A conservación do patrimonio artístico contemporáneo a debate no CGAC

Preséntase o proxecto interdisciplinar 'Legados' e sitúase no contexto galego

Preséntase o proxecto interdisciplinar 'Legados' e sitúase no contexto galego
A Fundación DIDAC presenta este sábado, en cooperación coa Fundación Gabeiras e co apoio do Centro Galego de Arte Contemporánea a xornada 'Legados. Espazos para o coidado das creacións contemporáneas'. Un encontro de profesionais de diferentes disciplinas que aborda o proxecto do mesmo nome que amosa a preocupación polo destino dos legados dos artistas de maior idade, así como pola situación económica e xurídica que adoita acompañar este colectivo. Este proxecto, impulsado pola Fundación Gabeiras, especializada no sector da cultura e moi enfocada nas artes escénicas e musicais comparte co sector da da arte contemporánea as mesmas incertezas e dúbidas. A xornada sitúa o debate n o contexto galego tras outras presentación do proxecto realizadas no Museo Reina Sofía (Madrid, setembro de 2023), no Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA) (abril de 2024) e no Museo Ruso de Málaga (xullo de 2024).

O programa da xornada, que é de asistencia gratuíta pero precisa de inscrición previa, reúne nas diversas mesas de debate a nomes da arte, a xestión cultural, institucións e artistas de varias disciplinas como Laura Carro, presidenta da delegación do Instituto de Arte Contemporáneo (IAC) en Galicia; Pepe Barro, deseñador, ilustrador e escritor; Marisa Fernández, artista; Juan de Nieves, comisario do legado da artista Berta Cáccamo; María América Díaz, xestora cultural; Paula Cabaleiro Comesaña, coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG); Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); David Barro, director de Es Baluard Museu d’Art Contemporani de Palma; Rosario Peiró, directora da Área de Coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS); Diana Dúo Ramila. Departamento de educación do Museo de Pontevedra; Patricia Gabeiras, directora e socia fundadora de Gabeiras & Asociados; Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas); Xesús Ron, actor, dramaturgo, director; Chus López Elvira. Arquivo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) e Sabela Mendoza, investigadora, creadora e xestora cultural especializada en danza e artes performativas.

A iniciativa aborda a necesidade de garantir a conservación, a xestión e a transmisión do patrimonio artístico contemporáneo, ofrecendo un marco de reflexión e propostas concretas a través dun estudo sociolóxico e dun informe xurídico elaborados en colaboración con Gabeiras & Asociados. Roger Dedeu, presidente da Fundación Gabeiras levará a acabo unha presentación do proxecto 'Legados', que entra agora nunha segunda fase, na que amplía o seu ámbito de traballo ás artes escénicas e á música e incorpora a análise e preservación dos seus arquivos coreográficos, líricos e musicais desde unha perspectiva interdisciplinar.