A instantánea da música 2020

Máis participación, novas categorías e un novo sistema de selección marcan os VII Premios Martín Códax

Máis participación, novas categorías e un novo sistema de selección marcan os VII Premios Martín Códax
Unha destacada suba de participación preséntase como a novidade máis destacada da sétima edición dos Premios Martín Códax da Música que convoca a asociación Músicas ao Vivo. Canda a isto, a recuperación da categoría de Tradicional e o nacemento dun galardón específico para Bandas de Música Populares aparecen como outras mudanzas destacadas. Facemos a partir destas inscricións a nosa análise dun panorama sonoro cada vez máis variado no país.

O total de 577 propostas aspiran a conseguir algún dos galardóns dos VII Premios Martín Códax da Música. A participación no certame medrou de xeito considerable nesta edición a nivel de proxectos musicais, que chegan a 501 fronte aos 388 de 2019 (e ao histórico de 397 en 2018, 386 en 2017 ou 396 en 2016, por repasar as últimas xeiras) e que fan medrar as cifras de case todos os estilos a concurso. Do mesmo xeito, os Premios Organistrum ven incrementado o número de inscricións en todas as categorías. Así, as salas recuperan do devalo das dúas últimas xeiras, cando pasaron de 17 a 11 propostas, e suman neses 2020 nada menos que 24 espazos a competición. Tamén os festivais amosan o seu interese polos premios e ascenden de xeito destacado de 25 a 36 propostas. No caso dos medios de comunicación, aínda que se presentaron máis propostas, a organización aceptou finalmente só 16 a concurso, unha máis do que o pasado ano. Coa inscrición fechada o 15 de marzo, o web dos galardóns achega información comprida sobre todas as iniciativas a competición e permite coñecer polo miúdo a paisaxe musical do país. "A verdade é que nesta edición houbo un incremento importante a respecto da anterior edición. Estamos moi contentos e consideramos que isto demostra o potencial creativo da música galega" apunta Xabier Mera, voceiro de Músicas ao Vivo, asociación que organiza o certame. "Entendemos que neste crecemento pode ter que ver que parte do período de inscrición coincidiu co confinamento polo coronavirus, pero penso que o traballo que facemos desde asociación ten cada vez máis impacto. O premios vense como algo no que paga a pena inscribir un proxecto, teñen unha madurez máis que demostrada e van mellorando ano a ano a nivel de produción e realización, e iso dá tamén nun maior retorno dos profesionais". A suma de inscricións resulta para Mera "un bo mapa da escena musical do país".

Novas categorías
Encol das mudanzas na categorías, Mera salienta que "na directiva tiñamos claro que faltaba crear un oco que visibilizase as bandas de músicas do país. Son a canteira de músicos máis grande que hai, e moitas veces falamos de proxectos centenarios, dos máis antigos que hai no país no campo musical. Ademais, teñen dinámicas propias de formación e de programación e merecían ter presenza específica nos premios". Fronte a esta unanimidade, a restauración dunha categoría específica para a música tradicional, eliminada hai varios anos, xurdiu dun debate que a asociación arrastra de hai tempo "e que existe no país hai décadas", lembra Mera. Na tentativa de clarificar o panorama, a organización realizou consultas no sector e mesmo con especialistas como a etnomusicóloga Beatriz Busto. Ao final "consideramos axeitado separar de novo as categorías con certos criterios que puxesen algo de orde". Deste xeito en Tradicional "entendemos proxectos que poden ter a base do seu repertorio na música de transmisión oral. Dentro diso caben cousas moi dispares, desde iniciativas que tentan manter formalmente o material recollido ata outras que queren innovar con este material e levalo a outras canles". En efecto, as inscricións da nova categoría amosan unha mestura de agrupacións de música e baile tradicional, como Cantigas e Frores ou De pé feito, con iniciativas populares como Mulleres de Gargamala ou Malvela e grupos como Escaravellos ou Alvariza. A estas súmanse aínda propostas innovadoras e cun forte peso autoral como é o caso de Faia, do trío Fransy, Davide e Cibrán, ou de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A seguir os criterios da organización, semella que a etiqueta conseguiu atraer de xeito maioritario proxectos que, por un ou por outro motivo, non atopaban o seu espazo a competir como Folque, e polo momento semella contribuír a unha maior participación e a un panorama máis nidio para este tipo de iniciativas. Pola súa banda, o Folque fica para "proxectos que dialogando coa do país tentan abrir pontes a outras músicas, como a pretendidamente céltica ou doutras culturas afíns, pero sempre co foco e o centro no país", sinala Mera.

