Os 30 principais dos Premios da Música

Wöyza, Davide Salvado, o Cuarteto Caramuxo e Caxade encabezan as preferencias dos músicos galegos

Wöyza, Davide Salvado, o Cuarteto Caramuxo e Caxade encabezan as preferencias dos músicos galegos
Imaxe: Equalizer, Online Image, Quelab, 31 December 2014
As catro edicións que cargan ás costas os Premios Martín Códax da Música en Galicia están a permitir, entre outras cuestións, que coñezamos os gustos dos músicos do país, ao ser os membros da propia asociación os que votan os finalistas (e ata este último ano tamén os gañadores). As repeticións que se dan na final de edición e en edición achégannos unha serie de nomes propios cos que configurar unha listaxe dos que poden ser os trinta principais da música en Galicia.

Por vez primeira, á IV Edición dos Premios Martín Códax da música, que se celebra este ano, non se poden candidatar propostas que resultasen premiadas na anterior xeira destes galardóns. Ademais esta xeira é tamén a primeira na que a selección dos premiados será realizada por un xurado entre os finalistas escolleitos por votación dos socios da Asociación Músicos ao Vivo (MAV), convocante do certame. Segundo explicou a propia asociación, estas mudanzas aprobáronse en asemblea para procurar unha maior variedade nos nomes de finalistas e galardoados. Fernando Abreu, voceiro de MAV, sinala que “esta foi unha das razón de procurar un xurado. Queriamos potenciar as variedade, aínda que se te decatas, o máis habitual noutros premios, como os da Música Independente, é que se repitan moitos nomes. E o mesmo acontece en artes como o cinema, é habitual que haxa grande creadores que acumulan premios e que logo vaian aparecendo novos proxectos”.

Nesta cuarta xeira son 16 dos 57 nomes presentes na final os que xa estiveran en anteriores xeiras. E precisamente a repasar o histórico de candidaturas e de premios faise sinxelo establecer unha listaxe das preferencias dos músicos galegos. Son moitos os casos de candidatos que repetiron nestas aspiracións en varias das convocatorias, un proxectos que podemos interpretar que son os considerados como referenciais polos profesionais do ámbito, cando menos daqueles preto de 450 que participan da Asociación na actualidade.

Sempre presentes
Deste xeito, se temos que lles pór nomes propios aos Premios Martín Códax, os primeiros que van aparecer serán os de Wöyza, Davide Salvado e o Cuarteto Caramuxo, sen ningunha orde interna particular. Estes son os tres proxectos que estiveron presentes nas finais de todas e cada unha das edicións dos galardóns e que, ademais, resultaron premiados nunha delas nas súas respectivas categorías. Outras catro candidaturas tamén, aínda que polo momento ficou sen premio, posúe Xoel López, coa peculiaridade de que no seu caso alternou entre as categorías de Pop/Indie (o primeiro e este último ano) e a de Cantautores. Dakidarría fecha este censo de candidatos perennes aos galardóns, coa súa continua presenza entre os finalistas do grupo Reggae/Ská/Mestizaxe, onde aínda non conseguiu premios. Canda a estes, é de destacar de xeito particular o caso de Banda Crebinsky, o único proxecto que resultou premiado en dúas ocasións no certame (as únicas nas que chegou á final), e que semella contar co apoio claro dos profesionais.

O factor Caxade
Para seguirmos coa lista de favoritos dos músicos, cómpre lembrar que esta é a primeira edición na que non pode levar premio un proxecto que resultase vencedor no pasado ano. Deste xeito, proxectos que ata 2016 acumulaban 3 candidaturas (e tamén os que teñen menos) e que resultaron premiados están ausentes nesta nova xeira, o que os afasta dos postos de cabeza da listaxe xa comentados. No entanto, isto non quita que non estean entre os favoritos dos músicos. En concreto, estes son os casos de Caxade e da Orquestra Os Modernos, premiados no pasado ano e con tres finais ás costas. A maiores, os dous proxectos comparten o feito de contar coa participación de Alonso Caxade nas súas filas. Se sumamos as candidaturas e premios dos mesmos, e aínda temos en conta a presenza ata 2016 do músico no Cuarteto Caramuxo (que, lembramos, é un dos tres proxectos máis presentes nos galardóns) deberíamos consideralo como o auténtico número un da música no país nas preferencias dos profesionais do sector, xa que sumaría nada menos que 10 candidaturas e 3 premios.

Presenzas múltiplas
Claro que o feito de estar en varios proxectos non é exclusivo de Alonso Caxade, e atopámolo de novo en nomes como Uxía, que acumula dúas nominacións con Maria Fumaça canda a unha en solitario e outra a dúo con Narf. O recentemente falecido rockeiro tamén se presentou como trío e obtivo un galardón en solitario. Guadi Galego, pola súa banda, acadou dous galardóns, un soa e outro como membro de Acadacanto. Nesta banda tamén militaban outros multipremiados, Guillerme Martínez e Xabier Díaz, recoñecidos respectivamente polo seu traballo con De Vacas e Adufeiras de Salitre. Xosé Lois Romero, pola súa banda suma tres candidaturas no seu proxecto con Vaamonde e Lamas e unha máis coa súa nova colaboración con Aliboria, mentres Alberto Vilas, a capitanear diferentes formacións, tamén chega ao mesmo número, con dúas candidaturas neste mesmo ano en Jazz e Clásica. Non son estes, como non, os únicos casos de militancia múltiple entre os nosos músicos, aínda que si poden ser os más coñecidos por teren carreiras en solitario. Pero aí están tamén casos menos visibles como o de de Paula Romero, premiada con De Vacas e dúas veces candidata con A Gramola Gominola.

