Emma Lustres leva o Premio Pedigree de Cans

O festival do Porriño bateu marcas de participación para a súa nova xeira

A Asociación Cultural Arela, que organiza anualmente o Festival de Cans, acordou outorgalle o seu premio Pedigree á produtora Emma Lustres. A organización recoñece así a que considera "unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films" e "valora a visibilidade e as oportunidades que lles dá aos profesionais galegos" a través desta empresa. O galardón recoñece así a destacada carreira desta profesional que obtivo importantes recoñecementos para varios dos seus proxectos, como Celda 211 ou El desconocido.


A Asociación acordou tamén outorgar os Chimpíns de Prata Premio Pepe Puime aos veciños Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da Casa do Cid, que realiza un importante labor de apoio loxístico en cada edición do festival. Tamén se outorgou un destes galardóns a Xurxo Souto, que parcitipa cada ano no evento e realiza un roteiro musical pola parroquia. Os premiados recollerán os seus galardóns na Noite das Homenaxes, o vindeiro 20 de maio.

En paralelo, a organización apuntaba recentemente que se bateu a marca de curtametraxes inscritas para a vindeira edición do evento. En total foron 215 producións, un 15% de incremento con respecto ao ano pasado, distribuídas entre 115 curtametraxes de ficción e non ficción, 14 de animación e 86 videoclips.