Novas | 1451 a 1460 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

26/05/2016
Os Premios Fouciño achegan o cinema galego ao rural da Costa da Morte

Baio, na Costa da Morte, estrea mañá e pasado cita audiovisual. Os Premios Fouciño - Festival de Cinema amosarán no auditorio municipal, casas particulares, barberías ou adegas unha selección de curtametraxes, webseries e producións cinematográficas do país. O evento inclúe tamén obradoiros e encontros con creadores como Jorge Coira, Xacio Baño, Fran Estévez ou Alfonso Míguez. O auditorio municipal achegaba onte un adianto do programa coa proxección do documental Feísmos? e continúa hoxe cunha sesión de Fíos fóra. . Amplía a nova>>

23/05/2016
Ladrones de Tiempo encabeza o palmarés de Cans

O XIII Festival de Cans fechaba onte coa entrega dos seus galaróns. O xurado formado por Dani de la Torre, Belén Constenla, Manuel Jabois, Helena Miquel, Nacho Castaño e Ana Cermeño outorgoulle a Ladrones de Tiempo, de Fran X. Rodríguez o premio á mellor curtametraxe de imaxe real "por tocar unha liña moi delicada contemporaneamente e complexa: a fraccionalidade do tempo. Por ter unha formulación orixinal e ambiciosa, cunha factura técnica intachable e unha mensaxe potente". Ademais dos 2.000 euros deste premio, o filme foi recoñecido tamén co galardón ao mellor guión, escrito por Marcos Nine. . Amplía a nova>>

20/05/2016
Oliver Laxe gaña o Nespresso Grand Prize da Semana da Crítica de Cannes

Por vez primeira, un filme galego acaba de se impor como vencedor na Semana da Crítica de Cannes. O xurado deste evento, que se celebra de xeito paralelo ao festival, outorgoulle onte a Mimosas de Óliver Laxe o Nespresso Grand Prize, dotado con 15,000 euros. O filme, ambientado en Marrocos é unha coprodución coprodución da galega Zeitun Films, a marroquí La Prod e a francesa Rouge International. . Amplía a nova>>

19/05/2016
O Museo de Pontevedra presenta Telearqueoloxía

Implicar a cidadanía no coñecemento e na investigación dos depósitos arqueolóxicos da provincia mediante o audiovisual. Esta é o eixe de Telearqueoloxía, a proposta que presentaban onte a Deputación e mais o Museo de Pontevedra. A iniciativa pretende organizar grupos de traballo de entidades e particulares que recibirán formación sobre investigación arqueolóxica e video-investigación. Con posterioridade, os participantes realizarán curtametraxes sobre este patrimonio na provincia e participarán, xa no mes de decembro, nun festival audiovisual de curtametraxes de temática arqueolóxica.. Amplía a nova>>

18/05/2016
A V Primavera do Cine chega medrada a Vigo

Mañá abre o telón en Vigo a quinta edición do festival Primavera do Cine. O evento, que se prolongará ata o vindeiro 29 de maio, duplica nesta nova xeira o número de filmes que se proxectarán e mais as sedes que ocupa na Cidade Olívica. En total serán 50 curtametraxes e 20 longametraxes galegas e da lusofonía que se poderán ver no auditorio do Concello, no MARCO e mais na sede do Instituto Camões. Ademais das sesións o programa inclúe tamén coloquios, concertos, actividades escolares no marco do programa Escoita… é cine!, galas, retrospectivas e clases maxistrais como a que ofertará Mario Iglesias.. Amplía a nova>>

16/05/2016
Dani de la Torre continúa a colleita de premios co Crea

El desconocido continúa a súa colleita de premios. Logo de arrasar nos Mestre Mateo, Dani de la Torre recollía este sábado o premio Crea á mellor dirección de longametraxe polo seu traballo neste filme. Estes galardóns que convocou por vez primeira a Asociación de Directores e Realizadores Galegos nacen coa intención de recoñecer os traballos da industria audiovisual do país. No palmarés tamén suma un premio á súa lista Psiconautas, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, que se fixo co galardón de animación. . Amplía a nova>>

12/05/2016
Lois Patiño é premiado no Festival Internacional de Cinema de San Francisco

Cunha historia ambientada no contrabando entre Galicia e Portugal, o cineasta galego Lois Patiño acaba de se facer co premio á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cinema de San Francisco. Noite Sem Distância, producida pola firma portuguesa Curtas Vila do Conde conta con habitantes da zona do Gerês para desenvolver un proxecto no que "a ficción, o documental e o experimental se mestura, a tentar acadar un equilibrio entre o contemplativo, o conceptual e o narrativo", segundo explica Patiño no seu web. . Amplía a nova>>

10/05/2016
Fran Gayo é o novo director do Festival de Cinema de Ourense

O Festival de Cine Internacional de Ourense estreará director na súa vixésimo primeira edición. O asturiano Fran Gayo correrá coa coordinación do evento na xeira que se celebrará entre o 28 de outubro e o 5 de novembro vindeiros. Segundo explicou a organización do evento, Gayo, que xa fora responsable de eventos como o FicXixón ou o BAFICI de Bos Aires, "asume o reto de contaxiarlle ao público de Ourense a súa curiosidade polas novas tendencias cinematográficas do concerto internacional, especialmente do ámbito iberoamericano, sobre o que se porá o foco na presente edición do OUFF".. Amplía a nova>>

10/05/2016
El Partido impúxose no Carballo Interplay

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay fechaba este domingo a súa terceira edición coa entrega de premios. Como novidade, a organización outorgoulle un Premio de Honra ao humorista Pedro Reyes. O falecido actor protagonizaba unha das webseries da sección oficial, Pedro Reyes For President. No entanto, o grande vencedor desta xeira foi a produción El Partido, que levou os premios á mellor direccións e mais á mellor webserie en imaxe real. Poetarras, pola súa banda, recuncou como mellor webserie en galego, un galardón que xa obtivera hai dous anos. Orfanato atroz, de Antón Varela, foi recoñecida como mellor webserie de animación, categoría na que houbo unha mención especial para o proxecto Niño ratón. . Amplía a nova>>

06/05/2016
A Consellaría de Cultura presenta dúas pezas audiovisuais sobre poemas de Manuel María

A pita choca e Biografía dunha folla son os títulos da dúas pezas audiovisuais que están a difundir a Secretaría Xeral de Cultura e mais a TVG sobre senllos poemas de Manuel María. Os vídeos, realizados por Algarabía Producións, amosan animacións sobre os temas destas composicións, que son recitadas por diferentes persoas. En paralelo, a Consellaría de Cultura presentaba onte na biblioteca González Garcés da Coruña a exposición Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), a mostra itinerante que lle dedica ao autor homenaxeado no Día das Letras este ano. A mostra repasa en dez paneis "a personalidade de Manuel María e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais" a abordar "aspectos relevantes como a identificación do escritor coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios que abordou".. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org