A instantánea da música de 2018

Os músicos do país apostan máis pola raíz segundo as candidaturas dos V Premios Martín Códax

Os músicos do país apostan máis pola raíz segundo as candidaturas dos V Premios Martín Códax
A quinta xeira dos Premios Martín Códax da Música volve presentar unha instantánea da situación creativa da música galega. Con novos axustes de categorías, os galardóns manteñen as súas cifras de participación e semellan consolidarse como un medio de promoción para novos proxectos. Un crecemento destacado do Hip-Hop e o maior peso dos xéneros de raíz aparecen como as novidades máis destacadas nas candidaturas deste ano.

Un total de 397 grupos inscritos, once mais que no ano pasado, amosa que os Premios Martín Códax da Música están asentados entre os proxectos sonoros en activo no noso país. Aínda que se dan lixeiros descensos no número de salas (14 fronte ás 17 da última edición), festivais (22 fronte a 24) e o máis acusado, na categoría de medios de comunicación, que pasan de 21 a 16 inscritos, non cabe dúbida de que o certame se consolida como un referente ineludible para o sector. As cifras avalían, segundo a organización, a implantación dos premios. "Estamos dentro dos números deste últimos anos, son unhas cifras de participación fantásticas e amosan que o interese no sector polos premios continúa aí" sinala Ramón Bermejo, voceiro de Músicos ao Vivo. Sendo as variacións son relativamente pequenas, a asociación sinala que a mingua na participación de salas e festivais pode ter relación con que "ano a ano vaise incrementando a esixencia cara a festivais e salas. Queremos que os organizadores de eventos sexan conscientes de que cómpre mellorar as condicións nas que se desenvolven as actuacións, e o mesmo iso inflúe".






O ascenso do novo Hip-Hop
Nos últimos doce meses os xéneros maioritarios, Pop/Indie e mais Rock perden presenza no panorama musical galego, e pasan do 12,5 ao 10.8% dos candidatos no primeiro caso e do 18 ao 13,9% no segundo. Fronte a eles, increméntase as presenza de estilos alternativos, en particular o Hip-Hop e músicas urbanas, que duplican o número de proxectos e pasan do 2,9 ao 6%. Detéctase neste caso o peso de proxectos recentes como Boyanka Kostova, Flow do Toxo, Gatopersa, Gucci Rino ou O Chamo Vilas entre outros, que se inscribiron nos galardóns e amosan a vitalidade da escena. "É algo sorprendente pero tamén semella que é algo que vai por vagas. Hai grupos que ao mellor están unha temporada menos activos, centrados na creación e logo de socato aparecen todos xuntos. E máis tarde esas mesmas categorías poden volver a baixar, como xa ten pasado co Reggae e o Ská. Pode ser este caso".

O folk unificado
Tamén o Folk, que fagocita a agora desaparecida categoría de Tradicional, pasa do 7,7 ao 9,8% das candidaturas aos galardóns. A eliminación deste último xénero débese á súa escasa participación en toda a traxectoria dos premios. "Hai unha certa fenda. Gustaríanos que o mundo das agrupacións tradicionais, que é riquísimo en Galicia, participase, pero esa categoría estaba sempre moi xusta de proxectos a participar. E logo había o problema de que a fronteira co folk era moi difusa e había proxectos que non sabía moi ben onde encadrar", explica Bermejo esa mudanza. A música infantil, pola súa banda, recupera o descenso da pasada edición e mantén unha clara tendencia crecente ano a ano, conseguindo o 6,5% dos proxectos fronte ao 3,4% do pasado ano. Neste caso a maior parte dos proxectos presentes contan xa cunha certa traxectoria musical, o que se pode interpretar como unha relativa madurez da escena. Para Bermejo este xénero continúa a ter un importante tirón entre os profesionais da música. "Ten unha vitalidade excepcional. Houbo un momento no que semellaba que era a única forma de traballar e moita xente orientouse a este nicho con grande éxito, e de saíron discos estupendos e un mercado en auxe".

