Cunha homenaxe ao cine Pernas rompe a concepción tradicional do espectador invertendo os papeis de quén mira e quén é mirado nesta obra que é o seu mellor texto teatral e que recolle as principais liñas temáticas e estéticas do teatro deste autor. Esta obra obtivo o XII Premio de Teatro Rafael Dieste da Deputación da Coruña na convocatoria do ano 2005.
5 / 6 / 2006
Inma López Silva. Santiago de Compostela
O Premio Rafael Dieste en 2005 foi, nesta ocasión, para un drama sobre cine. En efecto, o equívoco é o principal sinal de identidade de “Final de película”, de Gustavo Pernas, seguramente o seu mellor texto teatral que recolle en si as principais liñas temáticas e estéticas do teatro deste autor que amosa aquí unha madurez que aínda pode ofrecer moito nesta liña realista que semella un certo xiro en relación cos seus textos anteriores.
“Final de película” é unha obra de estrutura absolutamente medida na que predomina a acción e a superación dos roles comunicativos tradicionais no teatro. O texto abarca en si mesmo os actores no escenario, pero tamén os espectadores que miran, e os personaxes da obra que son espectadores dentro da ficción e que xogan cunha realidade intuída e que se dilúe nos múltiples niveis dunha organización en espiral abafante, sinal dun destino inevitábel.
“Final de película”. O propio título remite á contradición, á temíbel (especialmente no cine) referencia ao final que, porén, é constante no texto. Por iso os personaxes non deixan de repetir Niemand verdiest dieser Ende, (“Ninguén merece este final”), facendo que o lector intúa o desenlace tráxico. Pero o lector tamén se ve modificado no seu propio rol comunicativo; velaí a maior virtude de “Final de película”, Gustavo Pernas rompe a concepción tradicional do espectador, xa que inverte os papeis de quén mira e quén é mirado. Nesta obra, os actores e os personaxes son a súa vez espectadores, de xeito que ninguén é quen os demais cren que é. Esa é, dun xeito ou doutro, a teatralidade levada ao extremo, xa que se amosa un mundo rexido pola lei da casualidade. O imprevisíbel, de feito, é o desencadeante da traxedia, porque aparece directamente equiparado ao descoñecido. E o descoñecido, como non podía ser doutro xeito, e emparentando directamente con toda a produción anterior de Gustavo Pernas, está estreitamente relacionado co marxinal.
O argumento ten toques satrianos e pirandelianos: sete personaxes encóntranse, nun encerro que non é tal pero que asumen como inevitábel, nunha sala de cine mentres ven unha película que se interrompe por unha avaría. Os personaxes desenvolven a acción a través da conversa, construíndo así a obra máis realista de Gustavo Pernas na que se pode ver unha progresión temática en relación coas obras anteriores do autor. Insístese, de feito, no compromiso inherente ao propio teatro e de aí que os personaxes sexan todos eles desfavorecidos, condenados, perdedores, marxinados: cegos, maltratados, inmigrantes, putas e bolseiras, pero, sobre todo, hai un discurso de compromiso a favor das mulleres.
Ante todo “Final de película” é unha homenaxe ao cine, ese mesmo que as nosas vidas parecen imitar, cegándonos dun xeito ou doutro para percibir a realidade tal cal é. Gustavo Pernas, xustamente, colle o cine para desmontar a farsa, e conségueo cunha obra de compromiso na que, de certo, hai lugar para a utopía.