Galicia, unha poboación avellentada é unha síntese xeral, no tempo e no espazo, do proceso de avellentamento demográfico de Galicia ao longo da súa máis recente historia contemporánea. O estudo que o profesor da USC Julio Hernández Borge nos presenta, constitúe un dos eixes desta problemática desde unha dobre perspectiva: a diacrónica e a evolutiva.
14 / 4 / 2014
Gustavo Hervella. Santiago
O avellentamento da poboación, común nas sociedades desenvoltas do mundo occidental, é unha das cuestións —xunto á inmigración e á deslocalización industrial— que máis preocupa aos gobernos. A este fenómeno atribúenselle consecuencias económicas, sociais, políticas e territoriais, problemas aos que se teñen que enfrontar desde os últimos anos os dirixentes dos estados e, esta preocupación, en troques de diminuír, será un punto nodal nas súas axendas nas próximas décadas.
O estudo que o profesor da USC Julio Hernández Borge nos presenta, constitúe un dos eixes desta problemática desde unha dobre perspectiva: a diacrónica e a evolutiva. A análise que realiza nas páxinas de
Galicia, unha poboación avellentada, pon o acento en ambas cuestións; o estudo da transición demográfica en Galicia amósasenos desde fins do século XIX até a actualidade, analizando esta circunstancia desde unha óptica territorial variada: a Comunidade Autónoma, as provincias, as comarcas e algúns concellos.
As fontes estatísticas e históricas son presentadas nos dous primeiros capítulos, onde tamén se explica o cambio de significado da palabra “vellez”. Historicamente, ser vello era sinónimo de sabedoría e experiencia; hoxe non é así. Os maiores son apreciados como unha carga económica tanto para a facenda pública como para o sistema de pensións. Canto máis desenvolto é un país máis evidente é o cambio de paradigma, como sinala Hernández Borge: “… previsións un tanto catastrofistas, ao equiparar o avellentamento da poboación coa decadencia social”. Desde un punto de vista diacrónico, tamén se produciu un cambio substancial, xa que se no pasado predominou a xente nova, hoxe en día non é así, “Na Galicia de 1900 a metade da poboación tiña menos de 25,4 anos, un século despois, en 2001, a idade mediana dos seus habitantes superaba os 41 anos” Estamos, xa que logo, ante un progreso e constante avellentamento da poboación galega.
¿Cando se é vello?
Para os estudos demográficos, a idade que marca o inicio da vellez son os 65 anos, momento tamén onde comeza o período de xubilación laboral, o que iguala o significado das palabras vellez, xubilación, improdutividade e, finalmente, carga. Este paradigma é aplicable a aquelas sociedades mais desenvoltas economicamente, onde os sectores secundario e terciario son os referentes. Naqueles lugares onde os traballos agrarios seguen a ser referenciais isto non é así, xa que un vello segue a traballar case até o final da súa vida. Estamos, pois, ante diferentes concepcións do período vital das persoas, segundo o espazo sobre o que enfoquemos o estudo. Esta reflexión supón establecer outro paradigma na investigación marcando as liñas do que significaron os cambios económico-sociais dos anos sesenta co abandono paulatino do rural e das súas costumes, tanto desde o punto de vista económico como de cohesión social e, agora, desde a demografía e as consecuencias que isto terá cara o futuro.
A transición demográfica en Europa iniciouse nos anos corenta do século XX. En España, o avellentamento da poboación comezou a verse nos anos sesenta. A mortalidade catastrófica non culminou até 1900. Sen embargo, o caso galego presenta algunhas diferenzas a respecto do europeo e do español, entre outras circunstancias, polo destacado papel do fenómeno migratorio que, con certos altibaixos, foi intenso ao longo dun século —entre 1875 e 1975—. A mortalidade catastrófica finalizou a mediados do século XIX, significativamente antes que no resto do Estado, se ben a ordinaria non o fixo até as primeiras décadas do século XX. A orixinalidade galega radica no adianto da manifestación dos síntomas de avellentamento, porque comeza a principios do s. XX. Estas consideracións sobre a transición demográfica en Galicia son un dos principais axiomas que se tratan na investigación, plasmando os resultados a través de gráficas, pirámides poboacionais e cadros-resumo, así como efectuando estudos comparativos entre territorios peninsulares e zonas máis desenvolvidas economicamente, como a Europa nórdica. As conclusións ás que se chega tras comparar as cifras das provincias orientais fronte as occidentais e do rural fronte ao urbano descóbrennos unha Galicia que non difire esencialmente doutros territorios, botando polo chan, tamén neste aspecto, o mito do atraso tal como levan amosado diferentes estudos históricos e económicos, “Se inserimos os datos de Galicia no contexto europeo, apreciamos que esta rexión finalizou o século XIX e comezou o XX cunhas taxas de mortalidade máis baixas que as existentes na Europa mediterránea, o que é un signo do seu adianto no proceso de modernización demográfica, aínda que os seus valores fosen bastante máis elevados que os que tiñan por aqueles anos os países europeos máis avanzados”.