Estabilidade
Canda a estes xéneros, as catro edicións dos xéneros amosan certa estabilidade en canto a presenza no panorama o Jazz e as Música improvisadas, a categoría Clásica e Contemporánea, a Electrónica e o Reggae/Ská/Mestizaxe. Fronte a elas detéctanse leves tendencias decrecentes nos últimos anos en Metal e Blues e moito máis acusadas en Cantautores, que chegou a representar máis do 12% dos proxectos inscritos e está cun 9%, ou Vocal, que debutara tamén con forza e baixou do 5,3 ao 2,3%. O eterno talón de Aquiles dos premios, a categoría de Orquestras Grupos e Música de Verbena mantén o seu continuado descenso e mínima participación, sendo nesta ocasión unicamente un 1,3% dos proxectos presentados, porcentaxe mínima para unha categoría na historia dos premios. Xa discutida desde o seu nacemento, este descenso pode levar a unha vindeira desaparición da categoría, xa que semella que os premios non acaban de resultar de interese para o sector. "Semella que non soubemos conectar con ese mundo, que se sinte alleo a estes premios. En ningún outro lugar hai tantas orquestras como en Galicia, pero seguimos a ter moi poucos inscritos. Non sei se saberemos solucionar isto", lembra Bermejo. Se por unha banda "o feito de que noutras edicións entrasen nesa categoría grupos que non son estritamente orquestras puido desorientar ou desanimar estes profesionais", pola outra "a tentativa de delimitar de xeito mais estrito este ano quen se pode presentar a esta categoría puido deixar fóra formacións que se inscribían nela", e reducir polo tanto a participación.




Máis diversidade
Así as cousas, detéctase unha maior diversidade no ecosistema musical galego ao longo do último ano. Destaca a ascensión do Folk desde a quinta á terceira posición, a intercambiar postos coa Canción de Autor. O declive desta fica máis en evidencia se temos en conta que chegou a ser a segunda categoría con máis inscritos en 2016. A Música Infantil amosa potencia logo do bache do pasado ano e reivindica a súa importancia a ficar como a sétima con máis proxectos, por detrás do Jazz, e recuperando catro posicións respecto a entón. Por bloques sonoros, o de Rock e Metal suma un 18,2% das propostas, pero perde a súa tradicional hexemonía fronte ás músicas de raíz. Estoutro bloque, suma de Folk e Músicas do Mundo, supera por vez primeira (aínda que por décimas) ao anterior e reúne o 18,9% dos proxectos participantes.

Salas atlánticas, festivais espallados
En canto a salas, a hexemonía das provincias atlánticas continúa. A Coruña achega xa a metade dos espazos a concurso e Pontevedra cinco das catorce. Ourense fica con dúas, ningunha das cales está na capital provincial, e Lugo fica sen representación. Continúan as ausencias de espazos consagrados no sector e de novo unha importante de presenza de proxectos situados fóra das grandes cidades, que coparon a metade das candidaturas. Diferente é, no entanto, a distribución xeográfica dos festivais. Neste caso, se ben a provincia Pontevedra mantén a súa hexemonía con case a metade das candidaturas, Lugo, con 4 propostas, sitúase case á par da Coruña, que unicamente inscribe 5. Dous festivais ourensáns e o Espazos Sonoros, que se distribúe por diferentes lugares do país completan a listaxe. Destaca de xeito peculiar o peso que ten a comarca de Arousa no panorama festivaleiro, con catro eventos inscritos (Revenidas, Folk no Alobre, Xironsa e Rock in Vila).

Menos medios
Nos medios de comunicación, non se repite este ano a destacada presenza de espazos da CRTVG que alterara as candidaturas da última edición. Isto leva a que de novo Internet sexa a principal base dos proxectos de comunicación sobre esta industria cultural, con 9 candidaturas que se basean nesta canle. Entre elas aséntase o formato da canle de Youtube, con tres propostas ás que se suma o ambicioso proxecto de Video baixo Demanda de Tolemias.tv. A radio convencional segue a ser o outro grande espazo de comunicaicón musical, con 6 das 16 candidaturas.

