O 18 de xullo de 1936 cambiou a historia de España. Resultado de varios anos de investigación, neste traballo Pepe Álvarez móstranos como se desenvolveu o golpe de estado e a posterior represión sobre a cidadanía pontevedresa por parte dos poderes que secundaron a ruptura violenta da legalidade.
10 / 12 / 2013
Gustavo Hervella. Santiago
O 18 de xullo de 1936 cambiou a historia de España. O acontecido esa xornada e as seguintes, primeiro no Marrocos español e logo no resto do Estado, non foi unha paréntese nin unha volta ao pasado; nin tan sequera foi un punto e aparte na evolución política do país. Constitúe o comezo de algo estraño á historia contemporánea española. O que promoveron e construíron os golpistas supuxo un borrón e conta nova: nunca no último terzo de século se deran actitudes e persecucións políticas dunha envergadura como as acontecidas naquel verán de 1936. A España de hoxe é unha sucesión disto, non da II República nin da Restauración borbónica de 1876; é a consecuencia directa da acción político-militar que uns xenerais e uns cidadáns imbuídos coa "razón da forza" estableceron entre 1936 e 1939. Para Galicia —e consecuentemente para Pontevedra, espazo que analiza o presente ensaio—, o cambio radical produciuse xa cedo, en agosto de aquel fatídico ano.
O investigador pontevedrés Pepe Álvarez móstranos a través deste traballo como se desenvolveu o golpe de estado e a posterior represión sobre a cidadanía pontevedresa por parte dos poderes que secundaron a ruptura violenta da legalidade; non so o exército, tamén as accións dos civís e voluntarios que axudaron, protagonizaron e avalaron os asasinatos e paralizaron —coa "creación de medo", en palabras de Rafael Cruz— á xente, a igrexa que contribuíu co seu discurso e actitudes por acción e omisión á desfeita social que supuxo a guerra. Parte Álvarez dun inxente traballo de anos que xa nos mostrara a través do blog http://anosdomedo.blogspot.com.es/ recompilando agora todas as investigacións e aportando novos datos e reflexións que no seu momento constituíron unha iniciativa pioneira neste tema, así como de visita obrigada para todos aqueles que estivesen interesados nos estudos de represión franquista. Agora, con
Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), pecha un ciclo de inquedanzas intelectuais na historia da súa cidade; agardamos que sexa o punto de arranque doutras reflexións sobre a sociedade pontevedresa da ditadura e da transición.
A investigación que se nos presenta está fundamentada principalmente en dous tipos de fonte: a producida polos militares golpistas nos xuízos e bandos militares que desde agosto de 1936 implementaron, e a producida pola sociedade civil pro-golpista, proclive á violencia, xustificativa da nova situación e que actuou como correa de transmisión propagandística dos primeiros a través da prensa. Cabeceiras como
Faro de Vigo, Progreso, Diario de Pontevedra ou El Pueblo Gallego son as que proporcionan as novas relacionadas cos comunicados oficiais das autoridades, dan conta de requisas, evolución da guerra ou a aparición de cadáveres nas cunetas da bisbarra. Tamén se apoia nunha extensa bibliografía, moi abundante para o caso galego —¿Para cando unha publicación que recolla todo o feito até agora?—, a fonte oral —imprescindible neste tipo de investigacións— e os informes de Falange e os derivados da lei de Responsabilidades Políticas depositados no Arquivo Provincial de Pontevedra e no Centro Documental de la Memoria Histórica de Salamanca.