A emigración, factor esencial na configuración de Galicia, tamén marca as pautas no referente á demografía. Os sectores de poboación máis novos marcharon primeiro para América e, na segunda metade do século XX, para os países máis desenvolvidos de Europa. O número de matrimonios durante o primeiro terzo do século foi menor que no resto do Estado e, pola contra, “Galicia era, na etapa da emigración masiva a América a rexión española con maior proporción de nacementos ilexítimos”, o que cambia coa masiva incorporación da muller ao fenómeno migratorio a partires dos anos sesenta. Este fenómeno constituíu unha sociedade, a galega, onde as relacións persoais e de comunidade, estaban marcadas por elementos e circunstancias un tanto diferentes aos do resto de España, o que supón unha cosmovisión un tanto particular. Xunto a isto, a diminución da poboación de feito e o envellecemento dalgunhas zonas que configurou territorios deshabitados, algo que nunca acontecera nun espazo como o galego, onde a terra, a súa posesión e a súa explotación foran as pegadas máis evidentes. Tal como sinala o propio autor, “Este éxodo de poboación tivo importantes consecuencias directas (a perda de habitantes), pero sobre todo indirectas (sobre o descenso da natalidade e o avellentamento da estrutura por idades da poboación que quedou)”. A emigración supuxo para Galicia que non acontecera ningunha explosión demográfica, tal como si sucedeu noutras rexións europeas.
A dicotomía urbano / rural
Do mesmo xeito que acontecía co establecemento da idade de vellez en 65 anos, preséntasenos un debate semellante á hora de marcar o límite entre o rural e urbano, conceptos estes que sinalan unha realidade difusa en Galicia. Certamente, establecer que é cidade e que é rural non é tarefa fácil, e o número de habitantes que soe ser o que marca a diferenza non resulta de aplicación sinxela. Neste estudo, considérase poboación rural toda aquela que reside fóra das sete cidades con máis de 50.000 habitantes, o que exclúe aos que viven en concellos periurbanos ou vilas que, sen embargo, pola súa situación e oferta de servizos constitúen a referencia dunha ou varias comarcas (caso de Verín, O Barco de Valdeorras, Viveiro, Monforte ou Tui). Esta estrutura da investigación leva a Hernández Borge a establecer comparativas entre as provincias e, dentro delas, entre concellos, o que nos dá unha visión máis real da evolución demográfica galega. En xeral, constátase un estancamento demográfico en Lugo e Ourense, e aínda que experimentaran un lixeiro crecemento até 1940, sempre foi menor que na Coruña e Pontevedra que presentan unha tendencia xeral de crecemento, máis evidente na segunda. O mesmo acontece coa poboación urbana a respecto da rural, “a poboación urbana tivo sempre unha evolución de crecemento, triplicando o seu número de habitantes entre 1877 e 2001”; o mapa que se nos presenta na páxina 145 é moi clarificador, onde o grado de envellecemento é acusado nas provincias do interior chegando a que en moitos lugares haxa máis viúvas que na media do país constituíndo o paradigma do que o autor denomina “feminización da vellez”.
O avellentamento da poboación cambiou a estrutura dos núcleos poboacionais e dos fogares. Hoxe en día, o número crecente de persoas maiores e a paulatina e constante diminución dos servizos, fai que un dos “negocios” máis lucrativos en determinadas comarcas sexa o establecemento de residencias da Terceira Idade. En relación con isto, pasouse duns fogares cun tamaño superior ao da media española a unha cada vez maior igualación, sobre todo no caso dos urbanos. Así mesmo, é significativo o número de fogares solitarios con persoas de 65 anos.
A través do estudo da evolución da poboación, achegámonos a outras cuestións que axudan a construír o pasado e o presente do país: o crecemento e distribución económica, a influencia de determinados acontecementos históricos que explican o movemento da poboación ou o fenómeno migratorio. Todo isto se reflicte no estudo que nos presenta Hernández Borge, que vén a complementar o debate demográfico existente desde décadas atrás. As gráficas e pirámides de poboación distribuídas ao longo do libro constitúen unha notable axuda ao lector que se achega a este tipo de estudos por vez primeira. O mesmo acontece cos apuntes históricos referidos aos séculos XVIII e XIX que contextualizan o que se expón. A análise que nos primeiros capítulos se leva a cabo das fontes, así como a extensa bibliografía final, cimentan empiricamente a pescuda, e o emprego axeitado e comprensible de terminoloxía específica facilita a lectura e comprensión. O último capítulo, non enfocado como unha conclusión senón como unha reflexión sobre as proxeccións cara o futuro, tamén nos sitúa nunha realidade que semella moi diferente á agardada.