Novas | 981 a 990 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

10/09/2019
O Festival de Cinema Rural Carlos Velo intégrase no FICRural

Entre os vindeiros 22 ao 28 de setembro Santiago de Compostela acollerá a primeira edición do Foro Internacional de Economía e Cultura Rural. O evento, que coordinan os colectivos Arraianos e Lareira Pop, conta co apoio do Concello e da Deputación da coruña, e integra a quinta xeira do Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo. Para alén dos obradoiros, proxeccións, ou as xincanas fotográficas deste programa, o novo foro incluirá unha sección dedicada ao xogo tradicional e mais unha feira orientada a amosar proxectos de emprendemento rural na que se programarán concertos e outras actividades. . Amplía a nova>>

10/09/2019
A Fundación AISGE premia á actriz María Bouzas pola súa traxectoria

A Fundación AISGE decidiu outorgar o Premio A Toda Unha Traxectoria dentro do 24º Festival de Cinema de Ourense (OUFF) á actriz coruñesa María Bouzas, como recoñecemento a súa ampla andadura en tódalas ramas da interpretación e o seu compromiso coa profesión e a sociedade civil galega. A delegada de da sociedade de xestión de dereitos para artistas e intérpretes, AISGE, en Galicia, a tamén actriz Isabel Blanco, será a encargada de facerlle entrega do galardón. O nome de Bouzas súmase a outras figuras destacadas da escena galega que recibiron o aplauso desta entidade de xestión de propiedade intelectual. No caso de 2018, a recoñecida coa figura foi Mabel Rivera. A nova galardoada por AISGE xa acumula outros recoñecementos importantes na súa traxectoria, o máis significativo o Premio de Honra Fernando Rey nos Mestre Mateo do audiovisual galego de 2018. A aquela figura debemos sumarlle, por agora, cinco Mestre Mateo, dous María Casares de teatro e un Premio da Cultura Galega.. Amplía a nova>>

06/09/2019
O Cormorán Film Fest estréase como festival internacional de cine de autor na Coruña

Sete longametraxes e oito curtametraxes optarán aos galardóns do palmares do novo Cormorán Film Fest que se inaugura o luns 9 de setembro na Coruña. Esta nova cita audiovisual organizada desde a distribuidora e promotora Cormorán Cinema da Coruña nace como un festival internacional de cine de autor, “disposto a traer ao verán coruñés obras cinematográficas de todo o mundo, que ofrezan puntos de vista frescos e poderosos”, segundo eles mesmos se presentan. Entre o 9 e o 14 de se4tembro ofrecen a proxección dos filmes en competición no espazo Normal da Universidade da Coruña, e ademais cinco concertos na sala Mardi Gras o xoves e o venres con Bandas como Blanco Palamera, Seda, Oh Ayatollah!, Cabiria e Hnos Muñoz. O palmarés ofrecerá Premio do xurado, Mención especial e Premio do público na categoría de curtametraxes, mestres que na de longametraxes ademais dos mencionados engádese un premio especial: o Premio María Pita á obra máis valente. Al longametraxes desta edición chegan cada unha das sete de un país distinto. Entre as curtametraxes poderán verse obras galegas como 16 de decembro de Álvaro Gago ou Rapaz de Felipe Gálvez. As entradas están á venda para as proxeccións e os concertos.. Amplía a nova>>

05/09/2019
Estréase en Francia 'O que arde' con éxito de difusión comercial

O cineasta Oliver Laxe volveu esta semana á súa cidade de nacemento, París, para presentar a estrea en Francia de O que arde, a súa máis recente e aclamada película. O filme, que en Francia levará como título Viendra le feu comezou o seu percorrido no circuíto francés e chegará en principio a 54 salas en 21 cidades de todo o país galo da man da distribuidora internacional Pyramide Films. Os principais medios xeneralistas e especializados do país cubriron profusamente a estrea da película que chegará a 54 salas na súa versión orixinal en galego subtitulada coa historia rural de Amador Coro e a súa nai Benedicta que xa engaiolou aos membros do xurado de Cannes e que está conseguir presencia e recoñecemento en todas as citas internacionais. A película chegará ás salas comerciais en España o vindeiro 11 de outubro da man de NUMAX Distribución pero con menos difusión no noso país do que se presenta en Francia. O festival Curtocircuíto de Santiago fará un pase especial da película o vindeiro 1 de outubro.. Amplía a nova>>