Álvarez Castro realiza unha análise centrada na cidade de Pontevedra dividida en dous eixes: o primeiro abranguería os dous primeiros capítulos, onde se amosa a realidade da vila en xullo de 1936 desde un punto de vista político, obviando o social, o que nos impide ter unha visión completa e axeitada do golpe e das súas consecuencias máis alá da represión física e económica relacionada cos directamente implicados na defensa da legalidade republicana. O segundo eixo, que se corresponde co resto do estudo, leva a cabo unha introspección da represión, nas formas, nas vítimas e nos vitimarios. Comeza coa aplicación do termo "xenocidio" para definir o proceso de asasinatos perpetrados polos golpistas; termo de difícil aceptación por parte de varios especialistas do tema e rodeado de polémica, como sostén o historiador Julio Prada: "Lo de menos es que se pierda en eficacia analítica lo que se gana en reproche ético, aunque solo sea porque así nos congraciemos mejor con nosotros mismos y con nuestro pasado". Os seguintes capítulos xa se centran nos xeitos de asasinato e perda de liberdade: "paseos", xuízos, encadeamentos, depuracións, multas, torturas e a represión psicolóxica. Nesta análise, non so se aportan os nomes das vítimas, os datos persoais e unha completa e ben documentada deconstrución dos expedientes sancionadores, senón que tamén se dan nomes e se etiquetan ás persoas que os levaron a cabo: da garda cívica —onde sobresae o nefasto Víctor Lis Quibén—, ao exército, pasando polos falanxistas e requetés e a garda civil. Destaca a conexión que se establece entre a vella política —nomeadamente os cargos da ditadura primorriverista— e as novas autoridades que chegará até os anos setenta e serán, en boa medida, protagonistas da transición. En relación con isto último destaca a xuventude dos militantes falanxistas, xente nova que copará durante anos os resortes de poder; a guerra e ditadura, aínda que foi protagonizada por maduros, boa parte do protagonismo foi dos máis novos —como sucedeu na URSS, en Italia ou en Alemaña naquel tempo—, o que tamén explica a duración da réxime e os rescaldos trala morte do ditador.
No estudo tamén se botan abaixo algúns mitos que aínda están presentes no imaxinario popular: a suposta revolución comunista, o reparto de armas entre a poboación ou o anticlericalismo: " As primeiras referencias aparecen en 1931, con pequenas liortas provocadas por persoas que perturban o culto...". Tal como se referencia no texto, certamente existiron enfrontamentos entre sectores extremistas da sociedade agrupados á esquerda e á dereita, que o Estado tentou frear aplicando a lexislación vixente e a lei. Isto non ocorre so en Pontevedra, tamén o é no resto de Galicia e en España, mais como teñen demostrado varios estudos, a situación non pode clasificarse como descontrolada —pensemos na violencia terrorista de ETA, FRAP ou Guerrilleros de Cristo Rey nos anos setenta así como o golpe de estado de 1981, que non provocaron unha guerra—. Ao analizar a sublevación, Álvarez Castro dá con outra das claves: trátase dun pronunciamento de militares de baixa graduación na súa maioría —no caso pontevedrés participaron até catro capitáns—, e os máis altos representantes do exército en Galicia foron asasinados: Antonio Azarola, contraalmirante da Armada en Ferrol, Rogelio Caridad Pita, xeneral e Gobernador Militar e Enrique Salcedo Molinuevo, xefe da VIII División Orgánica con sé na Coruña. Este escenario o que vén a demostrar é que o golpe e a conquista violenta do poder non foi fácil nin resultou un "camiño de rosas" para os militares, existindo unha resistencia por parte de sectores da sociedade así como de algúns membros do exército.
