Este libro recolle as tres pezas teatrais que compartiron o Premio Estornela de Teatro para nenos e nenas que concedeu a Fundación Neira Vilas en 2004. “O ensaio”, “O porco que perdera a cabeza” e “Xoguetes”: tres doces de ficción para que os máis pequenos se atrevan a por os pés no universo do teatro, tres peciñas que nada teñen que ver agás na vontade de proporcionarlles mundos imaxinarios que converter en realidade.
20 / 2 / 2006
Andrea Álvarez Pino.Santiago
Ediciós do Castro dá a coñecer os últimos Estornela co ánimo de contribuír a esa labor imprescindíbel que é potenciar a creación teatral en galego destinada ao público infantil, e presenta entre as páxinas dun volume único a xestación dun espectáculo no faiado de María, a conversión dun porco acomplexado nun marrao liberado e a denuncia desta época violenta e consumista que se mete sen permiso no cuarto dos xoguetes.
Na súa “O ensaio”, Xosé Agrelo Hermo recorre ao metateatro e arrisca un exercicio de creación que ben podería abstraerse como actividade, escolar ou lúdica, destinada a fomentar o traballo en equipo e a fornecer aos rapaces das claves e os recursos básicos a través dos que deixar escorregar a imaxinación e facela parte indisociábel, inherente, imprescindíbel, das súas vidas. O texto aborda tematicamente o proceso de elaboración dunha obra de teatro e fai do primeiro ensaio de María, Andrés, Catuxa, Tono, Cris, Anxo e Mariña, da súa reunión nese espazo suxerinte e misterioso que é o faiado, lugar de encontro da marabilla do xogo escénico cos mecanismos que a fan posíbel. Case sen se decataren, os pequenos comprenden o feito teatral, e o que é máis importante, sábense portadores da súa maxia.
A unidade de tempo, espazo e lugar que artella a sinxela estrutura de “O ensaio”, repítese na peza de Ana María Galego Gen. “O porco que perdera a cabeza” está destinada a un público aínda máis noviño, polo que o texto vehicula a súa mensaxe social mediante a zoomorfización da realidade. Advertir o valor da diferenza, ter en conta o “efecto bolboreta”, aprender a sermos libres ou recoñecer que a beleza se atopa no noso interior, son os valores que alegoriza esta fábula con forma teatral.
Neno vítima, neno verdugo
O terceiro texto premiado, “Xoguetes”, responde xa a un esquema construcional moito máis complexo que quizais requira un público preadolescente. Non por tratarse dunha peza breve pensada para se representar para e por rapaces deixa o autor de experimentar coa ruptura da ilusión, co código de creación dos personaxes, ou coa dimensión espazo-temporal. Francisco Peleteiro consegue estremecer ao espectador/lector, que asiste a unha sucesión de bocados de realidade que corren a un ritmo semellante ao do disparar vertixinoso dunha metralladora. Fiando a intersección dialóxica entre as que el mesmo denomina “microescenas”, os núcleos da acción, mediante un torrente de composicións espaciais de grande impacto visual e emocional, reflicte os espasmos dun mundo enfermo de violencia que atopa nos nenos as súas vítimas máis imperdoábeis, os seus verdugos máis terríbeis. O abismo que separa a ricos e pobres, contextualiza o universo dramático de “Xoguetes”. A indiferenza e a hipocrisía, os medios de comunicación, o consumismo atroz, o asasinato ou a explotación infantil contaminan o dereito a non ser manipulados e mesmo o dereito dos nenos a xogar. O poder da imaxinación constitúe de novo o elemento transgresor nunha peza que fará cavilar tanto a nenos como a adultos.
A Fundación Neira Vilas e Ediciós do Castro están de noraboa por contribuír a esa tarefa necesaria de recuperar e renovar o teatro infantil, que precisa de esforzos de creación serios e coraxosos que, paseniño, fagan profesionais “para outro tempo”, e o que se cadra é máis importante: novos públicos, experimentados e diversos, o alento que lle falta ao noso teatro.