Unha visión panorámica do fútbol en Galicia, un enfoque que permite ver en perspectiva e dun xeito ecuánime a historia deste deporte desde os seus inicios até os nosos días. Estamos ante un fenómeno de masas que vai máis alá do deportivo. O fútbol define xeitos de asociación voluntaria por parte dos que o practican e, sobre todo, dos afeccionados, onde non só acontecen intercambios de experiencias comúns, senón tamén onde se forxan identidades e solidariedades novas que van máis alá da pertenza á un partido político, vila ou relixión.
1 / 5 / 2013
Gustavo Hervella.Santiago
Un dos elementos definitorios que marcan á contemporaneidade occidental é o deporte. Practicado desde tempos inmemoriais e de diferentes formas e concepcións, é a partires do último terzo do século XIX, e sobre todo no XX, cando o fenómeno deportivo adquire connotacións determinantes para a cidadanía. As olimpíadas, o deporte de motor e, sobre todo, os deportes de equipo constitúen na actualidade fenómenos de masas e xeitos de vida; a política, a economía e as relacións institucionais dóbranse ante a inminencia de calquera destes acontecementos. E por riba de todos eles, sobresae o fútbol e as súas competicións, que adquiren rango mundial aínda que sexan practicadas a nivel local.
España e Galicia non son unha excepción. Porque nisto si que somos potencia, e non só polas vitorias da selección en mundiais e eurocopas, senón pola transcendencia da competición futbolística que, por exemplo, domingo a domingo levou na tempada 2010-2011 — a última do Real Club Deportivo de La Coruña en primeira división — unha media de 20.900 espectadores a Riazor. Con todas estas circunstancias chama poderosamente a atención que non haxa máis traballos como o de Carlos Freire Cordeiro Todo sobre o fútbol galego, que nos presenta a editorial Xerais. Estamos ante un fenómeno de masas que vai máis alá do meramente deportivo. Así, é significativo que fose Vilagarcía de Arousa o porto polo cal se introduciu o fútbol en Galicia xa que era un dos principais portos do Atlántico europeo: "O primeiro equipo federado que existiu en España foi o Recreativo de Huelva, no ano 1889, pero a primeira vila onde se xogou ao fútbol en España foi Vilagarcía de Arousa. Ocorreu en 1873". Tamén, que moitos futbolistas se convertesen en profesionais en Cuba e Arxentina, onde miles de galegos residían: "o produtor cinematográfico [Cesáreo González] nacido en Vigo en 1903 embarcou en 1922 na Coruña rumbo a Cuba co soño de converterse en futbolista profesional"; ou as alianzas deportivo-políticas que se teceron entre empresa, política local e equipos de fútbol: o Fortuna C.F. fundado en 1906 por Rafael Tapias, relevante persoeiro de Vigo e con intereses en distintos portos de Galicia ou o actual presidente do Real Club Deportivo de La Coruña, Augusto César Lendoiro, "destacado militante do PP, asumía moitas responsabilidades: era presidente da Deputación, secretario de Deportes da Xunta e senador". Estes e outros fenómenos indícannos que a realidade dun partido de fútbol é máis que unha competición, xa que son moitos os intereses que se "xogan" cada fin de semana nun estadio.
A historia do país é posible seguila a medida que este deporte se estende polo territorio. Unha das pautas que indican a modernización dunha vila é a existencia dun club de fútbol, e as relacións que establece con outras moitas veces van acompañadas dun encontro futbolístico, sobre todo a interrelación de persoas e actividades económicas. Do mesmo xeito que acontecía cos líderes sociais na emigración que acadaban postos de relevancia nas sociedades de instrución para así ter unha presenza hexemónica na súa comunidade, moitos industriais e empresarios pretenden a cadeira presidencial do equipo da cidade cos mesmos motivos.
Todo sobre o fútbol galego é un traballo concibido ao xeito de dicionario terminolóxico, onde cada entrada é máis que unha definición: analízase o contexto xeral da Galicia do momento, o significado social do termo e a súa importancia histórica. Entradas como Derby, Desprazamentos, Sociedade, Fútbol feminino, Anveres ou Falecementos explícanse máis alá do mundo futbolístico e non só en relación a el, tamén como procesos históricos do cambio social experimentado en Galicia ao longo do século. Aquí radica a interese da obra, poder explicar a historia do país acudindo a elementos que non aparecen nas grandes publicacións. A loita entre equipos da mesma cidade como eran o Rápido de Bouzas e o Vigo, respondía a un fenómeno non só deportivo, xa que o primeiro era un club do barrio de Bouzas e o segundo de Vigo —lembremos que a anexión de ambas vilas produciuse a principios de século— e a singularidade daquel quedaba evidenciada, sobre todo, no fútbol. Tamén, a desestruturación territorial de Galicia e España, con viaxes eternos entre as cidades: "Ás malas comunicacións de Galicia co resto da península había que engadir outros factores de tipo económico, climatolóxico e mesmo anímico". A definición de Sociedade (p. 178) exemplifica esta idea: "pódese establecer un vínculo entre os éxitos acadados polos equipos de fútbol das cidades e vilas galegas e a conxuntura social e económica da sociedade na que estes triunfos ocorren", afirmación referendada a través dunha serie de cadros comparativos.
Por outra parte, serían interesantes entradas como Política, Selección española, Emigración ou Relixión, entre outras, termos que en xeral están no estudo pero que ben merecerían unha definición propia. Así, Guerra Civil (p.78-79), podería aglutinar a Soldados (p. 180) ou aos relatorios de varios xogadores que participaron na contenda ou que padeceron as súas consecuencias.
Acontecementos tan significativos na historia de Galicia como foron a emigración, a guerra civil ou o nacionalismo tamén definen a presenza ou non de acontecementos futbolísticos. A entrada Cuba (p. 53) responde en parte á pegada da emigración transoceánica, aínda que botamos en falta a de Arxentina —onde o San Lorenzo de Almagro está considerado o club dos galegos—. A presenza de Selección Galega (p. 173) define a identidade de Galicia, xunto a outras como a do xogador Fariña inmortalizado por Castelao ou a importancia que os futbolistas dos clubs galegos tiveron na consecución da medalla de prata por España nas olimpíadas de Anveres en 1920 e o que iso significou: "Despois do brillante partido xogado en Anveres, o fútbol colleu un enorme pulo en Galicia e de forma sinalada en Vigo. Multiplicáronse as sociedades deportivas, construíronse novos campos e aumentou considerablemente o número de practicantes".
O fútbol define xeitos de asociación voluntaria por parte dos que o practican e, sobre todo, dos afeccionados, onde non só acontecen intercambios de experiencias comúns, senón tamén onde se forxan identidades e solidariedades novas que van máis alá da pertenza á un partido político, vila ou relixión. Despois de ler o traballo de Carlos Freire, comprendemos como este deporte ten un significado maior que o dunha simple competición deportiva