03/09/2024
Arrinca a rodaxe dun filme sobre a relación entre Castelao e Virxinia Pereira
Onte arrincou a rodaxe do filme 'Antes de nós', unha película que aborda a relación sentimental entre Castelao e a súa dona Virxinia Pereira. O filme está dirixido por Ángeles Huerta e producido por Zenit TV e Retrincos, coa participación da Televisión de Galicia e a subvención da xunta de Galicia. O filme desenvolve dous episodios importantes da súa historia como parella: 1918, cando Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar en Rianxo durante a grave epidemia de gripe. "Un heroe para o pobo pero un home ausente para a súa muller, Virxinia", sinalan no dossier da produción. O segundo dos momentos sucede en 1929, cando o matrimonio percorre Bretaña trala perda do seu único fillo. Esta será "unha viaxe que os unirá para sempre", indican no dossier. O filme está protagonizado por Xoán Fórneas no papel de Castelao e Cris Iglesias, no de Virxinia Pereira. As localizacións do filme sucederán en Compostela, Silleda, Rianxo, Catoira, Muros, Negreira ou a Estrada, entre outros. .
Amplía a nova>>
30/08/2024
O filme 'As Neves'participará na sección 'Made in Spain' do 72º Festival de San Sebastián
A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida pola galega Sonia Méndez, atópase entre os filmes incluídos na sección Made In Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A sección ofrece unha escolma das mellores películas do panorama cinematográfico estatal do ano, ás que o Festival ofrece unha plataforma para a súa difusión internacional. Logo de ter a súa première na Sección Oficial da pasada edición do Festival de Málaga, As Neves estreouse en salas en maio con gran acollida de público, manténdose ate sete semanas nos cinemas. Agora prepara o seu percorrido en novos festivais e a súa próxima chegada ás plataformas. O filme é un thriller adolescente ambientado nunha vila de Galicia que se achega cunha mirada íntima á xeración nova que vive no contraste da hiperconexión e o illamento. Está protagonizada por un grupo de actores novos, a maioría debutantes, que encabezan Andrea Varela e David Rodríguez Fernández, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez. .
Amplía a nova>>
28/08/2024
O celanovés Carlos Montero Premio Ourense do OUFF
O Ourense Film Festival (OUFF) ven de facer pública a concesión do Premio Ourense 2024, un dos galardóns honoríficos do festival, ao guionista e produtor Carlos Montero (Celanova, 1972). Montero é creador de series de gran éxito como 'Élite', que estrea a súa última tempada, 'Física o Química' ou 'El desorden que dejas', rodada en Galicia, unha adaptación audiovisual da súa propia novela coa que gañou o premio Primavera de Novela 2016. En recoñecemento a esta traxectoria e ao seu impacto na industria audiovisual o OUFF outórgalle o Premio Ourense 2024, un galardón que recollerá na gala inaugural do festival, o día 27 de setembro..
Amplía a nova>>
22/08/2024
As asociacións profesionais do audiovisual rexeitan o anteproxecto de Lei da CRTVG
A Mesa do Audiovisual Galego, que aglutina a sete organizacións profesionais galegas representativas do sector audiovisual, ven de facer público un comunicado no que manifesta a súa preocupación ante o borrador de Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital presentado polo Consello da Xunta e actualmente en período de suxestións. A Mesa considera que este anteproxecto inclúe elementos "que na súa formulación actual implicarían un rexeitamento frontal do sector audiovisual galego no seu conxunto", o cal motiva este comunicado. Integran esta Mesa do Audiovisual a Academia Galega do Audiovisual; Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Asociación Galega de Produtoras Independentes; Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización; Asociación Sindical Galega de Guionistas; Cluster Audiovisual Galego; Coordinadora Galega de Festivais de Cinema PROXECTA. Desde a Mesa do audiovisual demandan en representación do conxunto do sector galego "as debidas explicacións ao respecto desta proposta anunciada pero non consultada" e de forma colexiada en representación de todos os colectivos que a conforman, solicitan unha reunión de carácter urxente co Presidente da Xunta de Galicia D. Alfonso Rueda Valenzuela, institución da que depende directamente a actual Corporación de Radio e Televisión de Galicia e desde a que se promove este novo anteproxecto..
