08/03/2016
A Xunta anuncia un Plan estratéxico do Audiovisual Galego
Desenvolver un plan estratéxico para o sector audiovisual para o período 2016-2020. Esta é a proposta que o Presidente da Xunta lles facía a representantes deste ámbito profesional na reunión que mantiveron onte. Alberte Núñez Feijóo anunciaba a súa intención de "impulsar este sector como un dos buques insignia da nosa industria cultural" e convidou a asociacións, empresas e entidades vencelladas ao audiovisual a facer parte dun proceso de debate que analice as medidas máis axeitadas a desenvolver. Entre outras propostas, a Xunta xa anunciou a súa intención de mudar o sistema de pagos de subvencións, que permitirá acceder por anticipado ata o 85% do importe concedido e eliminará a necesidade de garantías para importes superiores aos 18.000 euros. Ademais, poranse en marcha medidas para a creación e a dinamización de audiencias, aumentar a implicación da cidadanía no consumo de bens e servizos audiovisuais e mellorar a educación audiovisual nas escolas..
Amplía a nova>>
08/03/2016
A cultura implícase co 8 de marzo
A celebración hoxe 8 de marzo do Día da Muller, está motivar múltiples actividades culturais a reivindicar a presenza feminina en diferentes ámbitos. Neste ano, semella que o audiovisual está a adquirir unha especial importancia nas propostas que se fan desde a cultura. Así, o Festival de Cans daba a coñecer onte o seu
Decálogo para a visibilidade das mulleres, unha serie de medidas que o evento aplicará en todas as súas seccións e homenaxes e que fará chegar a outros festivais, colectivos e administracións. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra pon en marcha o ciclo
Cinema e muller, no que se proxectarán dezaseis curtametraxes dirixidas por mulleres galegas ademais do filme colaborativo
Visións. Un concerto e varias charlas completan este programa que se distribúe entre Pontevedra e Vigo..
Amplía a nova>>
29/02/2016
Miss Ledyia cumpre cen anos en Pontevedra
Foi un fito fundacional do noso cinema. Gravouse a man da produtora viguesa de José Gil e entre os seus actores aparece Castelao.
Miss Ledyia fai neste 2016 un século de existencia. Para conmemorar a efeméride, a Consellería de Cultura, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e do Centro Galego de Artes da Imaxe, o Concello e mais o Museo Provincial de Pontevedra organizan para o vindeiro venres 4 de marzo unha proxección especial deste filme. .
Amplía a nova>>
25/02/2016
Carballo Interplay crea un premio para proxectos de webseries
Fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo son os obxectivos cos que Sonia Méndez, directora do festival de webseries Carballo Interplay, presentaba esta mañá o novo galardón que se entregará no transcurso deste evento. O premio, dotado con 1.500 euros, recoñecerá o mellor proxecto de webserie na nosa lingua, e deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da iniciativa galardoada. Canda a este, o festival mantén os premios á mellor webserie de imaxe real, mellor webserie de animación, mellor webserie internacional e mellor webserie en versión orixinal en galego, dotados con cadanseus 800 euros e trofeo, o galardón do público, dotado con 400 euros, e os trofeos para a mellor actriz, o mellor actor e un premio AGAG ao mellor guión..
Amplía a nova>>
23/02/2016
Nace a cronoloxía do Novo Cinema Galego
A estrea en xaneiro de 2005 de
Como foi o conto de Alberte Pagán na Sala Nasa de Santiago de Compostela márcase como punto de partida na Cronoloxía do Novo Cinema Galego. Esta publicación, que se daba a coñecer hoxe na páxina
Novo Cinema Galego recolle datas de estreas, premios e presenza en festivais de filmes e creadores vencellados a esta corrente. Canda a isto, amosa fitos da política audiovisual do país, convocatorias e resolución de axudas e outros eventos coa intención de "poñer en contexto e relación as obras co tempo no que xurdiron". Un documento de grande interese para coñecer esta vizosa corrente do noso audiovisual ata os nosos días..
Amplía a nova>>
17/02/2016
Dani de la Torre recibe o Premio El Ojo Crítico de Cine
O palmarés premios El Ojo Crítico, que entrega cada ano Radio Nacional de España, contou este ano con dous galegos. Por unha banda, o director Dani de la Torre ve recoñecido o seu traballo no filme
El desconocido e faise co galardón de cinema. O xurado destacou "a súa capacidade visual para narrar un conflito social a través da acción e da intriga". Pola outra, o teórico e crítico literario Darío Villanueva, actual presidente da Real Academia Española, foi recoñecido co Premio Especial El Ojo Crítico "pola súa traxectoria académica e intelectual". A entrega dos galardóns celebrouse na tarde de onte en Madrid..
Amplía a nova>>
16/02/2016
A CRTVG renova a súa aposta pola música
Dous novos proxectos amosan o anovado interese da CRTVG pola nosa música. Por unha banda, este 14 de febreiro abría a súas portas o web de
Alalá. Esta nova canle permite acceder a todos os contidos deste programa televisivo centrado na música tradicional, ademais de achegar material inédito. O proxecto irá incorporando aos poucos contidos transmedia aos diferentes programas emitidos, e elaborará con este material un mapa das músicas de Galicia, ademais de achegar pezas completas, fotos ou notas dos diferentes programas..
Amplía a nova>>
12/02/2016
AGADIC incrementa o seu apoio aos cineclubes
A Axencia Galega das Industrias Culturais e mais a Federación de Cineclubes de Galicia asinaban esta mañá un convenio polo que a primeira destas entidades contribuirá ao longo de 2016 con 25.000 euros ao funcionamento da segunda. O apoio, que supón un incremento de mil euros a respecto do ano anterior, facilitará o desenvolvemento dunha programación estable e de calidade nos cineclubes do país. A Federación anunciou que de cara a este anos os seus membros teñen previsto programar trece ciclos temáticos e mais nove semanas de cine, además de enviar unha delegación aos Encontros de Cinema de Viana do Castelo. .
Amplía a nova>>
12/02/2016
San Sadurniño acolle a proxección dos filmes do Chanfaina Lab
Xa están listas as pezas que saíron do último Chanfaina Lab de San Sadurniño. A Casa da Cultura acollerá na tarde deste sábado trece unha proxección en sesión continua de 21 curtametraxes de diferentes xéneros e estilos que se gravaron entre o catro e o seis de setembro no seo desta iniciativa. En total serán máis de tres horas de filmes que se rodaron integramente no concello e que contaron coa participación de moitos veciños. A proxección estruturarase en tres partes cunha introdución na que participarán os realizadores e mais un descanso intermedio. A sesión comezará ás 18 horas e ten entrada libre. Con posterioridade, a partir do venres 19 comezarán a se publicar no web do proxecto todas estas produción, a razón dunha obra cada venres. .
Amplía a nova>>
09/02/2016
O Concello do Porriño incrementa o seu apoio ao Festival de Cans
O vindeiro Festival de Cans contará cun maior apoio do Concello do Porriño ao seu orzamento. En concreto, a cámara municipal incrementa nun 20 por cento a súa achega, que pasa de 15.000 a 18.000 euros. A alcaldesa Eva García e o director do evento, Alfonso Pato, acordaban o pasado venres os termos da colaboración. Ademais de orzamento, o Concello anunciou que preparará unha programación complementaria ao festival que se desenvolverá nas datas previas en diferentes localidades do municipio. Ademais, tamén se renderá unha homenaxe aos veciños da parroquia, que o propio Pato definiu como "os verdadeiros protagonistas" do evento..
Amplía a nova>>