Novas | 1461 a 1470 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

06/05/2016
A mostra (S8) dedica a súa sétima edición aos Novos Impresionistas

Os novos impresionistas é o lema da sétima edición da (S8), a mostra de cinema periférico da Coruña. Entre o 1 e o 8 de xuño vindeiros, o programa deste evento achegará unha selección de cineastas emerxentes e veteranos "para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asinan algunhas das obras visualmente máis estimulantes dos últimos anos". Jacques Perconte,Stephen Broomer, Jodie Mack e Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, os canadenses John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce, así como Germaine Dulac son nomes que fan parte da nova xeira do encontro. Para a gala inaugural proxectarase unha versión restaurada do clásico de Sergei Eisenstein, Acorazado Potemkin que contará con música ao vivo a cargo do pianista e compositor Chris Jarrett.. Amplía a nova>>

03/05/2016
Cans presenta a súa edición máis multidisciplinar

Con dezaoito curtametraxes a concurso, cinco delas de animación, presentábase esta mañá a XIII Edición do Festival de Cans. O evento do Porriño proxectará en total 90 pezas audiovisuais, entre as que se contan as dezaoito que fan parte do concurso de videoclips. A selección realizouse entre 215 producións presentadas, o que constitúe unha nova marca na historia do evento. Dentro do programa, a organización salienta a importante presenza de directoras e directores galegos que crean desde fóra do país. Para alén do audiovisual a nova edición do evento, que se desenvolverá entre o 18 e o 21 de maio, caracterízase por ser á que ten unha maior presenza multimedia. . Amplía a nova>>

03/05/2016
Psiconautas leva o premio Animovie do Festival de Stuttgart

O Festival de animación de Stuttgart fechaba onte as súas portas a achegar un novo galardón ao palmarés do filme Psiconautas. A longametraxe que codirixou e coguionizou o coruñés Alberto Vázquez fíxose co premio AniMovie, que recoñece a mellor longametraxe de animación. O traballo, baseado nunha BD do propio Vázquez, participará tamén no Festival de Animación de Annecy, onde o debuxante e director tamén compite coa curtametraxe Decorado.. Amplía a nova>>

29/04/2016
Os I Premios Crea xa teñen finalistas

As once categorías da primeira edición dos Premios Crea, que convoca a Asociación de directores e realizadores para recoñecer o traballo no audiovisual xa teñen finalistas. Na longametraxe de ficción, o premio dispútano Ángel Santos por Las Altas presiones, Dani de la Torre por El Desconocido, Alber Ponte por Little Galicia e Simón Casal por Lobos Sucios. En canto a serie de televisión optan ao premio Jorge Cassinello por Hospital Real, Miguel Conde, Jorge Saavedra e Manuel Espiñeira por Serramoura, Toño López e Jorge Coira por Luci e mais Carlos Sedes por Velvet. En programa de televisión, pola súa banda, compiten Jorge Saavedra por E agora que?, Gaspar Broullón e Simón Vázquez por Éche así, Roberto Vilar e José Villaverde por Land Rober Tunai Show e Suso Iglesias por Naqueles tempos. Os galardóns entregaranse nunha gala o vindeiro 14 de maio. A mellor Longametraxe documental despútana César Souto e Luís Avilés por Os días afogados, Diana Toucedo por En todas as mans, Susana Sotelo por Querida Gina e Jorge Coira por Torre de Breoghan.. Amplía a nova>>

27/04/2016
Un ciclo de cinema leva o audiovisual galego a Bos Aires

As actividades da 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que está a celebrar con Compostela como cidade convidada, chegan para alén do literario. Galicia en cine é o título do ciclo cinematográfico que acolle o Cine Gaumont da capital arxentina ata o vindeiro 4 de maio. O programa achega unha selección de dezasete filmes do audiovisual galego máis actual, con títulos como Lobos sucios, As altas presións, A esmorga, Maimiño ou Inevitable entre outras. . Amplía a nova>>

