O Concello do Porriño incrementa o seu apoio ao Festival de Cans

Achegará 3.000 euros máis e prepara actividades complementarias

O vindeiro Festival de Cans contará cun maior apoio do Concello do Porriño ao seu orzamento. En concreto, a cámara municipal incrementa nun 20 por cento a súa achega, que pasa de 15.000 a 18.000 euros. A alcaldesa Eva García e o director do evento, Alfonso Pato, acordaban o pasado venres os termos da colaboración. Ademais de orzamento, o Concello anunciou que preparará unha programación complementaria ao festival que se desenvolverá nas datas previas en diferentes localidades do municipio. Ademais, tamén se renderá unha homenaxe aos veciños da parroquia, que o propio Pato definiu como "os verdadeiros protagonistas" do evento.