Novo sistema de selección
A outra grande novidade nesta xeira está no proceso de selección. Ao contrario que no proceso das últimas edicións, un xurado profesional realiza a primeira criba entre a totalidade de proxectos presentados e selecciona unha serie de finalistas. Será entre estes que as persoas asociadas a Músicas ao Vivo votarán as iniciativas que finalmente serán galardoadas. "Contamos cun xurado remunerado que agora mesmo está a escoitar todos os proxectos. Entendemos que este é bastante traballo e pensamos en profesionalizar esta tarefa", explica o voceiro da organización. Con este novo sistema "pensamos que o poder de decisión dos socios refórzase ao escolleren os gañadores. Ademais cremos que vai favorecer a diversificación a nivel de proxectos seleccionados. Queremos mudar o xurado cada ano, a contar con xente da música e da cultura ou xornalistas, e iso tamén vai redundar nunha maior diversidade".


Ampliar gráfico

Números absolutos
Por xéneros musicais, o ascenso máis destacado nesta sétima edición dos galardóns é o do Rock, que mantén o seu liderado como estilo con máis presenza nos premios ao contar 70 proxectos en competición. A suba de 17 inscricións a respecto do pasado ano racha a tendencia descendente do xénero nas últimas tres xeiras e xera a segunda maior cifra de participación neste estilo da historia do certame. En segundo, lugar como é habitual, continúan as propostas inscritas baixo a etiqueta Pop e Indie, que suman nesta xeira 57 iniciativas, mentres a Música de Autor mantense no terceiro posto a moi pouca distancia, con 52 candidaturas. A suba de dez participantes volta situar as Músicas do Mundo como cuarto xénero con máis aceptación entre a profesión musical a expensas do Folque, que troca con esta a posición. Malia a esta perda de posición, e de xeito sorprendente, a recuperación da categoría de Música Tradicional non provoca a máis mínima queda no número de bandas inscritas como Folque, que se mantén inalterable en 39 desde 2018, e tampouco semella afectar ás Músicas do Mundo. No canto de considerar isto como unha fortaleza, cabe sinalar que o Folque é o único xénero que non medra canda ao de Jazz e Músicas Improvisadas. Este último apartado supón a excepción ao crecemento global de cifras absolutas. Verifica un acusado descenso que o deixa con só 16 propostas fronte ás 24 da edición de 2019. A cifra supón participación máis baixa neste ámbito da historia dos galardóns.



Ampliar gráfico

Subas e descensos porcentuais
O incremento total de participación e o maior reparto das inscricións en diferentes categorías fan que, aínda que haxa xéneros que medran de xeito absoluto, manteñan ou mesmo perdan peso porcentual no panorama da música do país. Así, malia á recuperación en número de proxectos, o Rock mantense practicamente estable en canto á súa porcentaxe sobre o total de inscricións, cun 14% (un 0,3% máis do que na última edición). Os outros dous xéneros maioritarios, o Pop e Indie e mais a Canción de Autor mesmo sofren minguas porcentuais, dun 0,7% no primeiro caso e dun 1,7% no segundo, polo que a preeminencia destas tres categorías diminúe en conxunto. Como dicíamos, Músicas do Mundo queda como cuarto estilo máis seguido co 8,6% das candidaturas en similar posición a 2019.

A caída do Jazz e o Folque
A observar por porcentaxes aparece como aínda máis acusada a perda de representatividade do Jazz e Músicas Improvisadas no conxunto de propostas musicais do país, xa que pasa do 6,5 a só 3,2% do total e do sexto posto ao décimo cuarto na porcentaxe de inscricións. Sobre este fenómeno, Mera apunta que "É certo que algún proxecto que estaba netsa categoría atopou lugar noutra, e tamén houbo un esforzo por parte da directiva de Músicas ao Vivo por peneirar proxecto por proxecto e asignalos ás etiquetas máis acaídas para crear unhas categorías máis coherentes. Pero é sorprendente, e temos que facer aínda unha análise de cada categoría". Tamén se observa deste xeito o descenso relativo do Folque a mans do Tradicional, ao pasar do 10,1 ao 7,8 por cento das prospostas participantes. Cabe sinalar que en 2018 o Folque era, aínda que por unhas décimas, o terceiro xénero con maior participación, e que desde entón perdeu dúas posicións na listaxe.