03/09/2019
Un festival WOS impulsado polos recoñecementos preséntase como consolidado

A sexta edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que terá lugar en Santiago do 11 ao 15 de setembro, é a da consolidación. Así o considerou hoxe o seu director Iván Arias do mesmo xeito que os patrocinadores públicos e privados e que interviron na presentación do evento e do seu programa completo marcado de novo polas vangardas creativas no musical, audiovisual e multidisciplinar. A falta de pouco máis dunha semana para o seu comezo o WOS chega este ano presumindo de ter sido recoñecida a súa anterior edición cos galardóns ao Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e á Mellor Promoción Turística nos Iberian Festival Awards, que lle deron unha proxección que xa viña apoiada polo percorrido anterior. Arias foi claro ao afirmar que desde organización estaban a notar a visibilidade que o evento acadou máis alá do eido local e galego ao ver aumentar a solicitude de acreditacións de medios foráneos e a constatar "o mellor rimo de venda de entradas da historia do festival", segundo el. Entre os días 11 e 15 de este mes trinta e dous artistas de máis de dez nacionalidade distintas e en espazos do máis diversos da cidade conforman unha oferta diferenciada respecto ao resto de festivais cuns criterios que responden, segundo o propio Iván Arias á busca da singularidade na creación contemporánea, a ofrecer a artistas difíciles de ver nos circuítos habituais, mesmo buscando aqueles que non tiveran actuado antes no territorio español. Este ano o festival urbano, inserido na marca Fest Galicia , será obxecto dun dos Estudos de Impacto económico, social e comunicativo que se promoven a través de Agadic. . Amplía a nova>>

03/09/2019
O FICBueu bate marcas na súa duodécima edición

Do 6 ao 14 de setembro o Festival Internacional de Curtas de Bueu (FICBueu) celebra a súa duodécima edición a bater marcas. En total proxectaranse no evento 128 curtametraxes como parte dun programa que abrangue 65 actividades. A nivel audiovisual, a organización destaca que da selección de filmes 70 veranse verán por primera vez en Galicia e 30 serán estreas a nivel estatal. Como novidade, o evento incorpora dúas novas seccións, Experimental e Nouvelle Vague, ás xa existentes de Galicia R, España, Internacional e Panorama, sen contar as destinadas ao público novo. Entre as actividades paralelas están previstos encontros con profesionais como o actor Luis Zahera, o director Xacio Baño, o produtor Sergio Frade ou a directora de arte Elia Robles ademais de dous encontros sectoriais protagonizados polas asociacións Proxecta e CREA.. Amplía a nova>>

03/09/2019
Comeza en San Sadurniño o Chanfaina Lab máis extenso

Co programa máis extenso da súa historia, o Chanfaina Lab inicia hoxe en San Sadurniño a súa sexta xeira. A iniciativa centra a súa actividade na formación ata o vindeiro venres, con obradoiros sobre montaxe audiovisual, animación 3D e videoxogos, creación de APP’s e fotografía 3D. Na noite dese mesmo día desenvolverase a habitual Eira de Cineastas na que se poderan ver curtametraxes e fragmentos de traballos realizados polas persoas participantes. . Amplía a nova>>

02/09/2019
Homenaxe a Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa en Curtocircuíto

