11/04/2016
Os premios Crea recoñecerán o traballo dos directores do país
A Asociación de directores e realizadores de Galicia presentaba o pasado venres os Premios Crea, cos que esta entidade quere recoñecer os traballos da industria audiovisual galega. Os novos galardóns nacen sen todación económica e con 11 categorías centradas todas elas na mellor dirección. Longametraxe de ficción, longametraxe documental, curtametraxe de ficción, curtametraxe documental, obra de animación, serie TV, serie web, programa de TV, videoclip, spot ou campaña publicitaria e mais obra experimental son as categorías desta primeira edición. Ademais haberá un premio de honra. .
Amplía a nova>>
08/04/2016
O estudio Gato Salvaje presenta o primeiro xogo en galego para Steam
Bullshot, un arcade de desprazamento lateral e estilo retro, na liña de clásicos como
Metal Slug é a nova proposta do estudio coruñés de videoxogos Gato Salvaje. O proxecto, de aire retro, acaba de se presentar como o primeiro produto dispoñible na nosa lingua, entre outras dezasete, na popular plataforma de venda Steam. O proxecto conta coa voz do actor Miguel Pernas, que pon na boca do protagonista, Frank F. Franky, expresións como "manda truco!", "voute esnaquizar, miñoca!" ou "caralludo!". O xogo, aínda sen rematar, pódese adquirir xa en Steam por 0,89 euros ata o vindeiro 14 de abril..
Amplía a nova>>
06/04/2016
O cinema afroamericano é protagonista do Play-Doc de Tui
Charles Burnett é o protagonista principal este ano do festival de documentais Play-Doc de Tui. O evento tamén publicará a primeira monografía en inglés e español sobre a súa obra e realizará outra retrospectiva sobre Les Blank, A poem is a Naked Person (1974). A selección de documentais galegos constará de dez títulos e haberá seccións monográficas dedicadas ao cine afroamericano e as vangardas iugoslavas dos sesenta e setenta. "Trátase do Play-Doc máis diverso en anos", aseguran desde a organización. .
Amplía a nova>>
05/04/2016
Catorce empresas galegas participan no MIPTV de Cannes
O MIPTV de Cannes, o maior mercado internacional de formatos, programas e contidos para televisión, conta un ano máis cunha nutrida presenza do audiovisual galego. Un total de catorce produtoras do país participan desde onte, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, neste encontro. A cifra supón un incremento a respecto ás once empresas que asistiron na pasada edición e ás oito que compuñan a delegación en anos anteriores. Artefacto, Ficción, Filmanova Invest, International Audiovisual Communication, Intuitive Productions, Matriuska, Maruxiña Films, Obradoiro Cab Sad, Portocabo, Somadrome, Tree Line, Vía Láctea, Voz Audiovisual e Zenit TV son as firmas que visitan a cidade francesa ata o vindeiro sete de abril..
Amplía a nova>>
22/03/2016
Xunta e sector audiovisual procuran unha estratexia conxunta para 2016-2020
A Xunta, a Televisión de Galicia e seis entidades e asociacións audiovisuais reuníronse onte na Cidade da Cultura co obxectivo de definir unha estratexia conxunta para este sector entre os anos 2016 e 2020, definindo prioridades e prazos. Na xuntanza participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e nela tamén participaron Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Agadic; Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Fernando Rodríguez Madriñán, director do departamento de Programación e Emisión de TVG; Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Mar Varela, xerente do Clúster Audiovisual Galego (Clag); Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi); Ramón Domínguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA); Jorge Coira, presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia-CREA; e Daniel Domínguez, vogal Asociación Galega de Guionistas..
Amplía a nova>>
18/03/2016
Un erro no reconto modifica as candidaturas aos premios Mestre Mateo
Un erro notarial no reconto dos votos para seleccionar os finalistas aos premios Mestre Mateo provocou unha modificación nas candidaturas aos galardóns do audiovisual galego. Os responsables da Academia Galega do Audiovisual facía público onte un comunicado no que explicaban o problema, do que foron conscientes ao preparar a votación final dos premios e comprobar que o número de votos rexistrado na plataforma dixital non correspondía co reconto que realizara o notario. O erro afectou a cadanseu finalista de 13 candidaturas e a dous no caso da categoría de Mellor Anuncio Publicitario..
Amplía a nova>>
16/03/2016
Emma Lustres leva o Premio Pedigree de Cans
A Asociación Cultural Arela, que organiza anualmente o Festival de Cans, acordou outorgalle o seu premio Pedigree á produtora Emma Lustres. A organización recoñece así a que considera "unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films" e "valora a visibilidade e as oportunidades que lles dá aos profesionais galegos" a través desta empresa. O galardón recoñece así a destacada carreira desta profesional que obtivo importantes recoñecementos para varios dos seus proxectos, como
Celda 211 ou
El desconocido.
.
Amplía a nova>>
14/03/2016
O Descoñecido, Lobos Sucios e Hospital Real concentran as candidaturas dos Mestre Mateo
Quince nominacións para o filme
O Descoñecido sitúan esta produción como favorito para a actual edición dos Premios Mestre Mateo. Moi achegado a ela está
Lobos Sucios, con 14 candidaturas, mentres a serie de televisión
Hospital Real, con once, é a terceira máis recoñecida. A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer esta mañá os finalistas para os seus galardóns anuais, que se seleccionarán agora por votación dos socios. Destacan na listaxe tamén a serie
Serramoura, que compite por sete estatuas e a longametraxe
Las altas presiones, presente en 5 candidaturas. Esta última, canda a
A Praia dos Afogados completan, con
O descoñecido e
Lobos sucios os traballos con opción a levar o premio ao mellor filme. A gala dos premios celebrarase o 23 de abril no Pazo da Ópera de A Coruña..
Amplía a nova>>
09/03/2016
A AGADIC convoca axudas á produción audiovisual por dous millóns de euros
O Diario Oficial de Galicia recollía onte a convocatoria das axudas para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais mantén o orzamento de dous millóns de euros para estas subvencións. Ademais elimina a obrigatoriedade de constituír garantías para o adianto de cantidades de máis de 18.000 euros e ábrese a posibilidade de acceder a un 85% do importe da subvención de xeito anticipado. Na distribución dos fondos, incremétanse as axudas para proxectos en versión orixinal galega, para coproducións europeas e para os primeiros proxectos de directores de ata 300.000 euros de orzamento. .
Amplía a nova>>
08/03/2016
A Xunta anuncia un Plan estratéxico do Audiovisual Galego
Desenvolver un plan estratéxico para o sector audiovisual para o período 2016-2020. Esta é a proposta que o Presidente da Xunta lles facía a representantes deste ámbito profesional na reunión que mantiveron onte. Alberte Núñez Feijóo anunciaba a súa intención de "impulsar este sector como un dos buques insignia da nosa industria cultural" e convidou a asociacións, empresas e entidades vencelladas ao audiovisual a facer parte dun proceso de debate que analice as medidas máis axeitadas a desenvolver. Entre outras propostas, a Xunta xa anunciou a súa intención de mudar o sistema de pagos de subvencións, que permitirá acceder por anticipado ata o 85% do importe concedido e eliminará a necesidade de garantías para importes superiores aos 18.000 euros. Ademais, poranse en marcha medidas para a creación e a dinamización de audiencias, aumentar a implicación da cidadanía no consumo de bens e servizos audiovisuais e mellorar a educación audiovisual nas escolas..
Amplía a nova>>