Os Gotten son unha familia afincada en Vigo e bisbarra dende a segunda década do século XX. Este libro recolle os sucesos e historias dos Gotten contadas polos seus protagonistas, moitos deles os propios membros da familia, ou por outras persoas que preferiron permanecer no anonimato. Alfonso Álvarez Caccamo déixanos fóra de combate, á súa mercé, bailando polas súas páxinas, levados pola man e polo engado de quen consegue evadirnos da realidade cotiá. Os Gotten é un deses libros nos que un sinte que quixera máis, que ten mágoa que remate xa.
2 / 4 / 2014
Xavier Queipo. Bruxelas
Hai uns días pasei por Xerais para falar do meu próximo libro, que felizmente sairá do prelo este ano 2014, por volta do mes de xuño. Enriba da mesa dun dos traballadores, vin un libro de Alfonso Álvarez Cáccamo do que non tiña noticia. Sen dubidar un instante dixen: quero este libro, anotádeo contra a conta de dereitos. Houbo un intre de vacilación no traballador pois o libro non saíra oficialmente aínda, mais puido máis a confianza que a prevención e así saín da rúa Doutor Marañon cun exemplar de
Os Gotten. En chegando a casa púxenme de contado ao choio da lectura, pois ía un temporal pechado que convidaba a ficar na casa ao quentiño, e sobre todo ao seco.
Logo dun primeiro capítulo “de tanteo”, coma se dá en calquera combate de
box, chega a introdución das árbores xenealóxicas, Alfonso comeza a golpear con habelencia na queixada do lector (para facelo sorrír e xalogo rir a bater os dentes), achega a cachola para lle dar unha cabezada ao tempo que o aperta nun
clinch de proximidade antes de atacar nunha serie de
uppercuts directos á intelixencia emocional do lector (outra vez traballando a queixada con series ben medidas, sumando puntos nun corpo a corpo épico, nun combate). Nunha palabra (a miña), déixanos fóra de combate, á súa mercé, bailando polas súas páxinas, levados pola man e polo engado de quen consegue evadirnos da realidade cotiá.
Excusen a sucesión de similes puxilísticos (unha chisca
demodé), mais estamos no ano do centenario de Cortázar (e no de Octavio Paz, non esquecer ao mexicano imponente, aquel que nos fixo vibrar con
El mono gramático o
Ladera Este, con
Salamandra ou
La realidad desnuda) e daquela un permétese unha homenaxe ao arxentino na rememoración de
La noche de Mantequilla (con ocasión do combate entre Carlos Monzón e “Mantequilla” Nãpoles, se me permiten a precisión).
Non vou contarlles de que vai o libro de Alfonso (xa o dixen dalgún xeito cando falei de árbores xenealóxicas e series ben medidas á intelixencia emocional), so dicirlles que o lin dunha sentada, aproveitando una tarde de chuvia nese Vigo que nos une. Tentei mandarlle un correo electrónico a Alfonso para lle enviar os meus parabéns por
Os Gotten, mais seica teño o enderezo errado. Vai agora, deste xeito indirecto o meu recoñecemento dun libro balsámico, deses que limpan os pulmóns e dan moito aire, deses que renovan o espírito e o prazer da lectura. Eu sigo a obra de Alfonso dende hai tempo (
Peito de Vimbio, Xente de mala morte, O bosque de levas, O espirito de Broustenac, O destino de Clarescura Lens, etc) e en cada un dos seus libros experimento sempre o prazer da lectura intelixente, a riqueza e a simplicidade dunha lingua normalizada e garimosa, o sorriso cómplice de tantos bos momentos pasados na lectura e a conciencia de quen tales cousas escribe non pode ser senón un tipo formidábel.
Os Gotten non decepciona nese sentido, pois é un deses libros nos que un sinte que quixera máis, que ten mágoa que remate xa, mentres olla para a fiestra e dáse de conta que aínda chove e daquela, percorrer os andeis e dar cun libro moi distinto e experimentar esa dúbida de se escoller un voluminoso ensaio sobre os baleeiros galegos ou unha novela de Ameixeiras, que sempre sorprende.
Eu conto con que lles guste a saga familiar
Os Gotten, con que sintan o seu carácter balsámico (tan necesario no inverno no que as sucesivas catarreiras entupen o sistema respiratorio) e con que sexan felices,
.