Un total de 54 editoras reparten as axudas á edición, distribución e comercialización

A convocatoria conta con 250.000 euros que apoian o lanzamento de 436 publicacións

O Diario Oficial de Galicia deste 18 de xullo recollía a resolución das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2025. Os 250.000 euros desta liña distribúense entre un total de 54 firmas, que lanzarán 436 publicacións ao abeiro da convocatoria.

Na listaxe de traballos que contan con este apoio, o volume Andainas de Xoán Centelas foi o que conseguiu a maior axuda a un único título, a sumar 4.154,59 euros. Da man de Galaxia, As receitas de A Voltas co prato e o volume do Premio 75 Aniversario de Editorial Galaxia, con 3.564,07 e 3.418,83 euros, seguen a listaxe de mais beneficiados.

Teófilo Comunicación, con La prosa de una mujer valiente. Rosalía de Castro, que leva 2.888, a versión de Drácula de Follas Voadoras, con 2.511, canda aos títulos de Kalandraka Bim Bam Bum (en castelán) e Filla das ondas, que obtiveron 2.484,41 e 2.377,47, sitúanse tamén entre os que conseguiron maiores apoios.

Só doce títulos dos 436 seleccionados na convocatoria superan os 2.000 euros de fondos públicos para o seu lanzamento. Andares de la tía Manuela, de Initium Lar, Un año entero, tamén de Kalandraka, La plástica narración, publicado por Nortideas e as propostas Castelao entre nós, 75 anos despois e Chronicon auriensis, as dúas de Teófilo, completan esa listaxe.

A editorial Galaxia, con 16 títulos, é a firma que ten mais produtos nesta listaxe. Séguena editoras como Xerais, Hércules de Edicións, Cumio, Follas Voadoras, Triqueta Verde, Bolanda, Boadicea, Antonio Rodríguez López, Kalandraka ou Toxosoutos, todas elas con 15 propostas.