A 16ª edición de Curtocircuíto fará unha homenaxe a Euloxio R. Ruibal ao Equipo Lupa, creadores de importancia vital na década dos setenta que contribuíron á configuración do que hoxe é o cinema galego. O programa, que levará por nome “Curtocircuíto x Cineclube de Compostela: Euloxio R. Ruibal e o Equipo Lupa” e estará marcado polo carácter documental, acollerá a proxección de pezas como A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); O Corpiño (1973), rexistro da popular romaría; Peliqueiros (1973), arredor do Antroido de Laza; O edificio Castromil (1975), na que se verán integramente, de xeito público, en pantalla grande e despois de máis de corenta anos as imaxes do derrubamento do emblemático edificio compostelán no ano 1975 e Holocausto (1972), a única ficción. A comezos da década dos setenta o Equipo Lupa foi o primeiro grupo que, de xeito continuado, emprendeu un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galicia e en galego. Formado por Euloxio R. Ruibal, Félix Casado, Ana Antón, Roberto Vidal Bolaño, Clemente Crespo, Xosé Ramón Pousa, Miguel Pérez Romero, Lucrecia Carril, Pablo Crespo, Jesús Velasco, etc, tiña entre os seus obxectivos principais o de soster a valoración do cine como forma de expresión e como medio de comunicación entre a cidadanía, partindo dunha atención preferente á cultura tradicional.. Amplía a nova>>

30/08/2019
O festival de arte audiovisual INTERSECCIÓN apoiará tres proxectos creativos

INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporáneo , que celebrará a súa segunda edición do 24 ao 27 de outubro na Fundación Luis Seoane de A Coruña, apostará este ano polo desenvolvemento de proxectos creativos a través da iniciativa INTERSECCIÓN LAB . A convocatoria para a recepción de dossieres estará aberta ata o venres 6 de setembro. INTERSECCIÓN é un festival de audiovisual contemporáneo que busca xerar un espazo para dar visibilidade a obras elaboradas por artistas locais, nacionais e internacionais que se sitúan á marxe da industria cinematográfica tradicional e que manexan tanto códigos estéticos como procesos de creación anovadores. As tres persoas que resulten seleccionadas para o LAB poñerán en común e debateran sobre os seus proxectos, baixo a coordinación do artista Enrique Lista , en tres sesións que terán lugar durante os días do festival. Na derradeira xornada, profesionais do sector opinarán sobre estes traballos tras a presentación dos mesmos. Algúns dos requisitos para participar nesta convocatoria son ter nacido ou residir en Galicia, ser maior de 18 anos e desenvolver un proxecto artístico audiovisual. Nesta segunda edición INTERSECCIÓN quere ampliar e consolidar a súa oferta mantendo a súa sede na Fundación Luis Seoane de A Coruña, onde, ademais de ofrecer múltiples formatos de exhibición, complétase con actividades de xeración e transferencia de coñecemento, de encontro e formación específica, e de diálogo aberto cos diversos públicos, entre os que se atopan investigadoras, galeristas, comisarias e demais profesionais, así como a cidadanía en xeral.. Amplía a nova>>

29/08/2019
A Deputación de Ourense farase cargo do OUFF de xeito permanente

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome acordaron iniciar os trámites para que a Deputación de Ourense asuma, de xeito permanente, a organización do Ourense Film Festival (OUFF) que xa asumiu na pasada edición e na que está por comezar este mes de setembro. Despois de moitos avatares que puxeron a súa continuidade en xogo durante o pasado ano o ente provincial deu un paso adiante que fixo posible a celebración da 23ª edición en novembro do 2018. O actual alcalde manifestárase en contra de manter o festival cando estaba na oposición. A 24ª edición do OUFF celebrarase agora do 27 de setembro ao 5 de outubro e a súa sede oficial será o centro cultural Marcos Valcárcel. Miguel Anxo Fernández dirixirá por segundo ano consecutivo o evento que terá como país convidado a México, e adicará unha das súas seccións ao cine que se está a producir en México coa colaboración da Fundación Carlos Velo e o Centro de Capacitación Cinematográfica de México, entidade de referencia no sector, fundado en 1975 polo galego Carlos Velo. Durante o transcurso da OUFF entregarase a Calpurnia de Honra Internacional desta edición ao actor francés de orixe ourensá José García, en recoñecemento a súa carreira no mundo da interpretación. Asemade, o director ourensán Norberto López Amado será galardoado co Premio Ourense, un dos máis arraigados na historia do Ourense Film Festival e que nesta 24ª edición quere homenaxear a traxectoria e o traballo de Norberto López Amado.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org