Trinta e seis poemas que fan referencia a elementos da natureza ou elementos máxicos.Un espazo poético poboado de animais que se converten en protagonistas e no que o paso do tempo depara sempre novas sorpresas, pois día a día este máxico reino ofrece sons diversos e fermosas paisaxes cheas de actividade vital. Unha concepción lúdica da poesía, que xoga con elementos procedentes da fantasía e da realidade
17 / 12 / 2007
Isabel Soto. SantiagoA poesía infantil de autor mantivo dende os seus comezos unha importante ligazón coas tradicións populares de transmisión oral, nas que se atopan contidos fantásticos, personificación de animais e múltiples situacións aplicables á realidade dos nenos. Neste eido cómpre situar a ampla produción poética de Xoán Babarro. En practicamente todos os seus traballos adscribibles a este ámbito, tanto contos rimados como poemarios –Contos de trabecín trabezón (1993), Dez eran dez (1996), A tea de araña que todo o apaña (1998), Cuco, cuquelo, ¿que tes no fardelo? (1998), Un circo de nubes (2000), Lobo lobo (2000), Nena de flan (2000), Ten, ten, a miña casa ten... (2001), Carpametacarpadeduna (2001), Tres contos do máxico tres (2002) ou Deseñadora de hora en hora (2004)–, o labor de recreación, enriquecemento e diálogo con estes materiais na busca dun produto que chegue fresco aos lectores actuais convértese nunha constante. Salienta asemade a súa concepción lúdica da poesía, que xoga con elementos procedentes da fantasía e da realidade, con recursos como o humor, a intertextualidade con outros xéneros e mesmo o nonsense.
Destas características e desta poética participa a súa última entrega, “Reino verde”, que xa a partir do título propón unha viaxe a un lugar pertencente ao ámbito natural, un espazo poético poboado de animais que se converten en protagonistas e no que o paso do tempo depara sempre novas sorpresas, pois día a día este máxico reino ofrece sons diversos e fermosas paisaxes cheas de actividade vital. A configuración do volume, dende a súa capa, apóiase tamén nas ilustracións en tons verdosos de Xulia Barros que complementan os textos.
Nos poemas de “Reino verde” prevalecen os versos curtos, a cadencia musical e a rima consonántica e regular, nun claro parentesco coas cancións populares infantís de doada memorización. Cada unha das composicións leva como encabezamento textos pertencentes á literatura popular que se presentan marcados en letra cursiva. A voz poética completa e actualiza este universo natural con novas situacións, configurando así un conxunto de frases seriadas, rimas que acompañan a xogos como botar sortes ou as agachadas, cantigas de berce, adiviñas arredor dos nomes dos dedos da man, composicións relacionadas coas actividades dos animais nas distintas estacións do ano, trabalinguas ou sinxelas escenas interpretadas a través dunha ollada lírica. Os trazos poéticos reforzan aspectos básicos para os lectores máis cativos aos que se dirixe, tales como o ritmo, os xogos verbais, as construcións repetitivas e paralelísticas, as enumeracións, as personificacións, as imaxes e, sobre todo, a dimensión lúdica da linguaxe da poesía en tanto xénero, recursos importantísimos á hora de transmitirlles aos nenos e nenas o gusto pola palabra e pola creación poética.
Cómpre destacar que “Reino verde” foi unha das obras finalistas do Premio Lazarillo 2006 entre as 131 presentadas e escritas en todas as linguas do Estado. O poemario constitúe unha boa mostra desa posta en valor da tradición oral e das súas posibilidades para alicerzar a fantasía no mundo actual, partindo dos nosos valores, crenzas e concepcións do mundo, un rico acervo que sorprende tamén neste caso pola súa riqueza léxica.