Miss Ledyia cumpre cen anos en Pontevedra

Unha proxección especial conmemorará o centenario deste filme pioneiro

Foi un fito fundacional do noso cinema. Gravouse a man da produtora viguesa de José Gil e entre os seus actores aparece Castelao. Miss Ledyia fai neste 2016 un século de existencia. Para conmemorar a efeméride, a Consellería de Cultura, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e do Centro Galego de Artes da Imaxe, o Concello e mais o Museo Provincial de Pontevedra organizan para o vindeiro venres 4 de marzo unha proxección especial deste filme.

O Teatro Principal da Cidade do Lérez, que acolleu no seu día a estrea, acollerá o novo pase, que contará con música ao vivo a cargo de Nani García e unha introdución a cargo do catedrático xubilado de Historia do Cine Ángel Luis Hueso. Canda a Miss Ledyia poderán verse tamén outras pezas dos inicios do cinema en Galicia, como son Botadura do acorazado Alfonso XIII, de 1913; e O Ano Santo en Compostela, de 1915.