Tres finais e un premio
A seguir a contaxe, Transilvanians, con tres candidaturas e un galardón situaríanse ao nivel de Caxade e a Orquestra Os Modernos. Seguirían os candidatos que acumulan tres finais. Aphonnic, 2uS, os xa comentados Vaamonde, Lamas e Romero e, no aparatado de salas, a Garufa. No fondo da listaxe situamos aqueles proxectos que foron finalistas dúas veces e que obtiveron cando menos un galardón. É este o caso de Cró, Silvia Penide, Foxy Freire, a Orquestra Vigo 430, Vertixe Sonora Ensemble, Treixadura, Pablo Díaz e a banda Tic tac toc, Sub rosa, Nao, Machina e Los Satélites.

O campo de Hip-Hop
A contemplar os finalistas nos diferentes anos, queda clara a importancia que ten no campo do Hip-Hop a escola Dios ke te Crew. A propia banda venceu na primeira xeira do concurso, á que tamén optaba en solitario o seu membro García Mc, que repite este ano. Ademais, outro dos compoñenentes, Sokram impúxose na categoría en 2016. Canda a eles, Wöyza, eterna finalista dos galardóns, aparece como o outro grande referente do estilo para os músicos. Semella pois que Ordes e Vigo disputan a supremacía do estilo no país.

Variedade e repetición
Ao longo destes anos foron as candidaturas de Folk e de Tradicional as que repetiron máis veces candidatos. Segundo explica Fernando Abreu, “en comparación co rock ou co pop, o folk é un estilo que hoxe practica relativamente pouca xente. Se botas contas sáenche os mesmos nomes nos últimos cinco anos, non se dá a mesma renovación e noutros estilos onde están a aparecer bandas novas de xeito constante”. A isto súmase, a escasa participación de proxectos da categoría Tradicional, o que facilita a repetición de candidaturas. “Vese que é no rock onde hai máis variedade e máis mudanzas. O jazz tamén muda moito. Noutras categorías sempre se presentan os mesmos dez ou quince proxectos”, lembra Abreu.

Listas discrepantes
Algo que chama a atención á hora de revisar esta lista, é a discrepancia entre os gustos dos músicos galegos e a dos premios a nivel estatal, que teñen recoñecido bandas galegas que no noso país nin sequera chegaron á final. É o caso de Triángulo de Amor Bizarro, que quedou polo camiño nesta última edición despois de levar catro dos Premios da Música Independente neste mesmo ano. Ou o de Xoel López, quen malia a súa múltiple presenza na final aínda está agardar polo recoñecemento dos seus compañeiros do país. Para Abreu, estas diverxencias de criterio obedecen aos distintos modelos de premios. “A grande diferenza é que aquí botan os músicos. Entón semella que eles mesmos consideran que hai grupos que están recoñecidos fóra que non precisan tamén ese recoñecemento tamén aquí. En moitos casos votan a xente que ten traxectorias longas pero que precisamente non acadan ese recoñecemento externo, tentan darlles visibilidade”.

O peso do familiar
Do mesmo xeito, a falar das salas, a tendencia a premiar proxectos de pequeno tamaño responde en boa medida “a que é onde actúan os propios músicos da asociación. Hai grandes salas que ao mellor debían estar recoñecidas pero que non facilitan do mesmo xeito o traballo dos músicos de aquí. Os premiados nesta categoría adoitan ser lugares onde se lles pon cariño aos músicos galegos”, apunta Abreu. O sistema de elección, no que os membros de MAV poden votar en todas as categorías inflúe tamén na elección de nomes. “Cando atopas 388 proxectos para seleccionar, a túa cabeza vai primeiro a nomes que resultan familiares. Tamén depende moito de como se movan os candidatos nas redes sociais. Ás veces hai categorías que se renovan completamente e aparecen nomes novos”. Para o vindeiro 3 de maio saberemos quen son os gañadores da nova edición.

OS TRINTA PRINCIPAIS DA MÚSICA GALEGA
Dentro de cada agrupación os proxectos preséntanse sen orde concreta entre eles.

Con 4 candidaturas na final e 1 premio
1 Wöyza
2 Davide Salvado
3 Cuarteto Caramuxo

Con 4 candidaturas
4 Xoel López (2 en Pop/Indie e 2 en Cantautores)
5 Dakidarría

Con 2 candidaturas e 2 premios
6 Banda Crevinsky (único proxecto galardoado en dúas ocasións)

Con tres candidaturas e un premio
7 Caxade
8 Transilvanians
9 Os modernos

Con tres candidaturas
10 Aphonnic
11 Vaamonde, Lamas e Romero
12 2uS
13 Alberto Vilas
14 Sala Garufa 3 candidaturas
15 Gz Música 3 candidaturas

Con candidaturas na final en diferentes proxectos
16 Uxia 1 candidatura en solitario, 1 con Narf, 2 con Maria Fumaça
17 Narf (1 candidatura en solitario, 1 en duo con Uxía, 1 como trío)
18 Guadi Galego 1 candidatura e 1 premio en solitario e o mesmo con Acadacanto
19 Dios ke te crew 1 candidatura e 1 premio. (Garcia MC 2 candidatura e Sokram 1 candidatura e 1 premio)

Con dúas candidaturas e un premio
20 Cró
21 Silvia Penide
22 Foxy Freire
23 Orquestra Vigo 430
24 Vertixe Sonora Ensemble
25 Treixadura
26 Pablo Díaz e a banda Tic tac toc
27 Sub rosa
28 Nao
29 Machina
30 Los Satélites