25/04/2016
El desconocido arrasa nos Mestre Mateo con doce galardóns

Acumulaba dezaseis candidaturas, e voltou con doce galardóns da gala que se celebrou este sábado no Pazo da Ópera da Coruña. El desconocido, o filme producido por Vaca Films e Atresmedia Cine, coa participación da TVG, converteuse no grande triunfador dos XIV Premios Mestre Mateo 2016, a conseguir case a metade das figuras desta edición. Mellor filme, Dani de la Torre como mellor director, Luís Tosar como mellor actor ou Paula del Río co premio a mellor actriz foron algúns dos principais galardóns que obtivo esta produción. A estes súmanse os de mellores actriz e actor de reparto (Elvira Mínguez e Javier Gutiérrez), guión (Alberto Marini), dirección de produción (Carla Pérez de Albeniz), montaxe (Jorge Coira), música orixinal (Manuel Riveiro), son (David Machado, Nacho Arenas e Jaime Fernández)e dirección de fotografía (Josu Incháustegui).. Amplía a nova>>

22/04/2016
O audiovisual galego conquista o Festival de Málaga

Unha importante presenza galega desembarca no Festival de Cinema de Málaga, que abre hoxe as súas portas. En total serán tres longametraxes de ficción, dous documentais e unha curtametraxe de directores do noso país ou realizadas en Galicia as que fan parte deste prestixioso encontro. Entre as producións destacadas está a estrea de Estirpe, ópera prima do coruñés Adrián López, e mais a presentación de Kauflanders, de Olaia Sendón. O filme Toro, que protaganizan Luís Tosar e Mario Casas e que se rodou parcialmente en Vigo abrirá, fóra de concurso o evento. Nas seccións de curtametraxes, Unary do noiés Luís Avilés Baquero, o documental Freedom to kill other's children de David Varela e Cocinando en el fin del mundo de Alberto Vaamonde completan a representación.. Amplía a nova>>

20/04/2016
Trinta e seis webseries competirán no III Carballo Interplay

Unha selección de trinta e cinco webseries, de entre as 122 que se presentaron ao concurso poderá verse na terceira edición do Carballo Interplay. O Festival de Contidos Dixitais celebrarase entre os vindeiros 5 e 7 de maio e contará con 9 webseries galegas, 15 do resto do Estado e 12 do resto do mundo na súa selección. De todas elas, 30 competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real, 6 á de animación, 12 polo premio á mellor webserie internacional e 7 á de versión orixinal en galego. A organización sinala un importante predominio da comedia nas producións seleccionadas, xa que 28 das 36 corresponden a este xénero.. Amplía a nova>>

20/04/2016
Óliver Laxe leva a súa segunda longametraxe á Semana da Crítica de Cannes

Aínda sen competir na selección oficial, o audiovisual galego ten a súa presenza nas seccións paralelas do festival de Cannes, que abre as súas portas o vindeiro 11 de maio. Deste xeito, Mimosas, segunda longametraxe de Óliver Laxe, poderá verse no marco da Semana da Crítica, un evento que se desenvolverá entre o 12 e o 20 de maio na localidade francesa. A produción, un proxecto conxunto de España, Marrocos, Francia e Qatar, é o único proxecto español presente na sección. . Amplía a nova>>

18/04/2016
Xavier Villaverde leva o premio Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer os gañadores dos dous galardóns que concede a súa directiva. Nesta ocasión, o premio Fernando Rey, que recoñece a carreira no sector audiovisual foi para Xavier Villaverde, a quen a AGA galardoa "por ser un dos pioneiros no renacer do cine en Galicia desde os anos oitenta". Canda a este, o premio José Sellier, que honra iniciativas salientables no sector audiovisual, foi para a sala Númax, a recoñecer a súa aposta por cinema en versión orixinal e independente. Os premios déronse a coñecer no encontro de finalistas que se celebrou esta fin de semana en Cambre. Na xuntanza tamén se revelou que Marga Pazos e Xosé A. Touriñán serán os presentadores da gala dos premios Mestre Mateo que se desenvolverán o vindeiro sábado 23 no Pazo da Ópera da Coruña. O centenario do filme Miss Ledyia será o eixe desta celebración.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org