A nivel local, os capítulos dedicados á represión extraxudicial e aos procesos militares son esclarecedores ao poder facerse o seguimento vital de moitos asasinados reproducindo varias causas militares e remitirse, en ocasións, á actividade pública da súa xuventude, como no caso de Ramón Meis membro da asociación de agricultores de Lérez e orador nun mitin en 1908. Non esquece Pepe Álvarez a referencia aos pontevedreses asasinados na zona republicana ofrecéndonos o periplo vital dalgúns deles, como o de Fernando Olmedo, un dos fundadores do Círculo Católico e fusilado en agosto no cuartel da Montaña en Madrid. Nesta liña é notable o espazo dedicado aos vitimarios —no caso de Pontevedra o ocupa un lugar referente á garda cívica—. Esta nova liña de investigación está desenvolvéndose nos últimos anos desde varios frontes, e o chanzo que nos ofrece esta investigación é un paso máis. ¿Quen era a garda cívica? Álvarez Castro cataloga esta organización paramilitar como: “As persoas que, por idade, ocupación ou determinadas circunstancias, non eran susceptibles de enrolarse nas unidades de primeira liña e, polo tanto, prestaban servizo nas súas localidades". O mesmo poderiamos dicir dos Caballeros de Santiago ou de Los Caballeros de La Coruña. É neste apartado do estudo onde a fonte oral adquire importancia. As entrevistas axudan a dilucidar feitos, clarexar nomes ou sinalar lugares de represión. Aínda así, estes testemuños deben ser tomados con cautela e cun significado que vai máis alá do textual, adquirindo connotacións especiais desde un punto de vista simbólico. Así, son moitos os relatos que describen como un asasinado padeceu determinadas torturas —amputación dos xenitais ou rotura dos dedos—; esta lembranza non só existe en Pontevedra como sinala Pepe Álvarez, é común en toda Galicia. Este ritual "macabro" máis ben semella un recurso do informante que, instintivamente, bótalle máis ignominia ao represor, xa que é capaz non só de asasinar senón tamén de destruír a masculinidade, a última humillación á que é sometido o reo, marcando deste xeito a súa baixeza como persoa, a súa falta de humanidade.
No que respecta aos procesos militares, fai referencia aos que tiveron unha "maior repercusión, pola significación social dos encausados e a súa tráxica fin". De todos eles énos descrito o método para levar a cabo as acusacións, os xuízos, ás penas a que son condenados e a execución, de xeito que podemos establecer como se desenvolvían, a falta de garantías xurídicas e a teatralidade do método. A comparación dos "paseos" cos xuízos condúcenos a outra reflexión: os primeiros son máis abundantes nos primeiros meses, até a primavera de 1937, os segundo cobran protagonismo desde novembro de 1936 e xa desde 1937, o que significa que, cando o "novo estado" comeza a funcionar e o terror está instalado na sociedade, xa se pode dar certa pátina de "legalidade" á situación. De novo a fonte oral actúa, simbolicamente, como bastión da heroicidade duns e da maldade doutros: "Algúns familiares, escondidos na xunqueira do Covo, escoitaron cánticos e gritos a favor da República e os disparos que segaron as súas vidas". Por último, sinalar outra curiosidade que nos axuda a comprender que supuxo a represión e que se quería conseguir coa súa acción: Pastor Torres Paz foi xulgado en rebeldía en 1937, en maio de 1939 preséntase ás autoridades, e ante o temor de ser asasinado volve fuxir permanecendo oculto até 1944 en que foi xulgado e condenado a catro anos de prisión. Esta situación vital sería completamente diferente si se comparecese no período de "terror quente", aquel dos primeiros meses, onde posiblemente fose fusilado. O paso dos anos —non moitos certamente—o control do territorio, a destrución da cidadanía, o fin da guerra..., salváronlle a vida. Este exemplo é indicativo do que foi a política do terror franquista, as diferentes etapas represivas, unha máis dura e xeneralizada, outra máis feble e sutil.
Para rematar, sinalar que botamos en falta un epílogo: ¿Acaba dando resposta o autor á tese de estudo que nos presenta na primeira páxina do libro? Temos que deducir que si. Así mesmo, sería interesante algunha reflexión sobre a sociedade pontevedresa tralos anos de guerra: ¿Experimentaron cambios significativos as relacións sociais dos veciños? ¿Como foron as relacións persoais nunha realidade como esta onde todo o mundo se coñecía? Son preguntas que agardan unha resposta e moitos dos vimbios que as configuran están no período que estudou Álvarez Castro.