Ampliar gráfico

O crecemento electrónico
Pola súa banda, é a Música Electrónica a que verifica un maior crecemento porcentual. Un 1,4% máis sitúaa, co 6,8% dos proxectos, á altura de 2013, ano no que tivo máis peso no panorama sonoro do país. O crecemento elévaa ata a sexta posición como xénero con máis propostas. A comentar esta medra, o voceiro de Músicas ao Vivo apunta que "a suma de 34 proxectos en Electrónica supón unha suba considerable. Sen ter unha causa clara, semella que están a tomar forma novos xeitos de creatividade. Os proxectos inscritos na categoría non se cinguen á idea habitual do Dj techno ou a estilos considerados electrónicos hai unhas décadas. Agora é algo máis difuminado e entran outras propostas que parten da mesma base, coa idea de que a electrónica é máis un xeito de traballar, sen empregar instrumentos acústicos, do que un estilo concreto. Neste campo Galicia innova á altura de calquera outro lugar do mundo, cunha xeración que medrou xa nesa cultura e levan ese sistema e traballo a novos ámbitos".

Outros incrementos
O Hip Hop, con 0,6% a maiores, é outra das categorías cun crecemento máis destacado, a acadar o 4,2% dos proxectos presentados. A sección Vocal e mais as Orquestras engaden un 0,4% e chegan ao 2,4 e ao 2,2% respectivamente. "Os coros e os grupos vocais incrementaron un pouco a súa participación. Nunca é dos estilos máis nutridos, pero tentamos mimalo porque supón unha aposta desta xunta directiva". Tamén sobre o campo das orquestras recoñece Mera que "nos custa. Tentamos contactar coas asociacións do sector e sempre atopamos receptividade, pero ao final sempre temos a sensación de que poderían estar mellor representadas, e facemos de novo o chamamento a que se inscriban". Pola súa banda unha décima é o mínimo incremento do Metal, que se mantén no 5% das inscricións. Tamén a Música Clásica semella deter o importante descenso que experimentou no pasado ano, mesmo a perder outra décima. Aínda que ausente nas últimas edicións, a categoría de Tradicional entra cun lixeiro crecemento a respecto da súa anterior xeira nos galardóns, en 2017, e suma 0,5 puntos para quedar nun 3,6% dos proxectos.

Mudanzas históricas
Nalgúns xéneros compróbase unha tendencia histórica á baixa ao longo das sucesivas edicións. Así a música Infantil, co 5,6% do total, continúa o seu devalo sostido de case medio punto por edición nos últimos tres anos.De xeito similar, a presenza do Blues/Funk/Soul, segue a minguar desde 2016 e fica co 4,2% das inscricións neste 2020. O Reggae, Ska e Mestizaxe verifican tamén unha mingua de medio punto e suman o 3,6% do total, a acabar con tres anos de crecemento. As Bandas de Música, pola súa banda, estréanse cun 2,4% das propostas. Fronte a estes, están a xurdir como estilos emerxentes o crecemento máis ou menos constante do Hip-hop e Músicas Urbanas e o espectacular incremento da electrónica logo e varios anos de estabilidade, que haberá que ver se se consolida. O ansiado incremento da participación de Orquestras e Grupos de Verbena, amplamente recoñecido pola organización, semella que aos poucos está a se dar, e aínda que continúa a ser a categoría con menos inscricións (un 2,2% do total), a tendencia dos últimos tres anos crecente, fronte ás minguas dos catro anteriores.

