Ortigueira acolleu esta fin de semana a sesión inaugural da nova xeira do ciclo Cinemas de Galicia. A iniciativa que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) levará este ano un total de 27 filmes galegos e foráneos a nove localidades do país sen salas dedicadas á sétima arte. Nesta ocasión, Bueu incorpórase a un programa que visitará, canda a Ortigueira, As Pontes, Cariño, Celanova, Foz, O Grove e, a partir de setembro, Allariz e Cedeira na segunda xeira de programación. A respecto do pasado ano non haberá proxeccións no Carballiño nin en Redondela. Nesta primeira parte do ciclo, que se desenvolve ata setembro, programaranse 33 proxeccións dos títulos 100 anos de perdón, de Daniel Calparsoro; 100 metros, de Marcel Barrena; Ballerina, de Érin Warin e Éric Summers; Elle, de Paul Verhoeven, Eu, Daniel Blake, de Ken Loach; Lobos sucios, de Simón Casal; María (e os demais), de Nely Reguera; Mimosas, de Oliver Laxe; Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés; Pelerinaxes de Simone Saibene; Psiconautas, os nenos esquecidos, de Alberto Vázquez e Pedro Rivero; Sicixia, de Ignacio Vilar; Siembra, de Ángela Osorio e Santiago Lozano; e Toro, de Kike Maíllo.