Drama gañador do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2004, conta a historia do deterioro dunha aparente harmonía entre dúas irmás rota pola entrada dun terceiro nas súas vidas. A peza, dividida en 28 escenas, foi estreada o 2 de decembro de 2005 pola compañía “A Factoría Teatro”.
15 / 5 / 2006
Andrea Álvarez Pino.Santiago
Luísa e mais Helena son irmás e comparten fogar, paixón, vida. Zúganse o ar e o sangue. Precísanse tanto que se roen, que se mancan. Até o desastre. Antón Lopo regálanos unha relación doente desas que tan ben lle acaen ao teatro por permitir a construción de personaxes complexos, turbios e liminares. “Os homes só contan até tres” agocha un microcosmos moi particular artellado por dous caracteres femininos poderosos no que eles nunca serán máis ca pezas conxunturais, chanzos de escaleira, nutrientes que alimentan a unión vital, indisolúbel, das dúas mulleres.
A dialéctica entre o privado e o público estrutura a acción nun movemento pendular de grande efectividade dramática. Esta dicotomía, que introduce un debate de plena actualidade no seo da arte contemporánea, dialoga na fronteira incerta que separa a ficción da realidade. A tensión aséntase nos rotos do xogo metateatral, entendido este nun sentido literal – de cara á galería, no exterior, Luísa é directora e dramaturga; asistimos ao casting de Nico; mesmo temos noticia da opinión da crítica-, pero tamén extrapolábel aos escenarios do cotiá: entre as paredes da casa, o pacto tácito entre as dúas mulleres fai das súas vidas pura ficción escénica: en realidade, é Helena quen vive e transcribe os textos e Luísa quen llos rouba ás agachadas. As irmás levan o finximento até as últimas consecuencias, até o punto de que actúan os seus papeis na intimidade, entre elas, contaminándoselles a personalidade. O cotián distorsiónase de portas cara a dentro mentres a realidade exterior se mantén intacta.
O conflito toma corpo coa chegada de Nico. O lector / espectador comeza a sospeitar que ningunha das relacións se lle amosaron tal como son. O triángulo amoroso non é froito dos sentimentos, senón unha casualidade maniquea que proporcionará o argumento da nova peza de Helena, isto é, do novo éxito profesional de Luísa. O actor-amante descobre a verdade e ameaza con dinamitar o equilibrado sistema vital das irmás. Velaquí o detonante que precipita a acción, revelándonos a unha Helena de instinto animal que abandona o seu rol apoucado e sumiso. Lúcida até a friaxe, non dubidará en matar para salvagardar o sub-mundo que ela e máis Luísa crearon.
Lopo domina a linguaxe teatral contemporánea. Compróbase na construción dos diálogos, dinámicos e porosos, que dosifican a información de maneira precisa e din máis polo que calan, herdeiros do espírito da linguaxe ataudiana e afastados da impronta literaturizante que a miúdo se observa aínda na nosa escrita dramática. Tamén no recurso ao fragmentarismo, tanto na visión estrutural do conxunto das 28 escenas, coma na concepción posmoderna da identidade (os personaxes femininos metaforizan as dúas caras dun mesmo eu). Así mesmo, o enfrontamento e feed-back entre os niveis do público e do privado determinan o espazo, habitualmente pechado, como signo escénico privilexiado. Para rematar, “Os homes...” é unha peza pensada para ser levada aos escenarios: a dimensión espectacular predomina sobre a textual nunha proposta de grandes posibilidades escénicas que xa suxire dende a páxina á inclusión de códigos próximos á arte de acción ou ao teatro do corpo, como ocorre na posta en escena de Factoría Teatro.