A raíz imponse ao rock
A ollar estes datos, a tríada de xéneros máis populares de Rock, Pop e Canción de autor semella manterse como hexemónica, se ben cabe destacar que o seu peso resulta menor ao das primeiras convocatorias dos galardóns. Estable en canto á sua porcentaxe no panorama musical no caso do rock e con altibaixos máis ou menos destacados nos outros xéneros, a hexemonía non está a medrar. A nova división entre Folque e Tradicional dificulta que o primeiro destes xéneros releve a Canción de Autor como terceiro xénero máis popular e mesmo que poida disputar a segunda posición co Pop-Indie, xa que a suma dos dous estilos de raíz daría a mesma porcentaxe ca este, un 11,4%. Se a eles sumamos as músicas do mundo, acadaríase un 20% de proxectos inscritos no bloco de músicas de raíz, máis do que o outro grande bloco, que suma Rock e Metal e dá nun 19%. Esta é a maior distancia que ten acadado nunca o total de propostas vencelladas á raíz a respecto das roqueiras desde a creación dos galardóns.

Nomes
Entre os nomes que aspiran a obter galardóns nestes premios non faltan clásicos como Zënzar ou Ruxe Ruxe, cunha ampla traxectoria, canda a bandas recoñecidas como Agoraphobia ou Terbutalina en Rock. Xoel López, Eladio y los seres queridos ou Guadi Galego en Pop, ou Silvia Penide e Uxía no campo da canción de autor amosan como os galardóns resultan compatibles con traxectorias prolongadas no campo musical. Encol da repetida ausencia de grandes nomes da música do país nas candidaturas, Mera refuta a idea de que o groso das inscricións correspondan a proxectos que están a comezar. "Os premios están abertos a todo o mundo e no resultado das inscricións hai proxectos con moitas tipoloxías, desde traxectorias que arrincan ata outras que levan tempo e aínda proxectos máis que consolidados. O groso da participación son propostas profesionais que están moi establecidas no sector musical galego e estatal, cun perfil medio alto de proxectos que teñen impacto no mercado. Así e todo é certo que hai ausencias de grandes nomes nesa grella de inscricións. Nós tentamos que todo o mundo participe e se vexa representado, pero se alguén non se ve é a súa opción. Que poidan estar grandes figuras non implicar necesariamente que vaian gañar".


Ampliar gráfico

As capitais da música
Do total de proxectos presentados, a contar tanto categorías musicais como premios Organistrum, segue a ser A Coruña a provincia cun maior peso nos galardóns. Un total de 265 propostas chegadas desta provincia sitúana como sede dun 45,6% das candidaturas. A non moita distancia, Pontevedra acumula un 40% das propostas, con Lugo a sumar únicamente o 7,1% e Ourense o 5,5%, o que amosa unha vez máis o abrumador predominio das provincias atlánticas na competición. Por localidades, no entanto, é Vigo a que aparece como capital da música galega, ao ser orixe de case unha cuarta parte dos proxectos presentados (94, o 24,6%). Non hai moita distancia, no entanto coa Coruña (22,5%, 86 proxectos) e Compostela (22%, 84 propostas). En total, as tres cidades concentran o 69,1 por cento das iniciativas que aspiran a estes galardóns.


Ampliar gráfico

Movementos xeográficos
O principal movemento a nivel de localidades a respecto de 2019 é a suba de candidaturas coruñesas, que lle arrebatan a Santiago o segundo posto. Pontevedra, con 35 propostas, Lugo, con 20, Ourense con 18 e Ferrol con 16 seguen na clasificación. Cangas (7), Ames e Noia (6) e mais Moaña e Redondela (5) son as vilas que conseguen situarse entre as localidades que contan cun mínimo de cinco iniciativas no certame, a tomar o relevo doutras presentes no pasado ano nestes postos como eran Mos, Porriño, Sada, Sigüeiro, ou Nigrán. Só Moaña e Redondela repiten neste sentido. No ámbito das curiosidades, repítese a xa habitual presenza de proxectos galegos radicados fóra do país que lista nesta edición lugares como Xapón, Taiván, Alemaña, Cataluña ou o Reino Unido.


Ampliar gráfico

Festivais: máis e dispersos
A seguir a tendencia habitual, a distribución xeográfica dos festivais confirma a primacía da provincia de Pontevedra neste campo ademais do peso do territorio non urbano neste tipo de citas. Do total de 36 eventos que se candidatan, 16 (un 44,4%) están nesta provincia, mentres A Coruña concentra a cuarta parte dos que se fan no país (9 inscritos) seguida por Lugo (7 propostas) e Ourense (3). A listaxe complétase co ciclo Xacobeo Importa, que desenvolve actuacións en diferentes provincias do país. A desaparición do Son do Camiño deixa a categoría totalmente orfa a nivel da presenza dos grandes eventos que se desenvolven no país. Resurrection, PortAmérica, SonRías Baixas ou o Ortigueira continúan ausentes da competición.


