Novas | 1291 a 1300 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

08/05/2017
Pésame Street e A todo riesgo triunfan no Carballo Interplay

O IV Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay deu a coñecer o pasado sábado o seu palmarés, no que predomina a aposta pola comedia. As webseries Pésame Street e A todo riesgo foron as que concentraron máis galardóns, dous por cabeza, nuns premios moi repartidos entre as producións a concurso. Así, Pésame Street obtivo o de mellor serie de animación e o Premio do Público pola súa fábula de animais parlantes. Pola súa banda, A todo riesgo levou os recoñecementos á mellor webserie de imaxe real, e mais o de mellor actor para Miguel Lago Casal. Teño unha en San Sadurniño fíxose co galardón á Mellor webserie en versión orixinal en galego, mentres o mellor proxecto de webserie en galego foi #HaividaenBran? de Ángela Andrada Gómez, que recibirá 1.500 euros para a produción dos seus tres primeiros capítulos. . Amplía a nova>>

05/05/2017
Trece proxectos reparten as axudas ao talento audiovisual

Cinco proxectos de escrita de guión, cinco de realización de curtametraxes e tres proxectos de longametraxes distribúen os 145.000 euros das axudas para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) facía pública onte a resolución desta convocatoria, que lle outorga cadanseus 30.000 euros a aos proxectos de longametraxes 9 fugas, de Fon Cortizo, Ursúas, de Roi Fernánez e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld. Pola súa banda, os cinco proxectos de curtametraxes, Matria, de Álvaro Gago, A carta xeométrica, de Miguel Mariño, Exhalación, de Alberto Díaz López, Sendeiro, de Lucía Estévez, e Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana Gómez-Díaz. levan 6.000 euros cada un. Os cinco proxectos de guión seleccionados recibirán pola súa banda cadanseus 5.000 euros.. Amplía a nova>>

02/05/2017
A ICCWEEK achegará a Ourense a expertos dos sectores cultural e creativo

Unha charla sobre A cultura e a creatividade como valor para os territorios abrirá hoxe ás seis da tarde o programa da Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense (ICC WEEK). O presidente da Deputación Provincial. Manuel Baltar; a escritora e divulgadora Elsa Punset e o Director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyó, abrirán así este encontro que se celebrará, en diferentes cidades e vilas da provincia de Ourense, entre os días 2 e 7 de maio de 2017. Estas xornadas , que se veñen desenvolvendo desde o ano 2015 ofrecen unha variedade de encontros e actividades que abarcan desde a industria musical, a tecnoloxía, o audiovisual, a comunicación, os videoxogos, a xestión cultural, a artesanía, a publicidade, etc. Entre os días 2 e 7 de maio a provincia será un punto de encontro para emprendedores do sector da cultura e a creatividade. Reunións, relatorios, charlas, entrevistas, showcases, vertebrarán un programa repleto de actividades e no que está incluída por vez primeira nas súas edicións unha nutrida axenda de concertos en varios lugares da capital provincial, os ICC Shows, concertos en formato after work e sesión vermú para complementar as ponencias e actividades da programación. O evento reúne nas súas sesións numerosos nomes destacados en cada un dos sectores representados: a mánager Patricia Hermida e Carlos Jean na industria musical; Pepe Solla e Javier Olleros na gastronomía; Óliver Laxe no audiovisual; Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico; Fernando Dacosta no sector teatral; Alfonso Pato e Sergio Lago na xestión cultural entre outro moitos nomes de expertos chegados de toda España.. Amplía a nova>>

02/05/2017
Sicixia e Lordemani recollen premios no World Fest de Houston

Os dous filmes galegos que concursaban esta fin de semana no World Fest de Houston volven para a casa co recoñecemento deste festival estadounidense. Sicixia, de Ignacio Vilar obtivo o Premio Platinum Remi Award, principal galardón ao mellor filme estranxeiro desta edición. Pola súa banda, o filme Lordemani, dirixido polo lucense Brais Revaldería en colaboración coa productora viguesa Queiman e Pousa e a madrileña Everniamedia, fíxose co galardón de bronce nunha das categorías e documentais. Sicixia competía con outros 35 filmes de diferentes países.. Amplía a nova>>

27/04/2017
Sicixia competirá este domingo no festival World Fest de Houston

Este domingo poderá verse na capital texana, Houston, o filme galego Sicixia dentro do certame de cine World Fest no último día deste festival. O filme competirá neste certame internacional de cine independente na categoría Filme Estranxeiro, optando aos seguintes galardóns: Grand Award (Mellor Filme Estranxeiro), REMI Special Jury Award (Premio Especial do Xurado), REMI de Platino, ouro, prata ou bronce. Só dúas longametraxes españolas participan neste competición. A película de Ignacio Vilar (Petín, 1951) realizador dos filmes A esmorga , Pradolongo ou Vilamor entre outros, conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras), un enxeñeiro de son que percorre a Costa da Morte. Nesta viaxe coñecerá a Olalla (Marta Lado), que traballa na colleita de algas e espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe destas paraxes. O papel protagonista de Marta Lado na película, serviulle á intérprete fisterrá para ser recoñecida co Premio á Mellor Interpretación Feminina no festival Cinespaña de Toulouse (Francia).A proyección de Sicixia farase ás 17 horas e tras dela haberá un coloquio aberto ao público con Ignacio Vilar.. Amplía a nova>>