Finalistas consolidados
Fronte á diversidade nas candidaturas, a elección de finalistas por parte dos socios de Músicos ao Vivo, presenta moitas caras coñecidas de anos anteriores. En particular, vese un maior movemento nas categorías menos numerosas do que aquelas maioritarias. Deste xeito, na categoría do Pop e Indie atopamos case unha repetición das opcións da terceira xeira, con Eladio y los Seres Queridos e Novidades Carminha a competir e Espiño como novidade. Tamén en Folk hai repetición, Tanxugueiras e mais Xosé Lois Romero e Aliboria recuncan do pasado ano. Na categoría de música vocal repiten Encaixe e Sisters in the House, e este último grupo enfróntase a De Vacas como hai dúas edicións. E aínda The Lákazans chegan por terceiro ano á final de Blues Funk e Soul, onde voltan verse as caras con Carmen Rey.

Mudanzas de categoría e nomes novos
Non falta tampouco na final un clásico destes premios como é Caxade, que nesta xeira mudou de categoría e abandona por vez primeira o folk para competir como Música de Autor. Á mesma categoría retorna Uxía logo de probar sorte en Músicas do Mundo o pasado ano. Saltou tamén de ámbito Brais Morán, que pasou do Rock ás músicas do Mundo e tamén conseguiu chegar á final. Roberto Oliveira, pola súa banda, salta de Clásica e Contemporánea a Jazz e Músicas Improvisadas, unha categoría na que todos os finalistas debutan nesta fase dos galardóns. Nos do Metal Raiba é o único nome que se atopa en edicións anteriores, mentres Los Satélites optan por terceiro ano ao premio de Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena e é o único nome que repite. O mesmo acontece en Electrónica, con Cintaadhesiva como recuncantes. Reggae Ská e Mestizaxe é unha das categorías nas que se observa unha maior rotación, con todos os finalistas como novas incorporacións. En canto a salas, chega á final por terceiro ano Garufa, e compite como hai dúas edicións con A Arca da Noe. Recuncan tamén do ano pasado na final de festivais Nigranjazz e Pardiñas, coa novidade do Resurrection na listaxe. Fronte a eles, nos espazos de comunicación musical si se observa unha importante renovación, xa que unicamente Ábretedeorellas repite na final.

Premios integrados no sector
Malia ás repeticións de nomes nos finalistas, Ramón Bermejo apunta a grande diversidade das candidaturas que se presentan cada ano. "Hai moito cambio de grupos, algúns preséntanse un ano, déixano e aparecen outros novos. Son cousas cílicas, as bandas van e veñen. Logo tamén hai xente que se presenta cando saca algo novo e non está presente todos os anos". A posibilidade de que estes galardóns estean a ser aproveitados como plataforma para a promoción de novos valores é algo que a organización ten claro. "Cada ano que pasa os premios fanse máis presentes e a xente máis nova decídese a presentar os seus traballos. Ás veces teñen aínda unha calidade incipiente pero está moi ben que se presenten. A escoitar no web dos premios os proxectos sempre aparecen cousas que sorprenden por descoñecidos ou polo bos que son, os premios aparecen como un xeito de visibilizar o que se está a facer". Nese sentido si detecta diferenzas a respecto dos primeiros anos. "Antes ao mellor había máis vergoña para se presentar, agora o colectivo dos músicos está moito máis implicado nos premios. Vese unha diferenza brutal nas propias galas. Na primeira edición non había moitos músicos no público, e agora son todos do sector, todo o mundo quere estar e sentirse parte do sector. E ese é precisamente o grande éxito dos premios, está a se crear un colectivo profesional". A resumir as candidaturas, Bermejo si considera que "a colección dos grupos que temos na páxina é o reflexo máis fiel do que é a música galega neste momento, supón unha fotografía moi boa do que se está facer. Paréceme difícil tirar tendencias de aí, porque o mesmo que un ano aparecen moitas bandas novas no seguinte ao mellor non se presentan, unha categoría que baixa un ano outro pode subir, estas cousas son cíclicas", conclúe.