Pésame Street e A todo riesgo triunfan no Carballo Interplay

O Festival de Contidos Dixitais fechou o pasado sábado a súa cuarta edición

Imaxe de <i>A todo riesgo</i>
Imaxe de A todo riesgo
O IV Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay deu a coñecer o pasado sábado o seu palmarés, no que predomina a aposta pola comedia. As webseries Pésame Street e A todo riesgo foron as que concentraron máis galardóns, dous por cabeza, nuns premios moi repartidos entre as producións a concurso. Así, Pésame Street obtivo o de mellor serie de animación e o Premio do Público pola súa fábula de animais parlantes. Pola súa banda, A todo riesgo levou os recoñecementos á mellor webserie de imaxe real, e mais o de mellor actor para Miguel Lago Casal. Teño unha en San Sadurniño fíxose co galardón á Mellor webserie en versión orixinal en galego, mentres o mellor proxecto de webserie en galego foi #HaividaenBran? de Ángela Andrada Gómez, que recibirá 1.500 euros para a produción dos seus tres primeiros capítulos.




Teresa Cuesta levou o premio á mellor actriz por El show de Teresa Cuesta, mentres a produción israelí You're Next foi recoñecida como a mellor webserie internacional, categoría na que o xurado outorgou tamén unha mención especial á arxentina Si Me Volviera a Enamorar. Te quiero, yo tampoco -A gay Thing- tamén obtivo unha mención no apartado de webseries de imaxe real. O premio da Asociación Galega de Guionistas ao mellor guión levárono Hilario Abad e José Luis Bustillo Salgado, por Caniville e o Premio CREA da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia á mellor dirección, foi para Alex Rodrigo, por El Partido.