26/04/2017
O festival Primavera do Cine homenaxea a Morris

A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo outorgará ao actor vigués, Antonio Durán "Morris", unha mención honorífica como recoñecemento á súa prolífica andaina profesional no panorama audiovisual galego e nacional. O acto de entrega terá lugar durante a Gala de Inauguración da VI Edición do Festival, prevista para o día 5 de maio no Auditorio do Concello da cidade de Vigo. A Asociación Cultural Reencanto Produccións, organizadora do certame, fará entrega ao homenaxeado dunha Oliveira Bonsai, facilitada por Casaplanta, con obxectivo de salientar o compromiso deste profesional coa realidade do seu país e do seu sector. O certame manterá, na presente edición, as súas tres categorías orixinais: curtametraxe, longametraxe e videoclip. Ademais, por segundo ano consecutivo e con intención de permanencia, o festival engadirá categorías de competición para filmes de países lusófonos. Como principal novidade, este ano o festival contará cun xurado internacional formado por profesionais do sector audiovisual que concederá o premio do xurado ás mellores longametraxes galega e lusófona, respectivamente. Tamén de xeito pioneiro, e dada a tradición e calidade deste xénero cinematográfico, o festival promove a creación dunha sección exclusiva dedicada á animación, concedéndolle un galardón propio e diferenciado.Nesa liña, entre as actividades paralelas do festival destaca unha master class do director coruñés, Alberto Vázquez, galardoado con un premio Mestre Mateo e dous premios Goya na presente edición. . Amplía a nova>>

21/04/2017
Redondela en Curto quenta motores para unha semana con especial atención aos escolares

Dúas citas audiovisuais de calado están xa plenamente preparadas para acompañarnos neste final de abril e principio de maio. A primeira delas comezará o 24 de abril con Redondela en Curto, a décima terceira edición desta mostra nacional de curtametraxes á que cada ano se presentan máis de 800 obras. De toda a semana que dura o evento este año, do 24 ao 30, das tres primeiras xornadas están dedicadas a sesións infantís, que estarán enmarcadas na sección Cine no Ensino que organiza a Asociación Andaina e que ademais de en Redondela tamén terán lugar en Arcade e Chapela. O venres 28 de abril comezarán as proxeccións presentadas a concurso e ata o domingo 30 de abril poderán verse todas as películas presentadas ao certame nas distintas seccións: a sección oficial A concurso con 18 obras preseleccionadas, a de Cine Galego e a de Curtísimas, con obras de menos de catro minutos de duración. O domingo 30 de abril, as 21 horas, o festival pechará coa cerimonia de clausura e a revelación das dúas curtametraxes premiadas polo público e polo xurado.. Amplía a nova>>

20/04/2017
O Festival de Cans chega a un acordo coa AGADIC e recibirá axuda pública

Na rolda de prensa de hoxe do Festival de Cans, na que se presentaban as primeiras novidades da XIVª edición, non había ningún representante da Axencia Galega de Industrias Culturais, AGADIC, pero ao final o festival si recibirá unha parte das axudas públicas das que foi descartado por "defectos de forma". A representante da organización do evento por parte da Asociación Cultural Arela, Queca Losada, anunciou un acordo entre os festivais inicialmente rexeitados e a AGADIC que consistirá no reparto entre eles da cantidade sen repartir da partida orzamentaria correspondente, uns 33.000 euros en total. Os detalles deste acordo saído do diálogo coa administración aínda non son públicos pero Losada si comentou que a contía que Cans recibirá será menor dos 29.000 euros aos que optaba Cans na convocatoria de axudas e que o devandito acordo implica a retirada dos recursos interpostos contra a Administración pola resolución do procedemento concorrente. Ademais de cans nesta situación están outros catros eventos, Curtocircuito e Cineuropa de Santiago, Freakemacine da Coruña e Primavera do Cine de Vigo, que tamén asinarían o acordo que se xestou desde a Coordinadora de Festivais, segundo Losada.. Amplía a nova>>

17/04/2017
Bota a andar a nova xeira do ciclo Cinemas de Galicia

Ortigueira acolleu esta fin de semana a sesión inaugural da nova xeira do ciclo Cinemas de Galicia. A iniciativa que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) levará este ano un total de 27 filmes galegos e foráneos a nove localidades do país sen salas dedicadas á sétima arte. Nesta ocasión, Bueu incorpórase a un programa que visitará, canda a Ortigueira, As Pontes, Cariño, Celanova, Foz, O Grove e, a partir de setembro, Allariz e Cedeira na segunda xeira de programación. A respecto do pasado ano non haberá proxeccións no Carballiño nin en Redondela. Nesta primeira parte do ciclo, que se desenvolve ata setembro, programaranse 33 proxeccións dos títulos 100 anos de perdón, de Daniel Calparsoro; 100 metros, de Marcel Barrena; Ballerina, de Érin Warin e Éric Summers; Elle, de Paul Verhoeven, Eu, Daniel Blake, de Ken Loach; Lobos sucios, de Simón Casal; María (e os demais), de Nely Reguera; Mimosas, de Oliver Laxe; Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés; Pelerinaxes de Simone Saibene; Psiconautas, os nenos esquecidos, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero; Sicixia, de Ignacio Vilar; Siembra, de Ángela Osorio e Santiago Lozano; e Toro, de Kike Maíllo.. Amplía a nova>>

10/04/2017
A escena galega chora o falecemento da actriz Fely Manzano

A actriz Fely Manzano, Premio de Honra Fernando Rey dos premios Mestre Mateo de 2015, falecía o pasado venres en Madrid ao 74 anos de idade. A intérprete, que se fixera coñecida en todo o país polo seu célebre rol como nai de Miro Pereira na teleserie Pratos Combinados, participou ao longo da súa carreira nun grande número de producións, a incluír filmes como Urxa, A los que aman, A lingua das bolboretas, Lena ou Un Franco, 14 pesetas. No campo do teatro destacou a súa participación en montaxes do Centro Dramático Galego como As tres irmásEspectros ou A casa dos afogados, así como en en montaxes de A Factoría Teatro, Teatro do Atlántico ou Andrómena Teatro. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org