Amplía a nova>>
22/08/2024
Un informe sinala que o OUFF tivo un impacto de difusión valorado en case seis millóns de euros
Ás portas da súa 29º edición, que será do 27 de setembro ao 6 de outubro, a dirección do Ourense Film Festival (OUFF), organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia, ven de facer públicos os resultados dun informe de impacto económico sobre a edición do pasado ano. Segundo este traballo realizado pola consultora RedCo3 a edición 28º do OUFF de 2023 xerou un retorno económico, a nivel de difusión de imaxe e novas do festival, de 5.900.000 euros. Estes datos confirmarían un retorno de 13 euros por cada euro invertido do seu orzamento total. Segundo a organización do OUFF, con estes resultados o festival consolídase como o evento da provincia que conta cun maior impacto en medios de comunicación e redes sociais, acadando unha gran visibilidade para a cidade de Ourense e a provincia nos medios de comunicación..
Amplía a nova>>
09/08/2024
Nace en Bóveda Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra
O centro cultural A Casa da Memoria, en Xullán (Bóveda) e mais o Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte, acollerán entre o 23 e o 25 de agosto a primeira edición de
Vendaval. Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra. Esta cita, que coordina a produtora Tamara González, céntrase na memoria histórica, a coincidir con 50 aniversario da Revolução dos Cravos. .
Amplía a nova>>
09/08/2024
Margarita Ledo presenta 'Prefiro condenarme' no Festival de Locarno
O Festival de Cine de Locarno, que está estes días a celebrar a súa 13ª edición na localidade suíza, acollerá o primeiro pase mundial da nova longametraxe da cineasta Margarita Ledo Andión. O filme 'Prefiro condenarme', que inicia deste xeito o seu percorrido no circuíto de festivais, poderase ver dentro da sección
First look, un apartado dentro do programa para profesionais que ofrece o festival e que está dedicado a filmes en proceso de post-produción. O feito de que este ano sexa a cinematografía española a que centre este espazo con seis proxecto, permite que a longametraxe de Ledo Andión sexa unha delas, grazas aos organismos estatais ICAA e ICEX. Os filmes de
First Look presentaranse ante un público profesional internacional de programadores , axentes comerciais e representantes de fondos de investimento para a post-produción. Esta sección ten tamén os seus propios galardóns, fora da competición oficial do festival, decididos por un xurado de directores e comisarios de varios festivais..
Amplía a nova>>
06/08/2024
Miguel de Lira recibirá o premio do Festival RiR de Allariz
A nova edición do premio RiR Contigo, que recoñece traxectorias profesionais vinculadas á comedia no noso país foi para Miguel de Lira. O actor e cómico ve recoñecido o seu labor de anos neste campo no marco do VII Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR de Allariz, que se celebra na Vila do Arnoia entre os vindeiros 1 e 7 de setembro..
Amplía a nova>>
05/08/2024
Zas acolle o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema
A vila de Zas convértese este sete de agosto na capital do audiovisual galego. A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema
Proxecta organiza nesta localidade o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, unha cita que pretende "crear un espazo relacional que inclúa outras áreas do sector audiovisual, facilitando o debate e a reflexión conxunta entre representantes de festivais de cinema, cineastas e profesionais da industria"..
Amplía a nova>>
02/08/2024
As axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais manteñen a contía
Desde este 2 de agosto e ata o vindeiro 2 de setembro, as produtoras independentes poden solicitar o apoio das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais. Cun orzamento de 300.000 euros, ao igual que en 2023, esta liña apoia as tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais. .
Amplía a nova>>