Ampliar gráfico

Salas
O destacado incremento de participación a nivel de salas, que duplica amplamente a do ano pasado, amosa tamén unha aparente vitalidade de Vigo como cidade para a música ao vivo. A cidade concentra cinco das vinte e catro candidaturas propostas, mentres Compostela e Ferrol mantéñense con dúas e a Coruña incorpora unha e iguala a estas, ao mesmo nivel que Melide. Malia a este crecemento, que sitúa un 45,8% das salas do país en áreas urbanas, as cifras amosan unha maior dispersión xeográfica deste tipo de locais, xa que no pasado ano as salas inscritas en urbes supuñan o 63,6% das participantes. Cabe, no entanto, coller as cifras coa habitual cautela pola xa habitual ausencia de espazos de referencia como o Playa Club na Coruña, a Capitol en Compostela ou La Iguana de Vigo. O incremento de participación non altera en particular a concentración de locais para a música nas provincias atlánticas, se ben Ourense incrementa a súa presenza, con dous locais inscritos (A Arca de Noe de Vilar de Santos e o Café Teatro Bajo 5 do Barco de Valdeorras) e Lugo volta aparecer na listaxe coa Sala Avenida de Escairón como representante.



Ampliar gráfico

A perda de peso da radio
Con só unha candidatura máis do que o pasado ano, a competición polo premio ao mellor proxecto de comunicación sobre música é a que verifica un menor incremento de todas as dos Premios Martín Códax, con 16 proxectos aceptados. A retirada de novo dos medios públicos da competición deixa un panorama nestes Organistrum no que a radio mingua en boa medida a súa presenza. Así, só 4 das propostas inscritas teñen na radio convencional o seu medio base. A retirada tamén de proxectos como os suplementos culturais dos grandes xornais galegos diminúen aínda máis a pegada dos medios impresos na competición, que fican unicamente representados pola revista Pincha. Dadas estas variacións, de novo Internet é a plataforma na que se concentran os proxectos comunicativos sobre música no país. Un total de nove proxectos que teñen na rede a súa base e entre os que se contan podcasts, vídeos ou contidos web, afianzan a hexemonía do soporte dixital, que na anterior xeira só sumaba seis proxectos. Segundo explica Mera a organización acordou non admitir catro candidaturas "que partían de produtoras que fan servizo de difusión musical desde a óptica de empresa que cobra polo seu servizo". Fronte a estas, si se incluíu a exposición “Xirarei. Deseño De Cuberta No Disco Galego 1955/1995" xa que se entende "que é merecente de estar na categoría polo seu calado eo impacto".

As novidades e as vindeiras propostas
Aínda coa edición aínda por rematar, en Músicas ao Vivo xa están a pensar nun futuro para o que anuncian importantes novidades no certame. "A idea é seguir mudando. Para o vindeiro ano queremos meter máis cambios, non sabemos aínda de canto calado. Imos ver como vai esta edición, darlle unha volta e pensalos desde outra perspectiva. Queremos dar a sorpresa o vindeiro ano, manter a representatividade do sector pero abrir os galardóns a outras visibilizacións e ao mellor con outros parámetros", adianta evitando concretar. Fica pendente, condicionada pola actual crise sanitaria, a celebración da gala de entrega dos galardóns, prevista orixinalmente para o vindeiro seis de maio. "Esta situación afectou ao calendario, e xa caeu a festa de presentación de finalistas que se fai habitualmente nas adegas Martín Códax e que estamos a pensar en relanzar máis adiante". Do mesmo xeito, sen ter aínda a decisión tomada "barallamos tamén adiar a gala, e estamos ver como se podería xestionar por datas. De calquera xeito, o proceso de votacións por Internet segue aberto e agardamos mesmo que suba a participación. O xurado continúa o seu traballo, e aínda que a gala non poida ser en maio agardamos por ir avanzando para entón algún resultado aínda que non digamos todo".