isona Admetlla, socióloga e xestora cultural xunto a un equipo de mentores de ámbito internacional composto por Lorena Morin, directora do MECAS (Mercado Internacional del Cine Casi Hecho), o director e produtor Lukas Valente e a distribuidora María Vera, que orientarán os equipos seleccionados ao longo do proceso. A sección ENCONTROS contará coa participación de dous cineastas galegos, Adrián Canoura e Ángel Santos, que compartirán imaxes inéditas das súas longametraxes; con Pedro Miguel Alves, da Escola das Artes – Universidade Católica Portuguesa (Porto); e co fotógrafo e realizador buenense Amador Lorenzo. A oferta complétase cunha mesa redonda sobre estratexias de promoción para o cinema de autor e emerxente coa presenza de María Yáñez, María Vera e Lorena Morín.

A sección AULA do festival reforza o intercambio de coñecemento entre profesionais do audiovisual e a cidadanía mediante talleres adaptados a diferentes públicos que promoven a aprendizaxe e a participación activa. Destacan o taller do director Álvaro Gago, en colaboración coa Universidade de Vigo; outro impartido por Jamie Weiss, centrado na produción audiovisual e desenvolvido en colaboración coa ECAM (Escola de Cinematografía e do Audiovisual da Comunidade de Madrid); e un taller infantil sobre a planificación dun filme a través da creación dun storyboarden AULA + NOVOS. O festival complementa a súa oferta formativa con dúas iniciativas que achegan novos puntos de vista e reforzan as alianzas internacionais: a CARTA BLANCA e a colaboración co Porto/Post/Doc. A CARTA BLANCA é unha sección na que se convida a outro festival a programar unha sesión especial. O elixido nesta edición é Daniel Martins Maciel, do MDOC – Melgaço International Documentary Film Festival.
Ligazóns